Vítor de Saturnino Calderón y Collantes
Naceu en Reinosa (1799-1864). Estudou en Santiago entre 1823 e 1829, concretamente Leis. O seu vítor presenta un escudo que se corresponde cos Calderón y Collantes. Sobre el pode verse un helmo tras o que sobresae un brazo armado de espada. Baixo o escudo móstranse tres condecoracións relativas ao personaxe. No centro, a correspondente á Orde de Carlos III. Á súa dereita pode verse a medalla relativa ao Gran Cordón da Lexión de Honor e ao outro lado a Orde Piana, ou de Pío IX. Na base desenvólvese a correspondente epígrafe. É obra vinculada ao pintor José Garabal Louzao e debe datarse pouco antes do ano 1863.
Estudou en Salamanca -Lóxica, Matemáticas, Metafísica-. Posteriormente farao en Valladolid e Madrid. E, como xa se mencionou, entre 1823 e 1829 fíxoo en Santiago, concretamente Leis. Foi elixido deputado a partir de 1834. En 1847 foi designado senador vitalicio
(http://www.senado.es/web/conocersenado/senadohistoria/senado18341923/senadores/ fichasenador/ index.html?ide1=488 ). Ocupou os ministerios de Gobernación da Península (1839), de Fomento (1849-1851) e de Estado (1858-1863). Tras dimitir como ministro, trasládase a Francia (X. R. Barreiro Fernández, B. López Morán, X. L. Mínguez Goyanes, 2001, pp. 143-144).
A epígrafe que o acompaña di: AL EXMO SR. DN SATURNINO CALDERÓN Y COLLANTES, / ALUMNO DE LA FACULTAD DE LEYES DE ESTA UNIVERSIDAD, DIPU/ TADO A CORTES, MAGISTRADO, CONSEJERO DE ESTADO, MINISTRO DE/ LA GOBERNACIÓN EN EL AÑO DE 1839, DE FOMENTO EN EL DE 1850/ DE ESTADO EN EL DE 1858, Y PRESIDENTE INTERINO DEL CONSEJO/ DURANTE LA CAMPAÑA DE AFRICA. GRAN CRUZ DE LA RL Y DISTIN-/ GUIDA ORDEN DE CARLOS 3º, GRAN CORDÓN DE LA LEGIÓN DE HONOR/ Y LA DE SS PIO IX Y OTRAS. SENADOR DEL REINO &&&
Como se mencionou, relaciónase co pintor José Garabal Louzao (J. Couselo Bouzas, p. 77). Debe datarse pouco antes de 1863, o ano no que o aquí recoñecido dimite e se traslada a Francia (Vid. J. M. García Iglesias, 2016, pp. 281-282).
Xa desde os primeiros tempos da posta en marcha do colexio de Fonseca debeuse de honrar a personaxes de relevo que tiveron relación con el mediante un vítor; aínda se conservan na fachada principal, cara ao lado sur, restos dun antigo do que pode verse en caracteres de gran formato parte dun nome.
Faise de tal modo mención a alguén concreto ao que se quere recoñecer, xa que esa é a finalidade das aclamacións, seguíndose neste sentido polo modo de pintar os caracteres en vermello, formas semellantes ás utilizadas entre outras institucións pola Universidade de Salamanca, na que este costume vai ter unha fonda e perseverante tradición.
Pero a factura de vítores ía plasmarse a partir do primeiro terzo do século XIX en obras pictóricas nas que se conxugan o recoñecemento a un determinado personaxe a través dunha imaxe, de cariz alegórico, e unha lenda co testemuño dos seus méritos persoais. Consérvanse tres entre os que gardou o Colexio de Santiago Alfeo, ou “Maior de Fonseca”: os de Benito Ramón Hermida, Manuel Pardo Ribadeneira e Jacobo María de Parga y Puga, citados por orde de antigüidade.
X. R. Barreiro Fernández, B. López Morán, X. L. Mínguez Goyanes,2001: X. R. Barreiro Fernández, B. López Morán, X. L. Mínguez Goyanes, Parlamentarios de Galícia. Biografias de Deputados e Senadores, Santiago de Compostela (Parlamento de Galicia. Real Academia Galega), 2001.
J. Couselo Bouzas, 1950: J. Couselo Bouzas, La Pintura Gallega, A Coruña (Porto y Cia. Editores), 1950.
J. M. García Iglesias, 2016: J. M. García Iglesias, Minerva, la Diosa de Compostela. Espacios y obras a relacionar con el saber, Santiago de Compostela (Andavira Editora- Consorcio de Santiago), 2016.
http://www.senado.es/web/conocersenado/senadohistoria/senado18341923/senadores/fichasenador/index.html?id1=488