Vítor de Manuel Pardo Ribadeneira
Neste vítor de Manuel Pardo (1759-1839) preséntase o escudo de Fonseca, sostido por unha columna estriada e rodeado por unha grilanda. Tamén unha figura portadora leva na súa destra unha coroa, relacionada co honor que lle é debido e co que cabe, ademais, vincular o bonete negro e outros elementos anexos dispostos ao pé de dita columna. Como fondo disponse un templo da Sabedoría, en tanto que diante, a un lado, poden verse tanto libros -cuxos lombos aluden a Sócrates e Cicerón- coma símbolos do exercicio da Xustiza: a balanza e o feixe de lictores. Na outra parte, hai unha figura sedente cunha pluma nunha man mentres sostén un libro aberto; nel pode lerse SUADE/ RE, que cabe entender como alegoría da Historia. Abaixo hai unha epígrafe que data a obra en 1827. Fíxose para o Colexio de Fonseca.
Xa desde os primeiros tempos da posta en marcha do colexio de Fonseca debeuse de honrar a personaxes de relevo que tiveron relación con el mediante un vítor; aínda se conservan na fachada principal, cara ao lado sur, restos dun antigo do que pode verse en caracteres de gran formato parte dun nome.
Faise de tal modo mención a alguén concreto ao que se quere recoñecer, xa que esa é a finalidade das aclamacións, seguíndose neste sentido polo modo de pintar os caracteres en vermello, formas semellantes ás utilizadas entre outras institucións pola Universidade de Salamanca, na que este costume vai ter unha fonda e perseverante tradición.
Pero a factura de vítores ía plasmarse a partir do primeiro terzo do século XIX en obras pictóricas nas que se conxugan o recoñecemento a un determinado personaxe a través dunha imaxe, de cariz alegórico, e unha lenda co testemuño dos seus méritos persoais. Consérvanse tres entre os que gardou o Colexio de Santiago Alfeo, ou “Maior de Fonseca”: os de Benito Ramón Hermida, Manuel Pardo Ribadeneira e Jacobo María de Parga y Puga, citados por orde de antigüidade.
A epígrafe que completa esta obra di: AL DR DN MANUEL PARDO, DEL CON/SEJO D S. M, OIDOR Y REGENTE/ QUE HA SIDO D LA RL AUDIENCIA D/ CUZCO, MINISTRO TOGADO DL SUPRE-/MO CONSEJO D HACIENDA, COLEG. Y/ RECTOR Q, HASIDO EN ESTE COLE/GIO MAYOR D FONSECA AÑO D 1827 (F. J. Sánchez Cantón, 1978, p. 153; M. P. Casas Gil, 2007, p. 122; J. M. Monterroso Montero, 2007, p. 83. Vid, J. M. García Iglesias, 2016, pp. 257-258). Hai un retrato seu que pertenceu tamén a este Colexio (Vid. J. M. García Iglesias, 2016, pp. 189-190).
A. Abella Gallego, 2007: A. Abella Gallego, BELLA GALLEGO, A., “Entre a conservación e a restauración. O esforzo de manter a memoria colectiva”, en (Catálogo de Exposición) Sigillum. Memoria e identidade da Universidade de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela (Universidade de Santiago de Compostela), 2007, pp. 73-84.
M. P. Casas Gil, 2007: M. P. Casas Gil, “Memoria e personaxes. Unha constante na historia da Universidade”, en (catálogo de exposición) Sigillum. Memoria e identidade da Universidade de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela (Universidade de Santiago de Compostela), 2007, pp. 115-133.
J. M. García Iglesias, 2016: J. M. García Iglesias, Minerva, la Diosa de Compostela. Espacios y obras a relacionar con el saber, Santiago de Compostela (Andavira Editora- Consorcio de Santiago), 2016, pp. 189-190. 257.
J. M. Monterroso Montero, 2007: J. M. Monterroso Montero, “Sinais de identidade, símbolo dunha universidade”, en (catálogo de exposición) Sigillum. Memoria e identidade da Universidade de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela (Universidade de Santiago de Compostela), 2007, pp. 63-70.
F. J. Sánchez Cantón, 1978: F. J. Sánchez Cantón, “El consejero de S.M. Don Manuel Pardo (1759-1839) tronco de un ilustre linaje peruano”, El Museo de Pontevedra, 32 (1978), pp. 151-168.