Vítor de Manuel Fernández Varela
Neste vítor, unha figura de Apolo leva na súa man dereita unha coroa e na outra a lira que o personaliza. Dita coroa vai poñela sobre o escudo que identifica o personaxe e que se mostra, tamén, distinguido coa cruz e banda de Carlos III. Ao outro lado, unha figura de Minerva sedente apoiada sobre outro escudo -o da Universidade- mantén na súa man unha barreta, en actitude de entrega, tamén relacionada co escudo de Fernández Varela (1772-1834). Todo discorre a ceo aberto, nunha mitolóxica paisaxe na que se distinguen, entre outros motivos, un templo de forma redonda -o templo da Sabedoría-; un personaxe voando, tocando unha trompeta símbolo da Fama; e o cabalo de Pegaso, alzando tamén o voo. Na inscrición correspondente figura unha data: 1827 (?).
Este vítor complétase cunha epígrafe que di: AL EXMO. E YLMO. SR. DN. MANUEL FERNZ VARELA DEL GREMIO/ Y CLAUSTRO DESTA RL. UNIVERD. ARCEDIANO D. MADD DIGNI/ DAD DELA S. M. Y. DE TOLEDO. CABALLO, GRAN CRUZ DELA RL Y / DISTINGA. ORN DE CALOR III, YNDIVIDUO NATO DELA REAL/ JUNTA DE LA INMACULADA CONCEP. DELA RL ACADEMIA/ DE LA HISTORIA, DE LA DE LAS NOBLES ARTES DE SN FERNANO DE MA/DRID DELA DE SN CARLOS DE VALENCIA Y DE VARIAS SOCIEDADES LITERARIAS ECONOMICAS Y DE BENEFICENCIA DEL REYNO / YNDIVIDUO Y PRESIDENTE DELA COMISION APOSTOLICA/ PARA EL NUEVO SUBSIDIO , Y DEL TRIBUNAL APOSTOLICO Y RL/ DE LA GRACIA DEL ESCUSADO DEL CONSEJO DE S M SU PRE/ DICADOR Y COMISARIO APOSTÓLICO GENERAL DE LA STA CRUZA/ DA Y DEMÁS GRACIAS EN TODOS LOS DOMINIOS DE S M C/ 1827
De ser adecuadamente lida, a data correspóndese co momento no que se lle outorga a Gran Cruz da Orde de Carlos III. Existen certos parecidos no concepto do vítor cos de Manuel Pardo Ribadeneira e Jacobo María de Parga e Puga, realizados para o Colexio de Santiago Alfeo, ou de Fonseca, que mesmo levan a pensar nunha autoría similar para estas tres representacións, aínda cando o de Fernández Varela -tendo en conta o que di a epígrafe- foi encargado polo “GREMIO/ Y CLAUSTRO DESTA RL. UNIVERD” e, polo tanto, para ocupar un lugar no seu espazo propio (Vid. J. M. García Iglesias, 2016, pp. 275-276).
Xa desde os primeiros tempos da posta en marcha do colexio de Fonseca debeuse de honrar a personaxes de relevo que tiveron relación con el mediante un vítor; aínda se conservan na fachada principal, cara ao lado sur, restos dun antigo do que pode verse en caracteres de gran formato parte dun nome.
Faise de tal modo mención a alguén concreto ao que se quere recoñecer, xa que esa é a finalidade das aclamacións, seguíndose neste sentido polo modo de pintar os caracteres en vermello, formas semellantes ás utilizadas entre outras institucións pola Universidade de Salamanca, na que este costume vai ter unha fonda e perseverante tradición.
Pero a factura de vítores ía plasmarse a partir do primeiro terzo do século XIX en obras pictóricas nas que se conxugan o recoñecemento a un determinado personaxe a través dunha imaxe, de cariz alegórico, e unha lenda co testemuño dos seus méritos persoais. Consérvanse tres entre os que gardou o Colexio de Santiago Alfeo, ou “Maior de Fonseca”: os de Benito Ramón Hermida, Manuel Pardo Ribadeneira e Jacobo María de Parga y Puga, citados por orde de antigüidade.
R. M. Cacheda Barreiro, 2007: R. M. Cacheda Barreiro, “ O Vítor como soporte iconográfico. Heráldica, alegoría e retrato”, en (Catálogo de Exposición) Sigillum. Memoria e identidade da Universidade de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela (Universidade de Santiago de Compostela), 2007, pp.87-98.
J. M. García Iglesias, 2016: J. M. García Iglesias, Minerva, la Diosa de Compostela. Espacios y obras a relacionar con el saber, Santiago de Compostela (Andavira Editora- Consorcio de Santiago), 2016, pp. 223-226.