Vítor de Manuel Casás Fernández
Manuel Casás naceu na Coruña (1867-1960). Estudou Dereito na Universidade de Santiago. Ingresou na Real Academia Galega en 1936, da que foi o seu presidente entre 1942 e 1960. O vítor co que se lle honra móstranos un retrato seu. Encádrao un marco que presenta o escudo da Universidade. Tamén poden verse os escudos da Real Academia Galega, orlado co seu lema -Colligit, Expurgat, Innovat- e o propio de Galicia. Como é habitual, na parte baixa preséntase o epígrafe alusivo ao personaxe.
É obra asinada por Luis Quintáns Goyanes, datada en 1961.
Manuel Casás desenvolveu un importante labor como avogado, xornalista, escritor e orador (vid. M. Dafonte, 1942, pp. 153-159; A. Couceiro Freijomil, 1951, pp. 244-246 ). Foi alcalde da Coruña entre 1916-1917 e 1925-1927 (vid. S. Daviña Sáinz, 1999). Presidiu a Comisión organizadora que, desde o Instituto de Estudos Galegos, levou a cabo o Primeiro Congreso de Estudos Galegos en 1919. Foi fundador (1943) e presidente do Instituto de Estudos Galegos.
Foi recoñecido como Cabaleiro da Orde de Afonso XII, Comendador con placa da de Isabel a Católica, Cruz Vermella da República Cubana… (S. Riscto, 1961, pp. 296-300). Tamén se lle outorgou a primeira Medalla de Ouro da Cidade da Coruña (M. Dafonte, 1942, p. 155; S. Daviña Sáinz, 1999, pp. 223-227).
O seu retrato está asentado sobre unha mesa na que hai un libro e un tinteiro cunha pluma. Como é habitual, na parte baixa preséntase o epígrafe alusivo ao personaxe. Di así: N. 1867. EXCMO SR. D. MANUEL CASÁS FERZ + 1960. DR EN DERE-/ CHO ALUMNO DISTINGUIDO QUE FUE DE ESTA UNIVERSIDAD. REGIDOR/ DE LA CIUDAD DE LA CORUÑA. PENALISTA INSIGNE. ESCRITOR ILUSTRE QUE EXAL-/TO A SU GALICIA. PRETE. DE LA REAL ACADEMIA GALLEGA. HONRA DEL FORO
No bordo inferior do retrato pode verse a sinatura do pintor Quintáns Goyanes; un artista, de nome Luís, nacido en Santiago en 1908, Marqués de Almeiras, especialista no retrato e que, ademais de ser profesor da Escola de Artes Aplicadas e Oficios Artísticos da Coruña, foi director do Museo de Belas Artes da mesma cidade e membro de número da Academia da nosa Señora do Rosario (Dicionario, 1970, p. 1286; M. Chamoso Lamas, 1974, p. 37). Este vítor presentouse na Universidade o 2 de decembro de 1961, nun acto presidido polo reitor Echeverri. A obra foi custeada pola Real Academia Galega sendo nese momento o seu presidente Sebastián Martínez-Risco y Macías, quen asistiu ao acto, como tamén o fixo o alcalde da Coruña, Sergio Peñamaría de Llano. No acto correspondente, desenvolvido no Paraninfo, falou o decano da Facultade de Dereito, Paulino Pedret Casado, quizais especial promotor desta homenaxe (Noticias, 1968, pp. 147-148. Vid. J. M. García Iglesias, 2016, pp. 328-329).
Xa desde os primeiros tempos da posta en marcha do colexio de Fonseca debeuse de honrar a personaxes de relevo que tiveron relación con el mediante un vítor; aínda se conservan na fachada principal, cara ao lado sur, restos dun antigo do que pode verse en caracteres de gran formato parte dun nome.
Faise de tal modo mención a alguén concreto ao que se quere recoñecer, xa que esa é a finalidade das aclamacións, seguíndose neste sentido polo modo de pintar os caracteres en vermello, formas semellantes ás utilizadas entre outras institucións pola Universidade de Salamanca, na que este costume vai ter unha fonda e perseverante tradición.
Pero a factura de vítores ía plasmarse a partir do primeiro terzo do século XIX en obras pictóricas nas que se conxugan o recoñecemento a un determinado personaxe a través dunha imaxe, de cariz alegórico, e unha lenda co testemuño dos seus méritos persoais. Consérvanse tres entre os que gardou o Colexio de Santiago Alfeo, ou “Maior de Fonseca”: os de Benito Ramón Hermida, Manuel Pardo Ribadeneira e Jacobo María de Parga y Puga, citados por orde de antigüidade.
M. Chamoso Lamas, 1974: M. Chamoso Lamas, “Quintas Goyanes, Luis”, Gran Enciclopedia Gallega, XXVI, p. 37.
A. Couceiro Freijomil, 1951, A. Couceiro Freijomil, COUCEIRO FREIJOMIL A., Diccionario Bio-Bibliográfico de escritores. Santiago de Compostela (Bibliófilos Gallegos), 1951, t. I, pp. 244-246.
M. Dafonte, 1942: M. Dafonte, “El Presidente de la Academia- Don Manuel Casás Fernández ha celebrado sus bodas de oro con la abogacía”, Boletín de la Real Academia Gallega, XXIII, 268 (1942), pp. 153-159.
S. Daviña Sáinz, 1999: S. Daviña Sáinz, Nuestro diario íntimo. Memorias del alcalde Manuel Casás Fernández (al servicio de La Coruña y de Galicia). A Coruña (Concello da Coruña), 1999.
Diccionario, 1970: Diccionario Biográfico Español Contemporáneo, vol. III N-Z, Madrid (Círculo de Amigos de la Historia), 1970, p. 1286.
J. M. García Iglesias, 2016: J. M. García Iglesias, Minerva, la Diosa de Compostela. Espacios y obras a relacionar con el saber, Santiago de Compostela (Andavira Editora- Consorcio de Santiago), 2016, pp. 328-329.
Noticias, 1968: Noticias, “Un vítor en la Universidad de Santiago a don Manuel Casás”, Boletín de la Real Academia Gallega, XXX (1968), pp. 147-148
S. Risco, 1961: S. Risco, “Don Manuel Casás Fernández”, Boletín de la Real Academia Gallega, XXIX., 339-344 (1961), pp. 296-300.