Vítor de Ramón Otero Pedrayo

Xurxo Martiño
José Manuel García Iglesias

Ramón Otero Pedrayo (1888-1976) estudou Dereito e Filosofía e Letras na Universidade de Santiago onde ocupou a cátedra de Xeografía ata 1958, ano no que se xubila. O seu vítor parte dun retrato seu de xuventude, pretendéndose quizais con isto remitirnos ao dun tempo anterior á Guerra Civil e, polo tanto, aos anos nos que a súa obra se moveu nuns maiores ámbitos de liberdade. O vítor en cuestión está asinado: X. Martiño- 1996 e conta co correspondente epígrafe. Fíxose no marco das celebracións do V Centenario da Universidade compostelá.

Ramón Otero Pedrayo naceu en Ourense. Foi profesor de Xeografía e Historia dos institutos de Burgos, Santander e Ourense (1921), antes de selo da Universidade de Santiago. Brillante orador, é un dos significativos expoñentes da denominada xeración Nós, título da revista de referencia da cultura galega entre 1920 e 1936.

Tamén formou parte das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos, do que foi presidente. A súa obra escrita proxéctase en diferentes campos: poesía, novela, teatro, ensaio, ademais das súas achegas nos ámbitos dos estudos de Xeografía e Historia (Vid. X. R. Quintana Garrido, M. Valcárcel, 1988; C. Casares Mouriño, 2002; A. Torres Queiruga, M. Rivas García, 2008, pp. 654-656; A. J. Rajó, 2009). Participou na posta en marcha do Instituto Pai Sarmiento de Estudos Galegos (1943), na fundación do Padroado Rosalía de Castro (1948) e na da Editorial Galaxia (1950).

Á súa morte contaba coa consideración de ser o patriarca das Letras Galegas (C. A. Baliñas Fernández, 1974, pp. 152-161; C. A. Baliñas Fernández, 1991; C. Casares Mouriño, 2002; R. Otero Pedrayo, 2010 ). Como tal, lembróuselle especialmente no ano 1988, no que se lle dedicou, precisamente, o Día dás Letras Galegas (Vid. R. Otero Pedrayo, 1988a; R. Otero Pedrayo, 1988 b; X. R. Quintana Garrido, M. Valcárcel, 1988). É, por outra banda, un dos fundadores, en 1931, do Partido Galeguista e, en 1932, participou nas Cortes Constituíntes da República (X. R. Barreiro Fernández 2003, II, pp. 58).

Parte da presenza dun retrato seu de mocidade, pretendéndose con iso, quizais, remitirnos ao Otero Pedrayo dun tempo anterior á Guerra Civil e, por tanto, aos anos nos que a súa obra se moveu nuns maiores ámbitos de liberdade. Inclúese tal imaxe nun conxunto de planos delimitados entre liñas rectas; nalgún caso sobre algún deses espazos poden verse debuxos de carácter xeométrico desde os que, quizais, o pintor procure aludir á indagación na que estivo sempre inmerso. Tamén pode verse na metade inferior do espazo pintado unha especie de táboa, a modo de mesa, na que se pousan unhas lentes que evocan ao personaxe, unha branca folla e un conxunto de fascículos e libros amoreados sobre os que se atopan unhas tesoiras que foron interpretadas como unha “… referencia á faceta intelectual e erudita do personaxe” (M. P. Casas Gil, 2007, pp. 128). O vítor en cuestión está asinado: X. Martiño- 1996.

A inscrición que o completa di así: Ó EXCMO SR. D. RAMÓN OTERO PEDRAYO (5/03/1888-10/04/1976), / CATEDRÁTICO DE XEOGRAFÍA DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE / COMPOSTELA, ESCRITOR, ELOCUENTE ORADOR, E PRESIDENTE/ QUE FOI DO SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGOS.

Xa desde os primeiros tempos da posta en marcha do colexio de Fonseca debeuse de honrar a personaxes de relevo que tiveron relación con el mediante un vítor; aínda se conservan na fachada principal, cara ao lado sur, restos dun antigo do que pode verse en caracteres de gran formato parte dun nome.

Faise de tal modo mención a alguén concreto ao que se quere recoñecer, xa que esa é a finalidade das aclamacións, seguíndose neste sentido polo modo de pintar os caracteres en vermello, formas semellantes ás utilizadas entre outras institucións pola Universidade de Salamanca, na que este costume vai ter unha fonda e perseverante tradición.

Pero a factura de vítores ía plasmarse a partir do primeiro terzo do século XIX en obras pictóricas nas que se conxugan o recoñecemento a un determinado personaxe a través dunha imaxe, de cariz alegórico, e unha lenda co testemuño dos seus méritos persoais. Consérvanse tres entre os que gardou o Colexio de Santiago Alfeo, ou “Maior de Fonseca”: os de Benito Ramón Hermida, Manuel Pardo Ribadeneira e Jacobo María de Parga y Puga, citados por orde de antigüidade.

C. A. Baliñas Fernández, 1974: C. A. Baliñas Fernández, “Otero Pedrayo, Ramón”, Gran Enciclopedia Gallega, 23 (1974), pp. 152-161.

C. A. Baliñas Fernández, 1991: C. A. Baliñas Fernández, Descubrindo a Otero Pedrayo, Santiago de Compostela (Fundación Universitaria da Cultura. Coordenadas), 1991.

X. R. Barreiro Fernández 2003: X. R. Barreiro Fernández, (coord.), Parlamentarios de Galicia : biografías de deputados e senadores (1810-2003). Santiago de Compostela (Parlamento de Galicia. Real Academia Galega) , 2ª Ed. 2003, 2 vols.

C. Casares Mouriño, 2002: C. Casares Mouriño, R. Otero Pedrayo, Vigo (Galaxia), 2002.

M. P. Casas Gil, 2007: M. P. Casas Gil, “Memoria e personaxes. Unha constante na historia da Universidade”, en (Catálogo de Exposición) Sigillum. Memoria e identidade da Universidade de Santiago de Compostela, Santiago de Compostela (Universidade de Santiago de Compostela), 2007, pp. 115-133.

J. M. García Iglesias, 2016: J. M. García Iglesias, Minerva, la Diosa de Compostela. Espacios y obras a relacionar con el saber, Santiago de Compostela (Andavira Editora- Consorcio de Santiago), 2016.

R. Otero Pedrayo, 1988a: R. Otero Pedrayo, Ramón Otero Pedrayo (1888-1976): Día das Letras Galegas , Santiago de Compostela (Xunta de Galicia), 1988.

R. Otero Pedrayo, 1988b: R. Otero Pedrayo, Ramón Otero Pedrayo na Revista Nós: 1920-1936: (escolma): Día das Letras Galegas 1988. Santiago de Compostela (Universidade de Santiago de Compostela), 1988.

R. Otero Pedrayo, 2010: R. Otero Pedrayo, O mellor de… (1888-1976), A Coruña (La Voz de Galicia), 2010.

X. R. Quintana Garrido, M. Valcárcel, 1988: X. R. Quintana Garrido, M. Valcárcel Ramón Otero Pedayo: vida, obra e pensamento, Vigo (Ir Indo), 1988.

A. J. Rajó, 2009: A. J. Rajó. , Ramón Otero Pedrayo: escritor, Vigo ( Ir Indo), 2009.

A. Torres Queiruga, M. Rivas García, 2008: A. Torres Queiruga, M. Rivas García, (Coord.), Diccionario Enciclopédia do Pensamento Galego, Vigo (Xerais. Consello da Cultura Galega), 2008.

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000071
Autoría: Xurxo Martiño
Título: Vítor de Ramón Otero Pedrayo
Temas: 
Conmemorativo
Retrato
Masculino
Data: 1996
Técnicas: 
Óleo
Materiais: 
Táboa