Xerra de cristal de rocha
Xerra de cristal e bronce de base campaniforme, profusamente decorada con motivos vexetais. Forma conxunto cunha cunca e unha bandexa, tamén de cristal, e está datada en tempos de Filipe IV (1604-1665). Está situada na vitrina esquerda do cadeirado do salón de graos de San Xerome e forma parte do Gabinete de Curiosidades creado en 1841.
Procedente do Gabinete de Curiosidades e datado na época de Filipe IV -1604-1665, consérvase un conxunto de xerra, cunca e bandexa de cristal de rocha, a denominación coa que se coñece o cuarzo incoloro e transparente (M. T. Ruiz Alcón, 1994, p. 465). A bandexa presenta unha forma octogonal, con beira alta e bastante profundidade, cos nervios subliñados por bronce, que forma tamén pequenas patas.
A xerra fai xogo coa bandexa, combinando tamén o cristal de rocha e os detalles de bronce, aquí con maior profusión decorativa. O pé de cristal é campaniforme, de formas do dezaoito e decoración incisa. O nó de transición ao corpo, formado por dous boceis e ornamentado por grecas ovaladas, é de bronce. O corpo da xerra, completamente de cristal, é semiovoide, cunha fina decoración na parte inferior que imita o estriado dunha cuncha -partido por formas aculleradas de vieira-, dando unha grande importancia á calidade táctil da peza. Tamén se tallan pequenos xuncos que lle outorgan o toque vexetal. As incisións de lingua repítense na parte superior, onde se acomoda o remate, constituído por un esvelto colo alargado que lle serve de base á tapa formada como unha cuncha de cristal con base de greca ovalada de cobre. O colo decórase cun aplique metálico dunha pequena máscara de expresión terrorífica. Disponse a un lado a grande asa de bronce en forma de S vexetal, en curva e contracurva, retorcida sobre si mesma ata formar a cabeza dun dragón ou ave cuberto de escamas; ao outro, o bico vertedoiro tamén se resolve cunha forma zoomórfica, como o tronco e o colo curvado do mesmo animal, que remata nunha cabeza similar. Toda a superficie desta besta está cuberta cun fino traballo de aplique decorativo calado que repite as formas vexetais barrocas da asa.
Esta peza combina o gusto dos gabinetes de curiosidades pola suntuosidade, o detalle e o traballo en materiais nobres, como o cobre e o cristal de rocha. Este foi moi apreciado na época dos Austrias; tamén en Santiago se atopa outro célebre exemplo, o conxunto de portapaz, candeeiros e cruz, que lle enviou Carlos II, fillo de Filipe IV, á catedral de Santiago a finais do século XVII e que aínda se conserva na devandita colección.
M. T. Ruiz Alcón, 1994: M. T. Ruiz Alcón, “Vidrio y cristal”, en A. Bonet Correa (dir.), Historia de las artes aplicadas e industriales en España, Madrid, Cátedra, 1994, p. 465.