Vítor de Xan Barcia Caballero

Gabriel Xosé Eiroa Barral
José Manuel García Iglesias

Xan Barcia naceu e morreu en Santiago (1852-1926) e foi catedrático de Anatomía desta Universidade desde 1894. Unha placa honrando a súa figura dispúxose orixinariamente no Hospital Real sendo posteriormente trasladada á Facultade de Medicina; débese a Eiroa. Presenta un retrato en bronce que se inspira nunha fotografía dos seus últimos anos, incorporándose a un marco de pedra no que se redacta unhaepígrafe en galego deixando, así, constancia do galeguismo que di así: XAN BARCIA CABALLERO/ MEDICO E POETA/ NACEU N´ESTA CASA O … /25 D OCTUBRO DO 1852--- FINOU NO/ 10 D OCTUBRO DO 1926. Complétase con outra epígrafe, en letras menores que di o seguinte: TRASLADADA DO HOSPITAL Á FACULTADE DE MEDICINA.

Estudou Medicina en Santiago e en Madrid. Foi catedrático de Anatomía en Granada e en Santiago de Compostela, onde dirixiu tanto o Hospital de San Roque como o Manicomio de Conxo (Vid. X. A. Fraga Vázquez, 2012; A. Franco Grande, 2014, pp. 1257-1263). Foi recoñecido como rexionalista e como poeta. Súa é a letra do Himno do Apóstolo, escrito para o Ano Santo de 1920 (Gran Enciclopedia Galega, 1974, III, p. 88).

O escultor Eiroa (1892-1935) asina a execución desta obra (Vid. L. Seoane, 1957; J. M. B. López Vázquez, 2002, pp. 64-87). No que se refire ao personaxe, a súa face parece expresada a partir dunha fotografía dos seus últimos anos, tamén recollida nunha nota necrolóxica que se lle dedica (Boletín da Real Academia Galega, 1926, nº 188, pp. 176-179. Vid. J. M. García Iglesias, 2016, pp. 339-341).

Xa desde os primeiros tempos da posta en marcha do Colexio de Fonseca debeuse de honrar a personaxes de relevo que tiveron relación con el mediante un vítor; aínda se conservan na fachada principal, cara ao lado sur, restos dun antigo do que pode verse en caracteres de gran formato parte dun nome.

Faise de tal modo mención a alguén concreto ao que se quere recoñecer, xa que esa é a finalidade das aclamacións, seguíndose neste sentido polo modo de pintar os caracteres en vermello, formas semellantes ás utilizadas entre outras institucións pola Universidade de Salamanca, na que este costume vai ter unha fonda e perseverante tradición.

Pero a factura de vítores ía plasmarse a partir do primeiro terzo do século XIX en obras pictóricas nas que se conxugan o recoñecemento a un determinado personaxe a través dunha imaxe, de cariz alegórico, e unha lenda co testemuño dos seus méritos persoais. Consérvanse tres entre os que gardou o Colexio de Santiago Alfeo, ou “Maior de Fonseca”: os de Benito Ramón Hermida, Manuel Pardo Ribadeneira e Jacobo María de Parga y Puga, citados por orde de antigüidade.

X. A. Fraga Vázquez, 2012: X. A. Fraga Vázquez, “Juan Barcia Caballero”, en Álbum da Ciencia. Culturagalega.org. Consello da Cultura Galega. , en URL: http://www.culturagalega.org/albumdaciencia/detalle.php?id=3 [lectura: 23/11/2017]

Franco Grande, 2014: A. Franco Grande, La medicina compostelana (1847-1950), Santiago de Compostela (Andavira Editora) pp. 1257-1263

J. M. García Iglesias, 2016: J. M. García Iglesias, Minerva, la Diosa de Compostela. Espacios y obras a relacionar con el saber, Santiago de Compostela (Andavira Editora- Consorcio de Santiago), 2016, pp. 339-341

M. B. López Vázquez, 2002: J. M. B. López Vázquez, “Xosé Eiroa”, en A. Pulido Nóvoa (dir.), Realismos rexionalistas, Vigo (Nova Galicia Edicións), 2002, pp. 64-87.

L. Seoane, 1957: L. Seoane, Xosé Eiroa, Vigo (Galaxia), 1957.

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000392
Autoría: Gabriel Xosé Eiroa Barral
Título: Vítor de Xan Barcia Caballero
Temas: 
Conmemorativo
Data: 1901
Técnicas: 
Dourado
Fundición
Talla
Dimensións: 
Alto: 93 cm   Ancho: 1,18 cm
Materiais: 
Bronce
Granito
Localización: Facultade de Medicina