Xerra de cobre

Escola de Bevenut
Ana Pérez Varela

Xerra en cobre fundido, con decoración en relevo que representa o episodio histórico lendario do rapto das Sabinas. A asa ten forma de figura feminina e ten un cabuxón no que parece faltar unha pedra incrustada. Está situada na vitrina dereita do cadeirado do salón de graos de San Xerome. Forma parte do Gabinete de Curiosidades creado en 1841 como elemento complementario da cátedra de Historia Natural.

 

Igual que outras pezas do Gabinete de Curiosidades, o interese desta non reside no seu material metálico -aquí de pouco valor xa que se trata de cobre-, senón no seu aparato decorativo, neste caso a súa ornamentación iconográfica. Trátase dunha xerra que foi nalgunha ocasión datada contra 1520, por atribuírse ao círculo do célebre ourive renacentista Benvenutto Cellini -1500-1571-. Malia que a inspiración, en canto aos modelos ornamentais, se asemella, a forma fai que nos decantemos máis por situala no período rococó.

Posúe un típico pé do dezaoito en tres molduras -a primeira, recta e fileteada; a intermedia, convexa; e a terceira, cóncava-, corpo pseudocilíndrico decorado, colo con bico vertedoiro sobresaínte e asa en forma de C. O pé é totalmente liso, mentres que o corpo se cobre co episodio do rapto das sabinas. Este tema histórico describe o momento no que os romanos, capitaneados por Rómulo, fundador e primeiro rei de Roma, raptan ás mulleres de Sabinia que acudiran á cidade coas súas familias para asistir ás probas deportivas organizadas polo propio rei. Consonte este mito, os romanos raptaron as sabinas para suplir a carencia de poboación feminina que arrastraba a súa cidade.

Este episodio, amplamente representado na arte polo seu dinamismo e dramatismo, disponse de modo secuencial no vaso, onde aparece unha serie de mulleres co peito descuberto que son violentadas por homes ataviados co característico traxe militar romano, sobre un fondo decorado en horror vacui que se completa con diversos animais como cabalos ou cans que participan do carácter axitado e movido da escena. O colo da xerra decórase con follas de acanto, mentres que a parte superior, cun ondulante borde rococó, se ve animada coa asa que adopta a forma dun anxo exento, dobrado en C, a xeito de mascarón. Tanto no arranque inferior da asa coma na cabeza do anxo parece que se perderon dúas pedras engastadas en dous cabuxóns, que completarían a riqueza da obra. A xerra responde ao gusto dos gabinetes de curiosidades polas pezas de metal minuciosamente fundidas ou repuxadas con episodios históricos, míticos ou bíblicos.

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000169
Autoría: Escola de Bevenut
Título: Xerra de cobre
Temas: 
Histórico
Lendario
Data: ca. 1750
Técnicas: 
Fundición
Dimensións: 
Alto: 25 cm Longo: 9 cm Ancho: 15 cm
Materiais: 
Cobre