Ir o contido principal
Museo virtual Universidade
de Santiago
de Compostela
  • gl
  • es
Inicio Inicio

Inicio

Presentación

Coleccións

  • Arqueoloxía
    Biblioteca América
    Contemporánea
    Espazos
    Retratos
    Vítores

Itinerarios

  • Gabinete de Curiosidades
    Minerva Compostelá
    Reitores

O meu museo

Localización

Explora

Política de privacidade
  • A-ZCRONOL.
Colección Contemporánea (218)
avalancha_kappeler
A vida é unha avalancha á que nos sometemos
Deflet Kappeler
2006

A vida é unha avalancha á que nos sometemos é unha obra de Kappeler que reflexa como, dende os seus comezos, se ve influenciado pola escuridade que trae consigo a guerra e que o afectou persoalmente como refuxiado durante a Segunda Guerra Mundial. O contraste intenso entre a penumbra da cor negra e a luminosidade da vida en amarelo tipifican este sentimento agónico da vida do autor. O abstractísimo e as texturas da pintura mestúranse cunha figura difusa semellante a un corpo a través de finas liñas e finais abertos simbolizando o fráxil que é o humano ante a vida.

2006
teixido_peteiro
San Andrés de Teixido
Jorge Peteiro
1986

Trátase dunha paisaxe panorámica de San Andrés de Teixido que realizou o artista coruñés con figuras propias da inocencia infantil, resoltas a través dun trazo sinxelo e dunha cor viva e luminosa. Peteiro consegue crear un estilo único e característico no que a temática paisaxística galega é, sen dúbida, o protagonista claro na súa obra. Ademais da súa pintura, tamén podemos encontrar o seu estilo único en murais cerámicos e esculturas.

1986
naranxolaxeiro
"O Naranxo"
José Otero Abeledo "Laxeiro"
1969-1970

Representa a un tolo, de pé, con singulares condecoracións e con peculiares atributos. Nunha man sostén unha rá e na outra porta un estandarte no que leva escrito: "O NARANXO/ Rey do/ mundo/LAXEIRO/70". Inscrición do autor no reverso: "Tolo/O "naranxo"/Sin Termi-/nar/LAXEIRO/Nº 7/ 21-4-69". Comprado á Galería Citania en 1981.

sansilvestregarabal
A invocación a San Silvestre
Manuel López Garabal
1954

Este cadro de gran formato representa a bendición dunha casa pola nai, que acontece o día de San Silvestre, o 31 de decembro, para expulsar os demos, meigas e pecados. Na parte inferior do cadro, vemos a familia, a nai está bendecindo para expulsar pecados como a gula, a luxuria, a avaricia e a envexa, pero tamén o demo que aparece representado en forma de serpe sobre o que vai montada unha meiga e o trasgo. Na parte superior do cadro vemos a San Silvestre que ven a expulsar os malignos, acompañado dun anxo e a Santa Compaña. O autor presenta unha gran preocupación pola luz, e neste cadro en concreto intenta conseguir os matices cromáticos das zonas de sombra, para o que recorre aos azuis e violetas que acabarán por ser característicos das súas obras. Asinado no ángulo inferior esquerdo, datado en 1966, ano no que foi retocado, pero en realidade é de 1954.

1954
lendadaserea_menchulamas
A lenda da serea- Vítor en homenaxe ao Seminario de Estudos Galegos
Menchu Lamas
2023

Obra encomendada pola USC á pintora viguesa Menchu Lamas, con motivo da celebración en 2023 do centenario do Seminario de Estudos Galegos. Trátase dunha versión actualizada dos tradicionais "vítores" universitarios, sendo esta a primeira ocasión na que a USC lle dedica un vítor, non a unha persoa, senón a todo un colectivo.

2023
luaquessada
A lúa
Xaime Quessada Porto
1976

De apariencia onírica, Quessada centra a composición coa lúa, branquísima, que preside a maior parte da superficie pictórica. Esta queda estruturada en dúas partes por medio dunha liña horizontal; sobre o cuadrilátero da parte inferior sitúa unha parella, deitada e abrazándose, e encima desta escena, a lúa. Quessada realiza unha obra perfectamente equilibrada e ordenada xeométricamente; as figuras organízanse baixo un esquema piramidal, centrando o vértice dese triángulo. Chama a atención o colorido vibrante que denota o coñecemento do Op Art ou da Pop Art que Quessada coñecería durante as súas viaxes por Estados Unidos.

1976
morena
A morena
Manuel Anselmo Lamela Castro

Asinado a. i. d.

quessadanacion
A nación (e os monstros católicos)
Xaime Quessada
década de 1970

Trátase dunha das obras que realizou Quessada para a Aula Magna da Facultade de Económicas e Empresariais logo dunha viaxe que fixo por América. 

pasionariagalo
A Pasionaria / O galo
Camilo Otero Martín
1978

Emblemática peza, coñecida como "O Galo" ou "A Pasionaria". Mostra da súa imaxinativa e grandilocuente linguaxe, trátase dunha monumental invención, un ser imposible, fantástico, con certa aparencia prehistórica, produto da acumulación de elementos dispares. Características presentes nas obras de Camilo Otero como o humor ou a ironía, a mestura entre realidade e surrealismo ou o primitivismo, están presentes nesta peza, sobre a que o autor dixo que se trataba dunha síntese do Otero máis libre, auténtico e pasional e se lograba personificar o enxeño "neo-dadá con esquemas figurativos". O orixinal desta peza está realizado en madeira de carballo e atópase nun parque de Turín e enténdese dentro dunha etapa na que o autor realiza grandes figuras en madeira de formas rústicas e potentes.

1978
tribosmorenas
A subida nas tribos morenas
Manuel Anselmo Lamela Castro

Está feito en dúas pezas. Asinado a. i. d.

abstraccion2laxeiro
Abstracción I
José Otero Abeledo "Laxeiro"
1971

Dentro da súa produción artística, Laxeiro desenvolve cara os anos 70 unha nova etapa que se corresponde co seu retorno definitivo a España. A pintura deses anos leva implícito un achegamento á obra de Matisse. O colorido matissiano reflíctese nesta obra na que Laxeiro abandonou a estética "románica" de cores terrosas e negras das etapas anteriores; o que máis destaca é a forza expresiva da cor, de traza enérxica e vibrante. Aínda que a obra titúlase abstracción, pódense identificar unha serie de elementos, como un triciclo, un pequeno animal que parece soster un martelo na súa man ou unha figura amarela. Asinado e datado no a. s. e."LAXEIRO/ 71" Comprado á Galería Citania en1980. No reverso, unha pegatina da Galeria Citania. Indica o título, a técnica e as dimensións

1971
abstraccionlaxeiro
Abstracción II
José Otero Abeledo "Laxeiro"
1970

Esta obra responde ás características iniciadas por Laxeiro na década dos 70. Nesta etapa, decántase pola riqueza do colorido; fronte as tonalidades terrosas de etapas anteriores, agora traballa con cores vivas destacando os azuis e laranxas. A obra é un abstracto que reflexa a liberdade do autor na súa execución, así como a depuración que oleva á liberar a pintura de toda carga anecdótica. Asinado e datado no a. s. e. "Laxeiro-70/Vigo" Comprado á Galería Citania en1980.

1970
abstractotome
Abstracto sen título
Xosé Miguel Tomé
1993

Discorre o labor de Tomé por liñas que van desde o expresionismo ata a abstracción, decantándose aquí por esta última. Non obstante, o artista parte da tradición pictórica galega con mestres como Seoane ou Laxeiro; do primeiro parece tomar a importancia da cor que se ve nesta obra, e do segundo o carácter matérico da pintura -rasgo que está presente ao longo da súa produción-. Vincúlase co expresionismo a paleta cromática, optando o autor por un forte contraste de cores, neste caso laranxa e azul inundan o cadro. Asinado no ángulo superior esquerdo "X.M. Tomé 93"

1993
acordeoncaruncho
Acordeón II
Luis Caruncho Amat
1950

Obra do período inicial de Caruncho na que representa de xeito sintetizado as pezas dun acordeón a través dunha superposición de figuras xeométricas. Este cadro, aínda que non está datado, é similar a outro do ano 1959. Caruncho parte dunha etapa inicial que chega ata finais dos 50, na que se sitúa moi próximo ás vanguardias, decantándose por unha figuración sintetizada de innegable influencia cubista, como se observa nesta obra, ao descompoñer o motivo do cadro -acordeón- en distintas partes a modo dun collage.

1950
incaseoane
Actor representando a un Inca
Luís Seoane López
1970

Figura dun inca de medio corpo, con toucado e vestido típico desta cultura. Tinta maxenta. Número da tirada: 42/100. Enmarcado con cristal. Inscrición a lápis no a.i.e.: "42/100 Actor representando a un Inca" e asinado no a.i.d.: "Seoane"

1970
afiador
Afiador
Xoán Piñeiro Nogueira
1970

Un afiador coa súa roda en actitude de afiar un coitelo. A figura do home concíbese nunha contundente compacidade, e cunha certa tendencia ao bloque pechado, pulida e redondeada nas súas formas a causa da súa disposición curvada pola actividade que desempeña. Sinatura gravada na base: "X. Piñeiro"

1970
aguadas11
Aguadas 11
Enrique Ortiz Alonso

Xogo de aguadas en tonos azuis. Suxestións a través das manchas, dentro da abstracción. Enmarcado con passpartout; ventá de 32 cm de alto x 48 de longo.

aguadas2
Aguadas 2
Enrique Ortiz Alonso

Xogo de aguadas en tonos liliáceos primordialmente, pero combinados con outras cores. Enmarcado con passpartout. Suxestións a través das manchas, dentro da abstracción.

aguadas9
Aguadas 9
Enrique Ortiz Alonso

Xogo de aguadas en tons azuis. Enmarcado con passpartout. Suxestións a través das manchas, dentro da abstracción.

albadegloria1condecorbal
Alba de Gloria 1
Xosé Conde Corbal
1980

Galería de personaxes que ilustra a serie de cinco murais de Conde Corbal (1923-1999) que leva por título Alba de Gloria. Recordando o insigne discurso pronunciado desde Buenos Aires por Castelao, o Día da Patria Galega de 1948, Conde Corbal achega a súa particular visión, debuxando unha galería de personaxes que son clave na tradición galega. A disposición en friso é común en todas as escenas. Trátase nuns casos de personaxes coñecidos e noutros de xente anónima. A obra pon de manifesto non só a capacidade deste artista como creador de murais, senón tamén a súa destreza na recreación de perfís con diferentes trazos que definen actitudes e caracteres diversos e peculiares. Obra cedida polo seu autor para a súa exhibición na Facultade de CC Económicas e Empresariais da USC.

1980
albadegloria2condecorbal
Alba de Gloria 2
Xosé Conde Corbal
1980

Galería de personaxes que ilustra a serie de cinco murais de Conde Corbal (1923-1999) que leva por título Alba de Gloria. Recordando o insigne discurso pronunciado desde Buenos Aires por Castelao, o Día da Patria Galega de 1948, Conde Corbal achega a súa particular visión, debuxando unha galería de personaxes que son clave na tradición galega. A disposición en friso é común en todas as escenas. Trátase nuns casos de personaxes coñecidos e noutros de xente anónima. A obra pon de manifesto non só a capacidade deste artista como creador de murais, senón tamén a súa destreza na recreación de perfís con diferentes trazos que definen actitudes e caracteres diversos e peculiares. Obra cedida polo seu autor para a súa exhibición na Facultade de CC Económicas e Empresariais da USC.

1980
albadegloria3condecorbal
Alba de Gloria 3
Xosé Conde Corbal
1980

Galería de personaxes que ilustra a serie de cinco murais de Conde Corbal (1923-1999) que leva por título Alba de Gloria. Recordando o insigne discurso pronunciado desde Buenos Aires por Castelao, o Día da Patria Galega de 1948, Conde Corbal achega a súa particular visión, debuxando unha galería de personaxes que son clave na tradición galega. A disposición en friso é común en todas as escenas. Trátase nuns casos de personaxes coñecidos e noutros de xente anónima. A obra pon de manifesto non só a capacidade deste artista como creador de murais, senón tamén a súa destreza na recreación de perfís con diferentes trazos que definen actitudes e caracteres diversos e peculiares. Obra cedida polo seu autor para a súa exhibición na Facultade de CC Económicas e Empresariais da USC.

1980
albadegloria4condecorbal
Alba de Gloria 4
Xosé Conde Corbal
1980

Galería de personaxes que ilustra a serie de cinco murais de Conde Corbal (1923-1999) que leva por título Alba de Gloria. Recordando o insigne discurso pronunciado desde Buenos Aires por Castelao, o Día da Patria Galega de 1948, Conde Corbal achega a súa particular visión, debuxando unha galería de personaxes que son clave na tradición galega. A disposición en friso é común en todas as escenas. Trátase nuns casos de personaxes coñecidos e noutros de xente anónima. A obra pon de manifesto non só a capacidade deste artista como creador de murais, senón tamén a súa destreza na recreación de perfís con diferentes trazos que definen actitudes e caracteres diversos e peculiares. Obra cedida polo seu autor para a súa exhibición na Facultade de CC Económicas e Empresariais da USC.

1980
Alba de Gloria 5
Xosé Conde Corbal
1980

Galería de personaxes que ilustra a serie de cinco murais de Conde Corbal (1923-1999) que leva por título Alba de Gloria. Recordando o insigne discurso pronunciado desde Buenos Aires por Castelao, o Día da Patria Galega de 1948, Conde Corbal achega a súa particular visión, debuxando unha galería de personaxes que son clave na tradición galega. A disposición en friso é común en todas as escenas. Trátase nuns casos de personaxes coñecidos e noutros de xente anónima. A obra pon de manifesto non só a capacidade deste artista como creador de murais, senón tamén a súa destreza na recreación de perfís con diferentes trazos que definen actitudes e caracteres diversos e peculiares. Obra cedida polo seu autor para a súa exhibición na Facultade de CC Económicas e Empresariais da USC.

1980
alegoriasantiago
Alegoría a Santiago
Xoán Pardiñas

Esta pintura tamén é coñecida como "Personaxes de Compostela" ou "Festa Popular", no que se descobren os primeiros pasos estilísticos dunha vontade claramente figurativa. O expresionismo dos xestos esaxerados e do matiz popular evoca a imaxinería de Brueghel ou Ensor. A composición reproduce unha escena cotiá na que distintos personaxes individualizados por unha iconografía recoñecible, interveñen no gran teatro da vida, imaxinado nunha pequena praza de Compostela. A narración establécese a través dunha trama festiva onde o entroido, simbolizado pola máscara, infiltrouse silandeiramente no mundo do cotián. O satírico mestúrase co afectivo e o grotesco co amable. Os protagonistas desta mitoloxía urbana son seres que o autor quere que sintan ou sexan sentidos por quen observa o cadro. Asinado no ángulo inferior esquerdo.

alegoríadocampo
Alegoría do campo
Manuel Torres Martínez
ca. 1970

Obra alegórica de Manuel Torres que representa, nunha estrita ordenación en bandas horizontais de arriba a abaixo, as distintas fases dos traballos do campo, desde a semente ata a venda no mercado. 

alfonsocosta1
Alfonso Costa 1
Alfonso Costa Beiro

Pintura e gravado conforman a maior parte da produción artística de Alfonso Costa. A influencia do surrealismo, da obra de Yves Tanguy coas súas paisaxes imaxinarias e seres estraños, están presentes neste gravado. Realizado cunha soa tinta de cor maxenta, o protagonista é unha figura humana, sen cabeza, que sitúa sentada nun espazo irreal, onírico e deforme -selo característico do autor e que revela outra das súas influencias: as imaxes desfiguradas, enigmáticas de Bacon-. É preciso sinalar a súa gran destreza técnica para o debuxo, sobre a que asenta a súa obra gráfica; co debuxo non só estrutura a base da obra, senón que lle permite tamén dar intensidade ás sombras, e crear o volume e a contorna da silueta da figura. Asinado no ángulo inferior dereito. No lado esquerdo, o número de tirada: 9/25

alfonsocosta2
Alfonso Costa 2
Alfonso Costa Beiro

Ecos surrealistas, cubistas e expresionistas compoñen a linguaxe que Alfonso Costa emprega neste gravado, no que compón un mundo imaxinario, irreal e onírico seguindo unha liña que conectaría con pintores como O Bosco, Goya ou Bacon. Xoga coa idea da fragmentación da forma e co espazo ao presentar de costas ao espectador unha figura humana da que tan só lle vemos as pernas; porén, ésta proxecta dúas sombras que nos permiten contemplar a totalidade da mesma e ver dous rostros; trátase dunha imaxe duplicada coma se estivesemos ante o efecto dúplice dun espello. Son figuras humanas fragmentadas e distorsionadas; con todo, Costa permítenos ver unha estrutura anatómica fibrosa, que denota un profundo coñecemento da mesma. O gravado, feito cunha única tinta azul, destaca o dominio do debuxo que lle permite crear a silueta das figuras e potenciar as sombras que crean un gran contraste que evidencia a influencia da pintura metafísica italiana, especialmente da obra de Giorgio De Chirico, ao tempo que crea unha atmosfera surrealista e inquietante. En definitiva, un mundo de soños e imaxinación que é creado polo artista. Asinado inferior dereito. No lado esquerdo o número de tirada: 9/25.

alfonsocosta3
Alfonso Costa 3
Alfonso Costa Beiro

O mundo que Alfonso Costa presenta tanto na súa produción pictórica como na obra gráfica, é producto da súa imaxinación e dos soños nos que teñen cabida criaturas e espazos irreais. Neste caso, o gravado amósanos un dos seus seres irreais característicos cos que Costa alude a que como parte do sentido irracional do ser aparece o animal no home; así, baixo un corpo de forma humana, coloca na cabeza unha pomba e outra cabeza con pico. É un mundo imaxinario no que esa figura parece avanzar nun espazo indefinido no que emprega tintas de distintas cores que contrastan coa máis escura coa que compón a figura. O sarcasmo, a imaxinación e o surrealimso teñen cabida na obra deste artista noiés. Asinado no ángulo inferior dereito.

almiñadaterra
Almiña da terra
Luis Gómez Pacios
1950

Gravado que reflicte o gusto polos temas antropolóxicos e etnográficos galegos que cultivou Pacios. Así, sobre un fondo raiado en tons marróns e unha superficie verde, superpón tres elementos que se asocian con Galicia: unha campesiña galega no ángulo superior dereito, un xugo con dúas cunchas no medio e unha roda na parte inferior da obra.

1950
fonsecaconde
Alonso III de Fonseca
Ramón Conde Bermúdez
1996

Retrato de carácter introspectivo de Alonso III de Fonseca, fundador da universidade compostelá, en actitude de meditación e estudo. É a caracterización do humanista, do intelectual, iconografía que nos remite ao referente contemporáneo, que en maior medida reflicte esta actitude: o Pensador de Rodin. Preséntao sedente en actitude reflexiva incidíndose, neste caso, na súa relación con Erasmo dado que mantén sobre unha das súas pernas o volume correspondente ao Enchiridion militiis christiani (1503). Así, Fonseca aparece ante nós como un meditabundo humanista. Asinado e datado: "Ramón Conde 96"

1996
ancianconnenopousa
Ancián con neno
Xavier Pousa Carrera

Obra figurativa na que Pousa volve a reflectir a súa captación polos tipos populares; neste caso presenta un grupo composto por un neno e un ancián que aparece caracterizado coa boina. Estilística e tecnicamente o autor aproxímase máis á influencia expresionista visible nos trazos negros e no uso da cor; a pincelada aquí é ampla pero de novo dotada cunha gran liberdade no trazo. Asinado no ángulo inferior dereito.

antibeslugrisvadillo
Antibes
Urbano Lugrís Vadillo

En torno á temática mariña de barcos e porto, Lugrís Vadillo recrea un mundo fantástico, representado aquí cun preciso grafismo. A verticalidade da multitude de mastros vese reforzada pola insinuación dunhas arquitecturas como telón de fondo, de clara inspiración goticistas reflexos lumínicos alaranxados, incendiarios. Asinado no a.i.d.: "Lugris Vadillo/Antibes"

anxoexterminadorhuete
Anxo exterminador
Ánxel Huete Vales
1984

Aínda que a maior parte da súa obra está ligada á abstracción xeométrica, atopámonos aquí un gravado figurativo, no que fai unha revisión dun tema relixioso. Preside no primeiro termo unha muller de longos cabelos que está sentada na herba baixo a mirada supervisora do ollo divino que aparece no aire; á esquerda un anxo de pé que levanta coa man unha espada; na dereita vemos a outro anxo e un peitoril aramiado. Huete sérvese do xogo co negro e branco para crear os espazos. Asinado no a. i. e. "Huete". Nº serie a.i.e: 55/100

1984
angelseoane
Anxo ouro e azul
Luís Seoane López
1970

Figura que representa un anxo de maneira moi esquemática. Tintas azul e ocre. Número da tirada: 33/100. Enmarcado con cristal. Inscrición a lápis no a.i.e.: "33/100 Ángel oro y azul" e asinado no a.i.d.: "Seoane"

1970
ariadna
Ariadna
Ramón Conde Bermúdez
1988

Escultura dunha muller espida, de gordura esaxerada, que adopta unha postura de certa torsión. A obra forma parte dunha serie de personaxes iconograficamente característicos da produción de Conde. A excesiva obesidade amósase en toda a súa plástica voluminosidade, acentuándose pola desnudez e as posturas destes personaxes. A Ariadna remite ademais a iconografías prehistóricas vencelladas á fecundidade feminina. 

1988
quessadaarlequin
Arlequín
Xaime Quessada
1968

A temática circense está presente ao longo da obra de Quessada, xa que lle permite unir o seu gusto por pintar cabalos e a referencia á etapa azul de Picasso na que o pintor malagueño traballaba este tema. Nesta obra, Quessada sitúa ante un fondo indeterminado e difuso un cabalo, colocado de perfil, ao igual que o arlequín, ainda que este xira o corpo e mira cara o espectador ao tempo que levanta o brazo dereito. As figuras están perfectamente delimitadas co trazo do debuxo que denota as súas aptitudes con esta técnica. A paleta cromática redúcese a tonalidades azuis e grisáceas. Asinado no a.i.d.

1968
arrepiamepardiñas
Arrepíame sen saber por que
Xoán Pardiñas
1988

Obra figurativa de corte primitivista na que Xoán Pardiñas representa a figura dun home no momento no que parece estar a levantar algo. A súa é unha pintura cargada de materia, de grosas pinceladas e intenso cromatismo que lle serve, como neste caso, para ordenar o fondo da composición en tres campos horizontais. Sobre este fondo, emerxe a figura de volume esaxerado, na que o autor consegue reflectir o estado de inquedanza do home. Asinado no ángulo inferior dereito.

1988
mulleresgarabal
As mulleres
Manuel López Garabal
1970

Retrato de grupo de mulleres labregas, ataviadas coas roupas de cotío e o característico pano na cabeza. Lonxe da idealización, é a condición traballadora da muller galega a que se destaca, dende a nenez á vellez, nunha clara evocación do matriarcado. Estas mulleres son persoas curtidas pola dureza do traballo do campo, de aí que todas presenten unha estrutura ósea forte, unha musculatura correosa e unha pel queimada polo sol. Garabal aposta por unha poética do feo, fronte o idealismo da xeración anterior.

1970
xemeasacisclo
As Xémeas
Acisclo Manzano Freire
1988

En ocasións encontrámolo citado como "Caras". Individualización dun fragmento -o do ángulo superior dereito- do Mural das Burgas de Ourense (bronce, 1984), mediante a reutilización do mesmo molde. Trátese, así, dun relevo cos bosquexo de dous rostros femininos que emerxen parcialmente da materia, dunha maneira sutil, onde só o nariz e os beizos son representados formalmente. A esta obra confírelle unha delicadeza clasicista. O resto do conxunto fórmase coa materia, traballada a través de grumos e incisións coa intención de xogar coas texturas. A curvatura da prancha acompaña a sensación de ingravidez dos seus volumes. A preocupación volumétrica e o tratamento exquisito das texturas da materia son dúas constantes indisociadas nas pezas de Acisclo, sempre a medio camiño entre a figuración e a abstracción organicista, entre o clasicismo helénico e a modernidade. Tarxeta no reverso con datos identificativos (Acisclo, As Xémeas, 1988, dimensións, USC). A peza foi adquirida ao artista o 30 de maio de 1990 pola cantidade de 350.000 pesetas.

1988
bacelosmouzo
Bacelos
Antonio Mouzo Lavandeira
1990

Sobre un soporte feito a base de periódicos estranxeiros, o autor crea unha obra traballada a base de pintura branca e carbón na que se representa unha prantación dos bacelos das vides. Asinado no a.i.e.

1990
bailon1
Bailón I
Xoán Pardiñas

Xoán Pardiñas móvese nesta obra nunha liña que pasa dende a abstracción -sen chegar a abandonar nunca a figuración- ao expresionismo, pasando polo Pop Art. O título da obra "Bailón I" vén dado pola forma de figura en relevo que centra a composición e suxire unha forma de baile. Pardiñas xoga frecuentemente, como ocorre nesta obra, cos collages ou elementos en relevo, que lle confiren unha gran carga matérica. Chama a atención a paleta cromática vibrante que emprega, sobre todo os fucsias e malvas que o vincularían cun gusto Pop Art. Asinado a. i. e. Mercado en 1990.

bailon2
Bailón II
Xoán Pardiñas

Xoan Pardiñas móvese nesta obra nunha liña que pasa dende a abstracción -sen chegar a abandonar nunca a figuración- ao expresionismo, pasando polo Pop Art. O título da obra "Bailón II" vén dado pola forma de figura en relevo que centra a composición e suxire unha forma de baile. Pardiñas xoga frecuentemente, como ocurre nesta obra, cos collages ou elementos en relevo, que lle confiren unha gran carga matérica. Chama a atención a paleta cromática vibrante que emprega, sobre todo os fucsias e malvas que o vincularían cun gusto Pop Art.

barcosdans
Barcos
Mª Antonia Dans Boado
1960

Trátase dunha mariña na que o motivo central son dous barcos veleiros que a pintora resolve de xeito esquemático e elemental, en base a figuras xeométricas -rectangulares coas que crea a barca e triangulares cos que resolve as velas-. Son formas intencionadamente inxenuas, o que se relaciona coa pintura naïf. As cores son intensas; azuis e verdosas para os barcos e o mar e o ceo representado cunha cor ocre. Na aparente simplicidade do cadro, Dans logra crear a sensación de profundidade mediante unha composición en base a liñas horizontais, que lle serven para situar o barco no mar e crear a liña do horizonte; as sombras creadas polos barcos trátaas a pintora mediante o escurecemento da paleta cromática que emprega, a cal tamén lle serve para tratar os efectos lumínicos sobre a auga. Asinado no a.i.d. "dans"

1960
betanzosquessada
Betanzos (Ponte Vella)
Julio Quesada Guilabert

Gravado que ten como protagonista a vila de Betanzos; en concreto, a vista da Ponte Vella -orixinal do século XIII aínda que con remodelacións no século XVI formado por cinco arcos de medio punto- situado por enriba da ría, á beira da cal sucédense as arquitecturas tradicionais da vila. O gravado está feito a base de tonalidades azuis, grisáceas e verdes, e xoga coa técnica para crear a sensación de acuarela, buscando os reflexos na auga. Asinado no ángulo inferior dereito e, debaixo da sinatura, o título da obra. No lado esquerdo o numero de tirada: 41/175.

bodegondans
Bodegón
Mª Antonia Dans Boado
1960

Dentro da produción de Maria Antonia Dans, destacan os bodegóns. Neste caso atopámonos cun composto por catro figuras: unha xerra en primeiro termo decorada con flores, e tres botellas dispostas en liña e creando profundidade no cadro. As cores son as habituais na pintora: gamas pasteis destacando as tonalidades azuis e verdes matizadas que lle serven para dotar de volume aos obxectos. Asinado a. i. d. "dans"

1960
pregobodegon
Bodegón
Manuel Prego de Oliver
1950

Un dos múltiples bodegóns realizados por Prego de Oliver, un dos pintores galegos da primeira xeneración da posguerra. Comprado á Galería Citania en 1981.

1950
bodegonpousa
Bodegón 1
Xavier Pousa Carrera
1972

Estamos diante dun bodegón que Pousa contrúe nunha estancia da que vemos a ventá ao fondo e unha mesa sobre a que sitúa os distintos elementos que o compón: unha xerra e mazás sobre un mantel que cobre a mesa. Chama a atención a liberdade e a soltura da pincelada que evidencia o gusto do autor pola pintura impresionista, mentres que a austeridade do bodegón é unha herdanza da obra de Zurbarán, que Pousa coñecería durante a súa etapa de formación en Madrid. Asinado no ángulo inferior dereito.

1972
bodegon2pousa
Bodegón 2
Xavier Pousa Carrera
1972

Estamos diante dun bodegón que Pousa constrúe cunha cadeira e unha mesa sobre a que sitúa os distintos elementos que o compoñen: unha xerra, unhas laranxas e un mantel que non cobre a totalidade desa mesa. Chama a atención a liberdade e a soltura da pincelada que evidencia o gusto do autor pola pintura impresionista, mentres que a austeridade do bodegón é unha herdanza da obra de Zurbarán, que Pousa coñecería durante a súa etapa de formación en Madrid. Asinado no ángulo inferior dereito.

1972
borde
Borde
Álvaro Negro Romero
1997

Obra encaixada nas novas abstraccións, presenta liñas horizontais en cor negra sobre un lenzo sen preparación.

1997
laxeiroestudomural
Bosquexo para o mural do "Café Moderno" de Pontevedra
José Otero Abeledo "Laxeiro"
1973

Cando en 1973 o antigo Café Moderno de Pontevedra é adquirido pola Caixa Rural desa cidade, o mural "O manantial da vida" que Laxeiro realizara nese edificio entre 1940 e 1942 estaba en tan mal estado que o propio pintor decide facer unha copia sobre lenzo e situala no mesmo emprazamento ocultando a pintura mural orixinal. Este debuxo supón un bosquexo dese novo lenzo; trátase dunha figura dunha rapaza que centraría a obra do lenzo, que se compoñía de nenos que son faunos, anxos que son sátiros correndo, doncelas adolescentes que bailan semellando bacantes. No debuxo, Laxeiro presenta a unha rapaza cos ollos pechados que leva unha man á boca. Nel vemos as características do pintor: o gusto polas formas redondeadas, as figuras sólidas e rotundas froito da súa vinculación coa estética do románico. Gran mestre no debuxo, Laxeiro sérvese desta técnica tanto para crear o rostro da rapaza coma para delimitar os perfís e crear as sombras. "Estudio. Laxeiro. mural Pontevedra. 73". Comprado á Galería Citania en 1980.

1973
botellabarcolugris
Botella con barco
Urbano Lugrís González

Pintura mural que representa unha botella de forma globular cun barquiño dentro. Está sobre unha táboa que ten enriba unha pipa de fumar. Son elementos mariños moi frecuentes na pintura de Lugrís. As cores tamén están moi identificadas co universo de Lugrís; a cor verde mariña que usa como fondo da pintura pero que tamén é protagonista como os obxectos representados, aludindo a través dela ao mar.

campesiñoseoane
Campesiños
Luís Seoane / Mª Elena Montero
1979

Na década dos 70 prodúcese o contacto profesional entre Luís Seoane e Mª Elena Montero. Por eses anos o artista galego realiza unha serie de cartóns para a Galería El Sol de Buenos Aires; á súa volta encargará a Mª Elena Montero que os execute a partir dos cartóns, seguindo un método cifrado no que cada número equivalía a unha cor, a unha lá previamente seleccionada, de aí que o tapiz conserve as composicións características de Seoane de cores vivas e planas. Traballa aquí basicamente con dúas tonalidades de laranxas e o negro dos trazos liñais, que se converten en elementos meramente indicativos dos rasgos faciais e das anatomías. As figuras responden ao seu gusto polas formas vigorosas e redondeadas. Asinado no a.i.e. "Seoane" e no a.i.d. : E.M. No reverso ten cosida unha tarxeta de tea onde aparecen os seguintes datos: Autor: Luis Seoane Título: "Campesiños" Dimensións: 2 x 1,20 cm. Nº 2/7 Tecido por Mª Elena Montero; taller: Pza. España, nº 7, 5º, Sada, A Coruña. Data: 1979 e a sinatura de autenticidade de Mª Elena Montero.

1979
cans
Cans
Xosé Vivián Lourenzo (Bibián)
1980

Durante a década dos 80, Bibián traballou nunha serie -que expón na mostra do colectivo Nome en Lugo en 1988-, que recolle un traballo no que as formas que presenta teñen o seu punto de partida e a máis clara influencia na pintura prehistórica, coa que pretendía recuperar o comezo da pintura e reivindicar o valor e os modos de facer nos comezos da arte. Son figuras de animais, neste caso cans, que ineludiblemente nos traen á memoria as pinturas murais da época magdaleniense e as covas do Levante español. Con respecto da técnica, destaca o carácter xestual da pincelada, o ritmo vibrante das cores que aportan ricos matices cromáticos destacando a gama dos grises e o trazo do negro. Asinado a. i. d.

1980
carastome
Caras
Xosé Miguel Tomé

Unha serie dunha ducia de rostros que ocupan a maior parte da superficie pictórica; de novo, e tal como é o habitual na obra de Tomé, a figura humana é a protagonista. Plenamente neoexpresionistas, o autor concibe estes rostros a modo de máscaras, das que tan só vemos a silueta, o perfil. A expresividade está lograda co uso dunha cor: o negro, co que cobre gran parte da superficie pictórica aplicado de forma enérxica e en grandes cantidades de materia.

CARASDIAZPARDO
Caras
Isaac Díaz Pardo
1984

Neste gravado represéntase unha multitude de rostros, todos mirando cara arriba. En primeiro termo vese un home e unha muller, esta última cun neno no colo. Ao redor do pescozo do home hai unha inscrición do autor: "Ouxetos alleos no ceo de Galicia -- Estase a perder toda esperansa -- Grabou Díaz Pardo en septembro de 1984". Relaciónase cunha linguaxe expresionista. Asinado a. i. d. "Díaz Pardo", e no a.i.e. o número de serie 55/100.

1984
seriecaruncho
Caruncho 7-12
Luis Caruncho Amat
2000

Dentro das súas últimas composicións, atópase este acrílico de Caruncho, unha obra completamente abstracta que se sustenta en base a dous principios: cor e xeometría, débeda da súa vinculación con propostas suprematistas e construtivistas. Neste caso estamos diante dunha serie de seis cadros que unidos forman unha composición; tódalas repiten o mesmo esquema: a superficie pictórica está dividida en tres franxas de cor horizontais e paralelas na que se xoga con distintas tonalidades de azuis, laranxas, amarelos... Sobre estas bandas trázanse unhas liñas en branco e gris que fragmentan a obra xerando planos xeométricos, fracturas e unha enorme tensión á obra, creando a sensación de que se trata dun puzzle.

Correspóndese co cartapacio “Vidreiras para Compostela”, serie limitada integrada por seis pezas gráficas de Luís Caruncho acompañadas por cadanseu poema de Miguel Anxo Fernán-Vello, Ramiro Fonte, Pilar Pallarés, Manuel Rivas, Xavier Seoane e Xulio Valcárcel.

2000
casas
Casas
Mª Antonia Dans Boado

Paisaxe dunha fronte urbá, de fachadas estreitas e alongadas, dispostas co característico apiñamento. Son formas sinxelas e elementais, cunha inxenuidades que se aproximan ao naïf. Destaca a paleta cromática coa que individualiza cada vivenda, de novo coas tonalidades cálidas características da autora.

cervos
Cervos
Xosé Vivián Lourenzo (Bibián)
1985

Durante a década dos 80, Bibián traballou nunha serie -que expón na mostra do colectivo Nome en Lugo en 1988-, que recolle un traballo no que as formas que presenta teñen o seu punto de partida e a máis clara influencia na pintura prehistórica, coa que pretendía recuperar o comezo da pintura e reivindicar o valor e os modos de facer nos comezos da arte. Son figuras de animais, neste caso cervos, que ineludiblemente nos traen á memoria as pinturas murais do período magdaleniense e das covas do Levante español. No relativo á técnica, destaca o carácter xestual da pincelada, o ritmo vibrante das cores que aportan ricos matices cromáticos destacando a gama dos grises e o trazo do negro. Asinado a. i. d. "Bibián 85"

1985
cincomulleresvirxilio
Cinco mulleres
Virxilio Fernández Cañedo
1970

Obra que representa cinco mulleres de poses relaxadas e aires ausentes; mulleres vistosamente vestidas, con faldas longas, con panos na cabeza. Son característicos na obras sobre táboa, como esta, os trazos en relevo, espraiándose na ornamentación en realce das roupas das campesiñas, a modo dos bordados populares. Recrea un universo de inxenuidades e elementalidades, impregnado dun primitivismo popular. Asinado no ángulo inferior dereito.

1970
circoquessada
Circo
Xaime Quessada
1969

A temática circense está presente ao longo da obra de Quessada, xa que lle permite unir o seu gusto por pintar cabalos e a referencia á etapa azul de Picasso na que o pintor malagueño traballaba este tema. Nesta obra está presente por un lado a apariencia xeral da mesma, de carácter surrealista e, por outra, dada a violencia cromática e a distribución arbitraria das cores fálanos dunha proximidade aos postulados estéticos do Pop Art ou o Expresionismo. Compón a escena cun grupo principal na que aparece unha figura feminina montada sobre o cabalo, o cal está sendo guiado por unha muller espida. Completan o grupo dous arlequíns; todos eles centran a composición que se completa nun segundo termo cunha paisaxe na que se distinguen as tendas de campaña do circo. Comprado á galería Citania en 1981. Asinado no a.i.d. : "Quesada 69"

1969
composicion
Composición
Ánxel Huete Vales
1971

Liñas e planos de cor, que constitúen formas orgánicas, a algunha referencia xeométrica, nunha composición dominada polo ritmo desas formas, un ritmo neste caso, centrípeto. Paleta sobria, de ocres, grises e negro, como cores predominantes. Sinatura e data no a.i.d.: "Huete 71". Comprada á galería Citania en 1981.

1971
composicionhuete
Composición
Ánxel Huete Vales
1976

Obra que pertence a súa serie de "Recortes no espazo", na que achega unha reflexión sobre o espazo construído equilibradamente por unha sutil xeometría de liñas e planos de cor. Está presente na súa obra a vontade estruturadora e ordenadora do espazo pictórico, neste caso someténdoo ás formas cuadrangulares, individualizadas mediante un trazo negro, dando a apariencia da forma de ventá. A linguaxe que emprega é a específica da pintura, é dicir, a cor, a pincelada e a mancha.

1976
concertoquessada
Concerto
Xaime Quessada
1984

Xaime Quessada aborda neste gravado un tema mitolóxico, un mundo de mitos e lendas no que as ninfas eran cortexadas por faunos en paisaxes oníricas. Nun ambiente bucólico, o artista constrúe unha escena na que un grupo formado por dúas mulleres e un home escoitan a un efebo que toca unha frauta dobre. Tecnicamente o gravado reflexa o virtuosismo do autor co debuxo ao perfilar nitidamente as figuras, recordando a pintura das cerámicas gregas, pero tamén a obra de Picasso, que sería unha constante influencia ao longo da súa carreira. A obra está asinada no revés, no ángulo inferior esquerdo dentro da prancha, e fóra no ángulo dereito. Asinado no a.i.e. "Quessada 1984"

1984
seoanecorpiñoverde
Corpiño verde con fondo amarelo
Luís Seoane
1973

Obra de madurez de Seoane que representa unha muller de medio corpo inspirada nas campesiñas rurais. Asinada no ángulo inferior esquerdo. Foi doada pola súa viúva, Dª Elvira Fernández López, en 1992.

1973
debuxosucasas
Debuxo
Alfonso Sucasas Guerra
1971

Nunha estancia baleira da que tan só vemos no fondo unha ventá, Sucasas representa un grupo composto por tres figuras: o home, en primeiro termo, sentado nunha cadeira, agáchase e apoia a cabeza sobre os xeonllos; en segundo termo, un neno que apoia unha man nesa cadeira mentres que a outra lévaa á boca facendo un xesto de medo ou sorpresa; por último unha muller vestida de loito e cun pano na cabeza. Tipos populares de gran expresividade que a Sucasas lle serven para crear todo un repertorio xestual sobre a dor, a desesperanza ou a angustia humanas, que acentúa ao representalos nunha habitación completamente baleira. Raiado, difuminado e sombreado son outros recursos que emprega na composición deste debuxo. Comprado á galería Citania en 1981.

1971
sucasasdebuxo
Debuxo
Alfonso Sucasas Guerra
1971

De enorme carga expresionista, Sucasas presenta neste debuxo a angustia vital dun home que, de xeonllos e coas mans levantadas, parece suplicar algo. Sitúa o protagonista no primeiro termo dun espazo ao fondo do cal aparece unha barca varada e a lúa. Ambiente nocturno, escuro e negro, no que tan só se ilumina o home. Ofrece Sucasas unha dura visión existencial do home e da condición humana na que están presentes a soidade e a angustia. Supón un excelente exemplo da capacidade do autor para o debuxo; aproveita as capacidades que esta técnica lle ofrece para perfilar a figura e definir os seus rasgos, crear as zonas de sombras, zonas difuminadas e outras raiadas. Comprado á Galería Citania en 1981. Asinado no a.i.d.

1971
debuxo1seoane
Debuxo 1
Luís Seoane
1944

Da etapa inicial de Luís Seoane é este debuxo no que se representa a dous homes sentados sobre rochas. Trátase dun debuxo de gran sinxeleza pero que serve para amosar a destreza do autor nesta técnica e algunhas características que estarán presentes ao longo da súa produción: a solidez das figuras, a sinxeleza da composición e o gusto polas formas redondeadas, liña curva coa que crea o perfil das figuras. Na parte superior dereita, asinado polo autor e na esquerda, a data.

1944
debuxo2seoane
Debuxo 2
Luís Seoane
1943

Dentro da etapa inicial de Seoane inclúese este debuxo no que se representa a dúas mulleres; á dereita, unha muller sentada sobre unha rocha e, á esquerda, outra que parece máis nova, espida con árbores detrás. O tema da muller convertirase na icona da representación de Luís Seoane, como homenaxe á muller campesiña galega. Trátase dun debuxo de gran sinxeleza pero que serve para amosar a destreza do autor nesta técnica e algunhas características que estarán presentes ao longo da súa produción: a solidez das figuras, a sinxeleza da composición e o gusto polas formas redondeadas, liña curva coa que crea o perfil das figuras. Asinado no ángulo inferior esquerdo. No lado dereito, a data.

1943
domingoandradecriado
Domingo de Andrade
Felipe Criado
1972

Retrato de corpo enteiro do arquitecto barroco Domingo de Andrade, que sentado nunha cadeira, represéntase en actitude reflexiva, quizais ideando algunha das súas obras, como suxire o bosquexo da torre do reloxo da catedral de Santiago que vemos na metade esquerda do lenzo. Asinado no a.i.e.: " Felipe Criado/ 1972"

1972
douspiñeirosvirxilio
Dous piñeiros
Virxilio Fernández Cañedo
1972

Virxilio sérvese da paisaxe da súa contorna, das terras ourensás, para reflectilo na súa obra, o que lle confire un carácter íntimo e sentimental. Compón ordenadamente o espazo pictórico a través dos elementos cos que estrutura a obra: árbores no primeiro termo, campos no segundo, e outeiros no último.  A verticalidade do tronco das árbores contrasta co carácter ondulante das copas e das montañas que Virxilio obtén a través da pincelada, de novo densa; No referido ás cores, vemos a preferencia do autor polo cromatismo forte, neste caso a base de tons verdes e terras. Asinado no ángulo inferior esquerdo.

1972
duasmulleres
Dúas mulleres
Rut Massó

Asinado a. i. d. "Rut Massó"

duasmulleresquessada
Dúas mulleres
Xaime Quessada
1994

Obra recente de Xaime Quessada. Representa a dúas mulleres nun interior, probablemente nunha habitación. O tema recorda aos gravados bucólicos que fixera anos antes para ilustrar a obra de Ramón Cabanillas A rosa de cen follas. As mulleres poden recordar a antigas deusas gregas, unha delas -a do primeiro termo, de perfil- está vestida cunha túnica que se pega á pel translucindo a anatomía. A outra está espida e xira a cabeza come se estivese a mirar fóra da estancia. Quessada emprega aquí unha técnica mixta a base de acuarelas e lápis de cores. Destaca o labor do debuxo co que recorta a silueta dos corpos e a cor que contribúe a dar volume aos corpos. Asinado a. i. d. "Quessada 1994"

1994
duasmulleresvidalabascal
Dúas mulleres
Enrique Vidal Abascal
1974

Xunto a unha vertente primitiva que bebe da tradición autóctona galaica, Vidal Abascal desenvolve outra vía que atopa as súas raíces no expresionismo de Nolde ou Ensor; así atopámonos dúas figuras, unha de elas de costas e agachada, e a outra de pé, xuntando as mans e xirando a cabeza como se estivese a mirar a outra muller. Son figuras robustas e sólidas que destacan nitidamente sobre o fondo vermello, expresivas; destaca a esaxeración na representación das mans e dos pés. Tecnicamente, Vidal Abascal emprega pinceladas largas e vibrantes, moi empastadas e cheas de luz. Asinado no ángulo superior dereito.

1974
eccehomo
Ecce Homo
Alfonso Costa
1987
1987
lodeiroemigrantes
Emigrantes de regreso á cidade
Xosé Telmo Lodeiro Fernández
1970

De espaldas ao espectador, Lodeiro mostra nesta obra dúas figuras abrazadas que se sitúan ante unha paisaxe apocalíptica, irreal, composta a base de campos de cor e formas xeométricas e iluminada cunha forte e irreal luz de atardecer. En canto ás figuras, ainda que moi esquematizadas, non chegan á simplificación absoluta que adoita presidir a súa produción figurativa, na que se distinguen as formas das cabezas, espaldas, brazos e pernas. Contrasta o perfil destas figuras contra a paisaxe, así coma as gamas cromáticas: mentres que as figuras compóñense a base de grises e verdes, a paisaxe baséase en tons vermellos, malvas e azuis. Asinado no ángulo inferior dereito, acompañado da data. Foi mercado á galería Citania en 1981.

1970
entremareterrasuarez
Entre auga e terra
Nolo Suárez

Seguindo unha composición simétrica, Nolo Suárez presenta unha obra sobre táboa que divide en dous a través dunha franxa de cor verde. Á esquerda sobre un fondo de cores verdosas e amarelas, superpóñense tres círculos azuis, que teñen a súa correspondencia na outra metade da obra con tres rectángulos de cores laranxas sobre un fondo azul; unindo ambas partes unha franxa branca de forma ondulante. As cores húmidas aparecen como esvarando sobre o soporte pictórico, dando a sensación de que é o propio tempo o que configura o resultado final. Asinado no aid. Doazón do autor.

entroidoIV
Entroido
Xaime Quessada
1993
1993
equilibrio
Equilibrio xiratorio
Elena Colmeiro González
1970

Peza escultórica reañizada por Elena Colmeiro na década dos '70. 

1970
escenacampesiñapousa
Escena campesiña
Xavier Pousa Carrera

Obra paisaxística na que Pousa representa o traballo do campo, a sega do millo que están a recoller un grupo de tres persoas que seguindo un esquema piramidal ocupan no primeiro plano o centro da composición, mentres que nun segundo termo outra persoa regresa cunha patela na cabeza. O espazo compositivo da obra está formado pola sucesión de distintos planos: o primeiro, no cal está o grupo principal; o segundo, coa outra figura e o hórreo; e en último termo unha paisaxe de montaña na que se vislumbra un pequeno casarío. Estamos diante dunha obra chea de luminosidade, de cores intensas e trazos nerviosos e rápidos na que se pon de manifesto o tratamiento realista de Pousa da paisaxe, de débeda impresionista.

escenamariñeirapousa
Escena mariñeira
Xavier Pousa Carrera
1970

Imaxe do traballo cotián nun pobo mariñeiro. En primeiro termo, vemos un home traballando coas redes e dúas mulleres con cestas na cabeza. Detrás, á dereita, aparece unha muller sentada e ao fondo, unha figura e as casas. Cara o lado esquerdo vemos unha barca e o mar. Vencellada ao quefacer impresionista, a pincelada é rápida e nerviosa, e resulta exultante en luminosidade e cor.

1970
monvasco
Escultura
Mon Vasco Pardavila
1981

Nesta escultura de ferro, o autor xoga coa ensamblaxe de pezas xeométricas simples e de corte construtivo: un rectángulo, unha ferradura e dous brazos metálicos; pezas grandes e compactas, creando coa peza un desenvolvemento abstracto no espazo e aproximándose con ela ás propostas de Chillida.

1981
evaeadansucasas
Eva e Adán
Alfonso Sucasas Guerra
1970

Neste gravado, Sucasas parece facer unha reinterpretación do tema Expulsión do Paraíso de Adán e Eva, que varias veces realizaría ao longo da súa produción artística. Así, ante unha paisaxe de fondo, o autor presenta sobrevoando dúas figuras, unha masculina e outra feminina que parecen fuxir. Realiza o gravado cunha soa tinta; o seu coñecemento e capacidade para o debuxo, permítelle crear perfectamente as siluetas das figuras, volumétricas e de formas redondeadas, características do autor. Comprado á galería Citania en 1981 Asinado no a.sd.:"SUCASAS"/70

1970
familia
Familia
Acisclo Manzano Freire
1962

Nas súas primeiras obras, Acisclo traballa exclusivamente coa madeira; neste caso temos unha talla de estilo expresionista dun grupo composto por un home, unha muller e un neno. Con respecto da técnica, obsérvase a talla da gubia ao traballar a madeira con incisións e cortes alongados. Son figuras estilizadas, ríxidas e ausentes de movemento; aparece xa a valoración do oco que se convertirá nunha característica da súa obra.

1962
masidefesta
Festa
Xulio Maside
1982

Obra figurativa composta por un home e unha muller que aparecen entrelazados. As figuras quedan reducidas a simples siluetas nítidas de formas redondeadas que recordan a obra picassiana. Neste caso, Maside non emprega a violencia cromática que caracterizará as súas obras posteriores, senón que se decanta por tons suaves, rosáceos para os corpos, e grises, azuis para o fondo. Asinado no ángulo inferior dereito.

1982
figurasmorquecho
Figuras
Xosé Ramón Morquecho Barral
1979

Nova figuración de influencia expresionista. Na produción pictórica de Morquecho, a figuración adquire unha carga que reflicte certa sensación de sufrimento e tristeza. Nesta obra, Morquecho presenta a un grupo de nove persoas tratadas colectiva e non individualmente, amosando nos seus rostros eses sentimentos; as sitúa nun interior, un espazo apenas definido, sombrío e escuro, case en penumbra que contribúe a aumentar esa sensación de inquedanza. Son obras de raíz expresionista na que o autor se serve dunha paleta cromática apagada, coas contornas grosas en negro e trazadas dun xeito rápido e vigoroso. Asinado a. s. e.

1979
figuras
Figuras
José Manuel Vidal Souto

Tenra visión dunha escena enmarcada no mundo rural ou campesiño, na que unha cría, un tenreiro, estase a amantar da nai, a vaca; unha experiencia con asombro contemplada polos nenos, significados polas súas cabezas no ángulo superior dereito. A sinuosidade das formas, enmarcadas polo trazo groso e sintético, reflicten ese inxenuismo característico do artista; a gama cromática céntrase nos verdes e sobre todo nos azuis, con toques de amarelo e vermello, acentuando a través dela e pola disposición da figuración a sensación de lembranza idílica. Asinado no a.i.d.: "Vidal Souto"

figuras
Figuras
Carlos Bóveda

Nesta obra de grupo, Bóveda plasma fielmente a súa estética vinculada ao rexionalismo galego. Retrata esta familia seguindo un esquema piramidal, no que se inscribe a figura da nai que abraza e suxeita aos seus fillos. Tecnicamente repítense as características dos seu estilo: a rudeza das figuras, dun certo primitivismo, de perfís redondeados e delimitadas cun groso debuxo negro, así como a pincelada dinámica e empastada, cargada de materia. Asinado a. i. d.

figurasalexandro
Figuras
Alexandro
1982

Esta obra deste artista ourensán está dentro da figuración e da abstracción; é figurativa porque baixo unha aparente contorna caótica, intúese unha forma que podería recordar a da un animal. Sen embargo, a pincelada caótica, a contorna indefinida dan á obra unha apariencia máis abstracta. É característica do pintor o colocar unha figura a soas nun lugar, unha imaxe difusa de cores escuras que denota unha contención que se contrapón co carácter visceral e temperamental da súa pintura. Enmarcado con cristal. Asinado no a.i.e.: "21-1-82/ Alexandro"

1982
Finisterrae
Finis Terrae
Xurxo Martiño
1993

José Manuel García Iglesias / Silvia Hermida Sánchez

Xurxo Martiño, un artista conceptual pertencente á nova xeración de pintores composteláns que na década dos noventa se decantou por pintar paisaxes urbanas e faros a través dunha pintura matérica, resaltada con diferentes escalas de cor, pigmentos e texturas. Con esta técnica, e grazas á utilización dunha gama cromática que oscilou entre os brancos, os azuis e os negros, o pintor conseguiu producir grandes efectos de luz e sombra.

1993
floresvirxilio
Flores
Virxilio Fernández Cañedo

Sinxelo bodegón composto por un vaso con flores que centra a composición e uvas no primeiro termo. Destaca o decorativismo do vaso, algo que é habitual no autor, ademais do cromatismo, a base de tonalidades cálidas, separando cun trazo máis claro as distintas flores e follas que compoñen o bodegón. Logra a sensación de profundidade a través da disposición ordenada dos distintos elementos dentro do cadro e tamén por medio da cor.

gallaeciafulget
Gallaecia Fulget
Acisclo Manzano Freire
1997

Escultura feita con motivo do V Centenario da USC. Acisclo parte dos seus torsos característicos para ofrecernos unha figura que recorda indubidablemente a unha niké: a Vitoria de Samotracia que tanto lle impactou e lle influiu ao longo da súa produción artística. Pero non só o tema é clasico; a técnica tamén o é, pois nas viaxes que Acisclo fixo por todo o mundo, quedaría impresionado pola escultura grega, arcaica e clásica, de aí o recordo dos panos mollados fidíacos, que transparentarn a silueta desta obra que se clasificaría dentro dunha peculiar modalidade de abstracción figurativa ou figuración abstracta. A forma da niké clásica sérvelle ao escultor para crear a peza coa sucesión de planos curvos e ondulantes tan característicos. Os corpos desprovistos de cabeza, as extremidades tan só suxeridas, que rompen a horizontalidades e recordan as vitorias aladas, son características da súa última etapa. Con respecto ao material, aquí emprega o bronce cunha pátina verdosa. Asinada

1997
grupoxentesucasas
Grupo de xente
Alfonso Sucasas Guerra

Nunnha escena case en penumbra, Sucasas presenta un grupo de xente que vai en procesión; as figuras, case todas mulleres agás un neno, visten de negro e apenas se distinguen os rostros dos que discorren en último termo xunto co neno que reciben unha maior iluminación. Son figuras expresionistas nas que o autor segue unha liña que pasaría desde Goya a Laxeiro pasando polo expresionismo xermano. Na marxe inferior dereita vemos un selo que dí: "Schollers Hammer"(69). Asinado no a.i.d. Comprado á Galería Citania en1981.

guitarramallo
Guitarra
Maruja Mallo
1940

Debuxo de Maruja Mallo que representa unha guitarra. Asinado e datado: a. s. d.: "M Mallo - 40"

1940
diazfuentes
Homenaxe a Valle Inclán
Xosé Díaz Fuentes
1977

Escultura organicista de gran formato e feita en formigón, material que lle resulta propicio para esta escala monumental. Inspírase nas formas da natureza, a través do ritmo dos seus ocos, concavidades, relevos e ondulacións, como se fose a propia natureza a que configurase a súa forma resultado quizais dos efectos dos axentes erosivos, pois son os fenómenos xeolóxicos -de fosilización ou erosión- os que toma como fonte de inspiración.

1977
homenaxemarirago
Homenaxe ao mar
Ramón Irago Silva

A produción de Irago Silva encádrase dentro do ámbito da figuración. As figuras, principalmente mulleres, son as protagonistas das súas obras en escenas de maternidade ou escenas de xénero. Neste caso, atopámonos cunha composición case simétrica, na que a través de dúas ventás vemos os rostros de dúas mulleres, unha cos ollos pechados e a outra abertos. Ambas ventás permiten vislumbrar ao mesmo tempo unha arquitectura ao fondo. En relación coa técnica, Ramón Irago traballa neste caso cunha textura moi lisa e unha gama cromática en tonos pasteis onde teñen cabida os verdes, amarelos, laranxas ou tostados. O debuxo sérvelle para definir as siluetas tanto dos edificios coma das figuras, tratadas estas con gran sinxeleza. Asinado no a.i.d.

homunculoseoane
Homúnculo de lingua viperina
Luís Seoane
1966

Gravado que representa unha cabeza de home de perfil coa boca aberta e a lingua de fóra. Leva una gorra na cabeza. As cores son fundamentalmente azul escuro, azul claro e ocre. O fondo é ocre e a figura nos diferentes azuis. Da mesma serie consérvase un exemplar na Fundación Luis Seoane.

1966
hospedesleiro
Hóspedes de San Luís
Francisco Leiro Lois
1987

Mural de madeira vermella tintada, composto por varias pezas ensambladas e suxeitas a un soporte (un contrachapado de aglomerado). Reflexa un episodio vivido polo artista na sevillana rúa de San Luís. Sobre o fondo negro, os corpos estenden os brazos, axítanse en accións de gran movemento e forza como querendo sobresaír. Co seu característico tratamento de texturas e tons e cunha linguaxe figurativa de gran expresividade, Leiro plasma, máis ca un feito, un impacto emocional. A expresividade e a tensión móstranse a través do rudo tratamento material, nas desproporcións dos corpos e na desmesura formal, na distorsión e na policromía que, como elemento consubstancial da peza, resalta os significados. Leiro traslada ao tridimensional o desgarro figurativo das vangardas internacionais dos oitenta. Foi adquirido ao artista en 1990.

1987
igrexasvirxilio
Igrexas
Virxilio Fernández Cañedo

Xunto coa paisaxe rural, Virxilio traballa tamén a paisaxe urbana, que supón unha ollada á transformación da sociedade galega do momento e a influencia da súa estadía berlinesa. Concibidas coa apariencia de carteis, o autor amosa unha vista dunha vila, na que vemos en primeiro termo as casas e no último as igrexas. Son arquitecturas concibidas xeometricamente, de liñas puras, servíndose do debuxo para individualizar cada elemento mediante trazos grosos. As cores son vivas, destacando os amarelos e laranxas e a pintura é empastada creando os relevos característicos do autor. Asinado no ángulo inferior esquerdo.

imperialismopardiñas
Imperialismo
Xoán Pardiñas
1978

Ao longo da súa produción, a obra de Xoán Pardiñas aproximarase a posturas cercanas á abstracción. Neste caso, a influencia máis cercana é a pintura de acción norteamericana, de aí a apariencia xeral da obra que aparece salpicada por distintas cores ante un fondo gris, xogo de grises e brancos que son claves identificativas do autor; igualmente é importante a técnica, traballa cunha pincelada cargada de materia que lle serve tamén para crear texturas. Asinado no ángulo inferior dereito.

1978
lodeiro1
Lodeiro 1
Xosé Telmo Lodeiro Fernández

Ante un fondo paisaxístico, Lodeiro sitúa a figura dunha muller. Esta -aínda que realizada mediante planos- queda reducida a unha simple silueta, vestida ou abrigada por unha envolvente espiral, toda ela en tons azuis. A estática figura preséntase diante dun fondo paisaxístico, irreal, case apocalíptico composto a base de bandas cromáticas que van do rosa ao amarelo, habituais no seu quefacer. Asinado no ángulo inferior esquerdo.

lodeiro2
Lodeiro 2
Xosé Telmo Lodeiro Fernández

A peculiar característica que o autor lle confire á figuración na súa obra fixo que se asignase o termo "figuras tipo Lodeiro". Estas -como no caso desta obra- compóñense a base dunha sucesión de planos de gamas cromáticas grises, ondulantes ata crear unha forma cónica. As figuras quedan reducidas a simples siluetas e das que unicamente vemos o rostro, principalmente a mirada expresiva. Neste cadro, Lodeiro non sitúa as figuras diante dunha paisaxe, senón ante un fondo neutro azul, do que parecen sobresaír, recortadas ambas figuras. Asinado no ángulo inferior dereito.

lodeiro3
Lodeiro 3
Xosé Telmo Lodeiro Fernández

A combinación de bandas de distintas cores -negro, vermello, verdes, laranxas-con certas ondulacións que creban a monótona secuencialización horizontal, suxire unha representación paisaxística cunha evidente tendencia á abstracción. Probablemente esteamos diante dunha vista marítima, cunha luz de atardecer avermellada que asoma ao fondo do cadro detrás do que sería o perfil da costa, suxerido por esa franxa ondulante de cor negra. Estamos diante dunha composición habitual de Lodeiro, na que toma elementos recoñecibles da paisaxe: ao mar, a costa, para logo esencializar e esquematizar eses elementos ata chegar case á abstracción.

lodeiro4
Lodeiro 4
Xosé Telmo Lodeiro Fernández

Paisaxe marítima no que as formas son xeometrizadas e sintetizadas ao máximo, sendo sometidas a unha ríxida orde. Compón o cadro en dúas metades claramente diferenciables; a superior está articulada a base dun fondo vermello sobre o que se recortan montañas de cor negra. Na parte inferior, a representación do mar mediante bandas azuis paralelas que alternan con outras máis estreitas de cor vermella; no centro aparece un recadro enmarcado en negro co interior de cor amarelo. Asinado no ángulo inferior dereito.

lucenza
Lucenza 1992
Xaime Quessada
1980

A paisaxe da súa terra natal convértese nunha fonte de inspiración para Quessada.  Lucenza é representada en diferentes ocasións; trátase da vista que rodea a súa casa. Entre dous castiñeiros, o artista amósanos as terras de prados e campos que se suceden. Chama a atención o colorido, no que se percibe a influencia da luz mediterránea, frecuente nas obras do autor debido ás tempadas que pasou no seu obradoiro de Eivisa. Podemos dicir que aquí Quessada une o concepto dunha luz mediterránea coas cores propias dunha paisaxe galega: os verdes do prado ou as cores avermelladas das árbores. Anteriormente estaba no Parlamento de Galicia e a finais de 1996, por conta da USC e por indicación do artista, trasladouse á USC.

1980
manancialsuarez
Manancial da paisaxe
Nolo Suárez
1993

A figura de Nolo Suárez supón unha renovación á temática da paisaxe galega, principalmente dos elementos terra e auga como orixe da vida, a partir da década dos 80 a través da súa técnica peculiar que lle confire á obra un aspecto acuoso configurando o resultado final a través da acción do propio proceso pictórico. Ante un fondo no que predominan as tonalidades pasteis (azuis e amarelas), o autor salpícao con distintos elementos: unha árbore grande e tres máis pequenas colocadas en liña, unha folla e un arbusto. Todo unido por manchas de cores brancas en espiral e ondulantes, ou verdes que seguen unha liña curva que se converten en signos de identidade do autor.

1993
marañaspardiñas
Maraña
Xoán Pardiñas

Xunto a estética primitivista de eco románico de Xoán Pardiñas, a outra vertente da súa obra é a informalista. Neste caso, aínda que a figuración non desapareceu totalmente, pois vemos un rostro de fondo, esta perde protagonismo en favor da abstracción. Aquí a influencia do action painting norteamericano, principalmente da obra de Pollock, parece evidente ao crear unha pintura de manchas na que superpón distintas cores, predominando o branco, o negro e en menor medida o vermello, dispostas ao azar, creando esa especie de maraña da que fala o título da obra.

marañasmurado
Marañas
Antonio J. Murado López
1995

Presentada por primeira vez na XXIII Bienal de Arte de Pontevedra, a serie "Marañas" de Antonio Murado á que pertence esta obra, supón a continuidade co carácter serial da súa obra e o seu gusto polos grandes formatos que caracterizan a súa produción. A obra caracterízase polo emprego dun fondo monocromático -neste caso laranxa- sobre o que superpón unha serie de liñas enmarañadas, que se moven e retorcen sobre a superficie adquirindo o aspecto dun arabesco; é o que o propio autor chamou "escritura neuronal". Influenciado polo "Action Painting", Murado rompe coa centralidade do cadro, dotándolle da mesma importancia a calquera punto da superficie pictórica, sobre a que se cruzan as "Marañas", seguindo o concepto desenvolvido pola pintura de acción norteamericana de "All-Over". Inscrción no reverso:"ANTONIO MURADO/Marañas/120 x 120 cm./ÓLEO/LIENZO/Madrid 95"

1995
mariñagarabal
Mariña
Manuel López Garabal
1948

Paisaxe mariña da costa. O protagonista é sen dúbida a luz, cos seus distintos reflexos e matices, no ceo, na auga ou nas rochas contra as que rompen as ondas e nas que o sol parece pegar con forza, contrastando coa sombra en tons azuis e violetas do primeiro termo. Garabal válese dos recursos da propia técnica para lograr unha representación verídica do rompente de ondas, cargando máis a materia.

1948
mariñadans
Mariña
Mª Antonia Dans Boado
1960

Traballa aquí Mª Antonia Dans a paisaxe mariña, tan frecuente na súa obra. Baixo unha aparente simplicidade da obra, a autora ordena todos os elementos, nun primeiro termo o mar, seguido dunha batea. Detrás, no centro da composición, un barco lixeiramente desprazado á dereita. Decántase aquí por unha paleta cromática máis escura baseada en tonalidades ocres e grises. Xoga cos recursos lumínicos e cos reflexos na auga do mar. Asinado no a.i.d. "m.a.dans"

1960
mariñacolmeiro
Mariña
Manuel Colmeiro Guimarás
1970

Mariña ao óleo, asinado no a.i.d. Comprado á galería CItania en 1981.

1970
mariña2garabal
Mariña 2
Manuel López Garabal
1948

Realizado na súa etapa de madurez, Garabal presenta aquí unha paisaxe mariña, cun mar picado que bate contra as rochas, concibidas como volumes redondeados, que reflicten o aceno da pincelada. Destacan especialmente os reflexos lumínicos e os efectos cromáticos que producen sobre as distintas superficies. Lonxe dunha paisaxe idealizada, Garabal reflexa a soidade e a dureza da Costa da Morte. Asinado no a.i.d. : "M. Garabal/1948"

1948
mariña3garabal
Mariña 3
Manuel López Garabal
1946

Da etapa de madurez de Garabal é esta paisaxe costeira, de acantilado, na que amosa a forza do mar picado batendo contra as rochas. Característica do autor é o amosar unha paisaxe que, lonxe da idealización, reflexa a crudeza e dureza da Costa da Morte. Cun dominio absoluto da técnica, Garabal preocúpase polos efectos matéricos e pictóricos, tanto no mar, onde xoga cos azuis e brancos para reflexar á forza do mar, coma nas rochas onde xoga cunha maior diversidade cromática: verdes, marróns, vermellos e malvas.

1946
maside
Maside 1
Xulio Maside
1980

Obra figurativa que mostra unha parella, unha de costas e outra de perfil. A pintura de Maside é enérxica, impulsiva, de trazos fortemente coloristas de influencia fauvista; xunto a ela, os ecos do expresionismo histórico e a xeometría do cubismo visible nas formas das figuras. Pola variedade e forza cromática empregada, claramente expresionista, pódese insicribir esta obra aproximadamente na década dos 80. Asinado no a.i.d.

1980
maternidade
Maternidade
Xosé Cid Menor

Cunha esencial e poética síntese formal e dentro desa liña figurativa de carácter organicista na que adoita expresarse, representa unha muller embarazada. Coa madeira, un dos seus materiais preferidos, xunto co granito, acada destacadas cualidades formais. Suaves curvas e medidas aristas ou pregos; a madeira pulida e cun perfecto acabado, véndose as vetas: importante efecto ao incidir a luz.

maternidadevirxilio
Maternidade
Virxilio Fernández Cañedo
1970

Unha das moitas representacións que realizou Virxilio sobre a muller. Asinado no a.i.e. "vfc." Inscrición no reverso : "Maternidad" Virxilio Fernández / O Cumial

1970
maternidadelaxeiro
Maternidade
José Otero Abeledo "Laxeiro"

O tema da muller, especialmente a maternidade, ocupa un lugar privilexiado na produción laxeiriana, relacionado co matriarcado e a fecundidade, ligado á antropoloxía galega. Laxeiro crea unha nova imaxe no seu modelo de maternidade e, así, presenta a dúas figuras -a nai e o fillo- envolventes e pesadas; a nai, estática, de fronte e coa mirada ausente, suxeita coas mans o seu fillo no colo. Ambas figuras inscríbense nun esquema piramidal; son imaxes estáticas e hieráticas, o que se vincula coa estética do granito, a solidez da escultura románica na que Laxeiro encontrou no Mestre Mateo un dos principais referentes para a conformación do seu particular mundo, no que tamén teñen cabida Goya e Picasso. Tecnicamente, Laxeiro recorta as figuras contra un fondo neutro, de tonalidades azuis, grises e un toque de laranxas. Define o perfil das siluetas das figuras, o cabelo e as faccións do rostro cun trazo negro, mostra do seu bo quefacer na técnica do debuxo. Asinado no a.s.e. Comprada á Galería Citania en 1980.

maternidadelaxeiro
Maternidade
José Otero Abeledo "Laxeiro"
1970

O tema da maternidade foi tratado en distintas ocasións por Laxeiro. Compón a escena con dúas figuras que se inscriben nun esquema piramidal: a nai que sostén no seu colo ao neno. Entróncase a obra dentro da tendencia primitivista e "románica" do autor, de aí o volume das figuras nas que logra crear un efecto case escultórico. As cores son escuras, marróns e negros que, contrapostos a zonas máis claras, aumenta ese carácter volumétrico. Na técnica mestura o debuxo, que lle serve para delimitar a contorna das figuras e os rasgos xerais das mesmas, e a acuarela aplicada cunha pincelada ampla. Asinado a.s.d."LAXEIRO/70/VIGO" Comprado á Galería Citania en 1980.

1970
maternidade
Maternidade
Enrique Vidal Abascal

O tema da maternidade é habitual na produción de Vidal Abascal (1908-1994). Neste caso, o grupo componse da nai que, situada de perfil, abraza o seu fillo. A estética primitivista e expresionista característica da arte galega do primeiro terzo do século que os pintores tomaban da escultura románica, retómaa aquí o artista ao amosarnos unha figura de rotundos volumes, estática e sólida, semellando a pesadez do granito, vinculable á estética que Faílde realiza na escultura. O debuxo xoga un papel importante ao perfilar timidamente as figuras contra o fondo. A influencia expresionista está presente no tratamento que lle confire ao rostro da muller ou na técnica, unha pintura empastada e de cores fortes e alegres, que se convertirán nun sinal de identidade do autor. Asinado a. s. e. "Vidal Abascal"

mullerlaxeiro
Muller
José Otero Abeledo "Laxeiro"
1960

Figura de busto dunha muller que Laxeiro retrata espida. Centra a atención na mirada da rapaza, ausente, transmitindo unha gran carga psicolóxica e unha sensación de tristeza. Cun debuxo robusto que o pintor entende como algo fundamental do seu traballo, define a contorna tanto do corpo como do cabelo, cun trazo negro que contrasta coas tonalidades rosáceas que emprega no busto da figura, logrando crear unha textura de veludo. A pintura está cargada de materia o que dá a sensación de texturas. Comprado á Galería Citania en 1981. Pegatina no reverso cos seguintes datos: "nº 209, Propiedad Galería Citania Santiago, óleo, muchacha, 50x70

1960
mullercantaro
Muller con cántaro
Manuel García Vázquez "Buciños"
1989

Sobre unha discreta base cuadrangular de granito, érguese a estilizada figura feminina, inspirada na estatuaria clásica e concibida nun xogo entre masa, no perfil frontal, e oco, ás costas; encaixándose nela o macizo cántaro de granito que sostén co seu brazo esquerdo. Sinatura e data gravadas no lateral esquerdo: "BUCIÑOS 89".

1989
mullerconcesta
Muller con cesta na cabeza
Luís Seoane
1973

Realizada nos anos finais da súa produción, esta obra de Luís Seoane supón un claro exemplo do tratamento de síntese cara o que evolucionou a súa pintura. Nesta obra, a figura feminina é a protagonista -figura que se converte na icona da súa produción-, unha muller anónima, do pobo, que leva un cesto na cabeza en clara alusión á campesiña galega, emblema da súa obra. Vemos a evolución fronte a outras obras anteriores: se nun principio a liña e a cor ían xuntas, agora a cor adquire autonomía propia e un gran protagonismo que provoca case a desaparición da liña. O trazo negro tan só indica sinxelamente o perfil do rostro e do peito, mentres que outra serie de incisións superpóñense sobre o fondo cromático, o que evidencia a interrelación entre pintura e gravado na obra de Seoane. No relativo á cor, esta responde a súa preferencia polas tintas planas, de cores fortes. Foi doado pola súa viúva, Dª Elvira Fernández López, en 1992.

1973
mullercestovirxilio
Muller con cesto
Virxilio Fernández Cañedo

Obra típica do estilo de Virxilio protagonizada por unha campesiña, que o autor converte nunha especie de homenaxe ao folclore popular galego. Vístea cunha túnica longa e pano á cabeza, porta unha cesta na cabeza que sostén coa man, e parece representala nun momento en que fai un descanso no traballo. Chama a atención o repertorio decorativo da vestimenta, na que Virxilio se serve do seu relevo característico, logrado a base de empastar a pintura, para acentualo. De novo, o gusto polo autor de cores fortes, exaltadas a base de laranxas e azuis e os trazos grosos cos que separa os distintos elementos dos cadros. Asinado no ángulo inferior esquerdo.

mullerescon flores
Muller con flores
Gustavo Balboa Díaz
1975

Representa unha figura feminina que porta unhas flores na súa man esquerda; ao fondo, distintos edificios. Utiliza unha gama ampla de cores. Xeometrismo. Asinado no ángulo inferior dereito: "Gustavo Balboa 75"

1975
mullerfouciñavirxilio
Muller con fouciña
Virxilio Fernández Cañedo

Retrato dunha muller campesiña nun prado. Parece relaxada, ausente, dá a sensación que deixou de traballar no momento en que está a posar para o pintor, pois ten na man a fouciña co que estaba a segar. Virxilio sempre representa estas mulleres con falda longa de gran decorativismo, con pano na cabeza, e as liñas de puntos e outros motivos en realce, que se vencellan con técnicas artesanais, como o bordado. As cores son fortes e as formas moi marcadas, destacando así o debuxo. Asinado no ángulo inferior esquerdo.

mullerlendovirxilio
Muller lendo
Virxilio Fernández Cañedo
1975

Escena de interior protagonizada por unha muller, que o autor representa no momento da lectura, sentada nun banco e apoiándose sobre unha mesa na que se ven varios papeis. Repítese novamente o gusto por captar as mulleres ensimesmadas, case ausentes. Tecnicamente, Virxilio emprega a pluma sobre un fondo de papel amarelo; a súa virtuosidade do debuxo sérvelle para lograr a sensación de profundidade e crear as sombras.

1975
mullerorientalmontes
Muller oriental
Jesús Montes Gil
1999

Retrato dunha muller oriental de gran tamaño en branco e negro. O retrato, moi efectista, recorda a unha fotografía.

1999
mullerespardiñas
Mulleres
Xoán Pardiñas

Baixo unha estética de corte primitivista, Xoán Pardiñas presenta a un grupo de tres mulleres abrazadas. Están concibidas dun xeito uniforme, como se fose unha masa homoxénea, redondeadas, algo que ao autor lle serve para reflectir a capacidade expresiva. Baixo ese perfil redondeado, as figuras están compostas a base de formas xeométricas, descompoñéndoas en distintos planos, o que se vincula a unha estética cubista, delimitadas dun firme trazo negro. A gama cromática é reducida, baseada en tons verdosos e tostados e a pintura é grumosa, empastada. Asinado no ángulo inferior dereito

mulleresdeitadas
Mulleres deitadas
Xoán Pardiñas
1980

Xoán Pardiñas presenta nesta obra un grupo de tres mulleres que aparecen deitadas. A estética do cadro enmárcase dentro do gusto polo primitivismo da primeira etapa do autor. As figuras son toscas, ampulosas e esaxeradas polo volume que evidencia a preferencia pola masa coa que Pardiñas encontra unha capacidade expresiva. Figuración de corte primitivista na que o autor emprega un forte e groso trazo negro que lle permite delimitalas. No relativo á técnica, decántase por unha textura grumosa e empastada que supón unha influencia dos grandes renovadores da arte galega: Colmeiro, Maside, Seoane ou Laxeiro. En relación coa gama cromática que emprega, esta é reducida a base de terras e grises, que se vinculan cunha estética do románico, no que o autor encontra as raíces galegas.

1980
mulleresmercadopousa
Mulleres no mercado
Xavier Pousa Carrera
1977

Obra de temática popular; estamos diante dunha escena de mercado protagonizada por dúas mulleres en primeiro plano, ataviadas co tradicional pano na cabeza. Ao fondo aparecen as siluetas doutro grupo de persoas que completan a escena. As figuras case están reducidas ás formas elementais, pois o rostro apenas está debuxado. O autor delimítaas co debuxo, de trazo máis amplo e groso; con todo, a pincelada é ampla, solta e diluída e, a paleta cromática está baseada en tonalidades ocres, verdes e tostados.

1977
multitudemorquecho
Multitude
Xosé Ramón Morquecho Barral
1976

A obra responde ás características da produción de Morquecho de finais da década dos 70 do século XX. Nese momento a obra figurativa cobra un maior protagonismo en detrimento da paisaxe. Entende as figuras como un grupo homoxéneo, case unha masa, non lle interesa a súa individualización, de aí que o rostro estea apenas bosquexado e o compoña por medio de vigorosos trazos negros, creando con iso unha sensación de tristeza. Estas aparecen ante un muro, un fondo branco onde se abren ocos negros, sobre o que se superpón as cores ocres e verdosas predominante na vestimenta das figuras. Asinado no ángulo inferior dereito.

1976
mralpatinho
Mural
Antón Patiño
1991

O autor mostra a súa devoción polos fondos matéricos, polas superficies cambiantes, esaxeradamente rugosas. Podemos ver unha cadeira sobre unha enorme superficie de cor terra recorrendo novamente ao símbolo para denunciar a progresiva desertización da Península Ibérica. Un inmenso espazo baleiro dominado por unha estrutura granulada de cor caracteriza esta composición que se aproxima á abstracción. Patiño patentiza que na súa obra todo é importante, todo é significativo, desde a composición e o debuxo ata a cor, posiblemente máis irracional e máxico da pintura. Asinado no ángulo inferior esquerdo:"A. PATIÑO"

1991
muraltome
Mural
Xosé Miguel Tomé

Concibido como un gran mural, Tomé divide o lenzo en catro partes, a modo dunha especie de ventás das que emerxen grupos de figuras que, seguindo a estética característica do autor, preséntanse difusas, apenas lles vemos o rostro; o expresivo trazo negro é practicamente o único elemento do que se serve Tomé para individualizar as formas que, próximas á abstracción, enmárcanse dentro do expresionismo que o caracteriza.

acisclo6
Mural 6
Acisclo Manzano Freire

Composto de seis pezas, Acisclo realiza este mural de barro refractario; do seu fondo emerxen os rostros dunhas figuras, nos que busca a expresividade dos mesmos, parecendo lembrar a traxedia da arte grega; rostros que emerxen da materia, ao xeito miguelanxelesco. No resto do conxunto están presentes as pegadas do traballo coa materia: sucos, incisións e ondulacións que crean distintas texturas -rasgo primordial na súa produción-; trátase dunha obra na que Acisclo xoga coa dualidade entre a figuración e a abstracción organicista.

atienzamural
Mural cerámico
Ángel Atienza
1976

O autor desta obra, Ángel Atienza Landeta, formado inicialmente na Escola de Artes e Oficios de Santiago, realiza este mural tras levar máis de dez anos experimentado na arte da cerámica e do vidro, despois de deixar atrás a súa carreira como futbolista profesional. Interésanlle as grandes dimensións para os seus traballos concibidos, igualmente, para espazos de dimensións importantes. En concreto esta obra, feita para a Facultade de CC. Económicas e Empresariais, é coetánea daqueles murais, tamén cerámicos, que desenvolve para diversas estacións do metro de Madrid.

1976
naceunharbore
Nace unha árbore
José Otero Abeledo "Laxeiro"
1952

Unha moi persoal fabulación do autor, na que un grupo de monicreques, con cabalo -sobre o que monta un deles- e vaca incluídos, avanza axitada e caoticamente. Cronoloxicamente incluída no período arxentino, está protagonizada por eses seres guiñolescos característicos de boa parte da produción laxeiriana, facendo con eles neste caso unha particular relectura da figuración picassiana. Asinado no ángulo superior esquerdo coa seguinte inscrición: "BS-1S 1952". No reverso leva unha etiqueta "nº 208/ propiedad Galeria Zitania Santiago, 122*70 óleo, nace un árbore" Comprado pola USC á Galería Citania en 1981.

1952
maternidadecolmeiro
Nai e fillo
Manuel Colmeiro Guimarás
1970

Neste gravado, nai e fillo, en tenra actitude, enchen todo o primeiro termo diante dun fondo apenas esbozado e descrito con concisión. O debuxo, limpo e nítido, baséase no perfilamento dunhas formas rotundas e voluminosas. Asinado dentro da prancha no a.i.e., do revés e de dereita a esquerda "m Colmeiro". Fóra da plancha aparece o número de serie no a.i.e: 55/100, e a sinatura no a.i.d. "Colmeiro". Pertencente á mesma serie, existe un exemplar na Colección Caixanova.

1970
felicidade_kappeler
Ningunha felicidade é tan resplandecente como o mar
Deflet Kappeler
2012

Ningunha felicidade é tan resplandecente como o mar reflicte a vitalidade do mar fronte a morte como tema persistente na obra de Kappeler. A costa devólvelle ao artista o ímpeto de vivir en sintonía coa súa contorna.Trala súa mudanza a Muxía, o pintor alemán salpica o seu pensamento existencialista cos temas marítimos. A súa obra sobre paisaxes emocionais abstractas xoga coa textura da propia pincelada coa que o artista remarca o carácter intanxible que define a súa obra. A Costa da Morte dará comezo a unha nova etapa na súa carreira vital e artística, contrastando a fugacidade da vida fronte a fortaleza e a infinidade do mar.

2012
niñopaxaros
Niño de paxaros
Xoán Piñeiro Nogueira
1977

Peza que fai referencia á natureza, ás formas animais -niño de paxaros-. Partindo dun mesmo tronco común entrelaza as formas, nun xogo de ocos e curvas, que se van abrindo en siluetas diferentes, independentes pero inseparables, coa suxestión dun certo movemento helicoidal. A execución da peza realízase por modelado cun proceso de fundición con pátina e pulido. A obra foi adquirida en 1978.

1977
ocreador
O creador
Xosé Luís de Dios González
1986

Unha moza sentada a unha mesa, contempla o creador, ataviado coma un deus da mitoloxía grega, como a imaxe do Deus-Arquitecto, que está a construír unha peza a base de formas xeométricas básicas. Características da obra de Xosé Luis de Dios é o gusto por encher a superficie pictórica de figuras e obxectos sen deixar ningún espazo baleiro; este aparente caos dos obxectos contraponse coa organización xeométrica na composición. Inscrición en latín na parte inferior cara o centro: "QUOD NIHIL SCITVR", ("Que nada se sabe"), título de la obra del médico y filósofo renacentista Francisco Sánches". Sinatura e data no a.i.d. Inscricións no reverso: "José Luis de Dios/ [ilexible] 86/MOIHTHE"

1986
omago
O mago no piñeiro da praia de Barra
Manuel Anselmo Lamela Castro

Feita en tres pezas

nemetquessada
O nemet
Xaime Quessada
1973

Gravado pertencente á serie "Imaxe Surreal de Galicia", editada en 1977. Con esta serie pretendía contar a súa persoal historia de Galicia, reconstruíndo imaxes que ían desde os Oestrynnios, os Milesios, o Medulio e a Idade Media ata a Idade Contemporánea. Nela emprega unha linguaxe persoal na que mestura ecos surrealistas, picassianos e goyescos. Neste gravado, Quessada fai referencia á historia dos celtas en Galicia. Nemetobriga era o principal centro relixioso da España celta que segundo a historia, estaría situado en Ponte Navea ou na Pobra de Trives. O termo "nemet" -que dá título a este gravado-, tiña para os celtas o significado de bosque sacro, santuario ou lugar sacro; é dicir, un lugar onde se reunía o pobo para os actos relixiosos, adorar os deuses e facer sacrificios. E unha escena ritual parece que é a que se está a representar, xa que Quessada enche o gravado de toda unha serie de faunos, ninfas e seres monstrosos que as suxeitan. Diferencia na técnica as figuras; mentres que as figuras femininas son personaxes tenros, trazados cunha liña firme, delicada, ondulante e contínua, os monstros son debuxados cun trazo nervioso, curto e repetido de infinidade de raias.

1973
perceutorvidalabascal
O preceptor
Enrique Vidal Abascal
1972

Representa dúas figuras; o preceptor vestido de branco e con sombreiro quen co brazo dereito levantado parece explicar algo a un neno. As figuras, nitidamente perfiladas, aparecen tratadas sucintamente a través de formas robustas e cos rostros caricaturizados, a influencia expresionista, o recordo das máscaras de Ensor está presente na obra. Obra de temática social que forma parte da exposición de Vigo de 1976. Asinado no a. i. d.

1972
soñoquessada
O soño
Xaime Quessada
1972

Gravado pertencente á serie "Imaxe Surreal de Galicia", editada en 1977. Con eles pretendía contar a súa persoal historia de Galicia, reconstruíndo imaxes que ían desde os Oestrynnios, os Milesios, o Medulio e a Idade Media, ata a Idade Contemporánea. Nela emprega unha linguaxe persoal na que mestura ecos surrealistas, picassianos e goyescos. Trátase dunha escena poboada de seres mitolóxicos nos que vemos monstros, minotauros -que falan da influencia de Picasso-, e ninfas. Diferencia na técnica as figuras; mentres que as figuras femininas son personaxes tenros, trazados cunha liña firme, delicada, ondulante e contínua, os monstros son debuxados cun trazo nervioso, curto e repetido de infinidad de raias.

1972
vagabundoseoane
O vagamundo atónito
Luís Seoane
1944

Realizado na primeira etapa de Luís Seoane é este debuxo no que representa a un vagabundo, un home deitado que apoia o cóbado nunha pedra, ten o bastón diante del, pousado no chan. Trátase dun debuxo de gran sinxeleza pero que serve para amosar a destreza do autor nesta técnica e algunhas características que estarán presentes ao longo da súa produción: a solidez da figura, a sinxeleza da composición e o gusto polas formas redondeadas, liña curva coa que crea o perfil da figura.

1944
orquestrabarreiro
Orquestra de cámara
José María Barreiro Gómez
1989

Representa unha orquestra de cámara, composta por tres músicos, en pleno concerto. As figuras dos tres músicos enchen todo o primeiro termo, case encaixados no espazo que os rodea, caracterizado polas dislocadas perspectivas -o piano, a mesa- e a compactidade ambiental. Nesa somera descrición do interior, o artista destaca, no mesmo plano que a figuración, un vaso con flores -calas- enriba dunha mesa, sendo este un dos motivos máis recorridos na produción de Barreiro, precisamente xunto ao tema dos músicos. É unha boa mostra da expresiva e exultante linguaxe plástica do autor, cun colorido vibrante, aplicado en trazos grosos e mesmo a manchas, cunha pincelada solta e xestual que se combina co vigoroso debuxo que en trazo negro perfila as formas. Asinado no a.i.e. : "Barreiro 89" No reverso aparece escrito polo autor: "Orquesta de cámara/Barreiro/Vigo/30-Mayo--89" No reverso unha ficha da "I Mostra Unión Fenosa" cos seguintes datos: Autor: José Barreiro Gómez, os datos persoais , o título, técnica e a valoración do seguro (950.000 pesetas)

1989
delitosquessada
Os delictos do home
Xaime Quessada

Artista comprometido politicamente, Quessada serviuse das distintas técnicas artísticas como instrumento de denuncia, ben fose pintura, obra gráfica ou carteis. Neste caso, trátase dun gravado titulado "Os delitos do home" que denuncia a guerra e a tortura física ao presentarnos nunha celda as imaxes do que parece ser un home mutilado na parte superior e, na inferior, outro home atado e apilado sobre un montón de restos humáns. Asinado no ángulo inferior dereito.

fascistasquessada
Os fascistas
Xaime Quessada
1972

Gravado pertencente á serie "Imaxe Surreal de Galicia", editada en 1977. Con eles pretendía contar a súa persoal historia de Galicia, reconstruíndo imaxes que ían desde os Oestrynnios, os Milesios, o Medulio, e a Idade Media ata a Idade Contemporánea. Nela emprega unha linguaxe persoal na que mestura ecos surrealistas, picassianos e goyescos. Artista comprometido polIticamente, emprega a arte como unha arma reivindicativa na que Quessada se opón á guerra, ao holocausto, á tortura; así vemos a un home atado de mans e a unha muller que ergue a cabeza e levanta os brazos en sinal de denuncia, que denota a influencia de Picasso ao igual que o minotauro que é o alter ego do pintor malagueño. Complétase o cadro con outra serie de seres fántásticos produto da imaxinación de Quessada. O espazo está perfectamente creado, en base a un rigor xeométrico creado polas liñas de profundidade que converxen no fondo, no cal aparecen dúas portas.

1972
martirescarralquessada
Os mártires de Carral
Xaime Quessada
1972

Gravado pertencente á serie "Imaxe Surreal de Galicia", editada en 1977. Con eles pretendía contar a súa persoal historia de Galicia, reconstruíndo imaxes que ían desde os Oestrynnios, os Milesios, o Medulio e a Idade Media ata a Idade Contemporánea. Nela emprega unha linguaxe persoal na que mestura ecos surrealistas, picassianos e goyescos. Neste caso, o tema que se representa é o fusilamento dos mártires de Carral, acontecemento que se produciu en 1846 como consecuencia do alzamento do coronel Solís e os militares que o acompañaron no levantamento contra o presidente Narváez co motivo de reivindicar a liberdade rexional de Galicia. Así atopamos no gravado unha escena de lapidación na que vemos a un home atado a unha cruz; ademais, unha nena no primeiro termo que aparece inmóbil, fronte o movemento do resto da acción, portando unha candea acesa en sinal de esperanza fronte a traxedia, do mesmo xeito que no Guernica. O resto das imaxes remiten tamén á influencia de Picasso: o minotauro, símbolo do alter ego picassiano, a cabeza da muller na parte superior que está a tocar a frauta, ou o xesto de dor da outra muller que parece pedir fin á masacre. Todas as figuras sitúanse ordenadamente no espazo trazado xeometricamente por medio dun chan axedrezado.

1972
labregos
Os nosos labregos
Luis Gómez Pacios
1950

Ao seu traballo sendo moi novo na imprenta da Deputación Provincial, Pacios débelle o coñecemento das distintas técnicas de impresión que empregaría nun futuro na súa obra gráfica. Neste gravado, o autor retrata a catro personaxes labregos, dous homes e dúas mulleres -tema costumista que será o predominante en toda a súa produción, tanto na pintura coma no gravado-, baixo un estilo expresionista, cunha forza brutal como querendo sinalar o esforzo deste traballo, xunto cun violento contraste de clarescuros.

1950
obreiros
Os obreiros do noso
Luis Gómez Pacios
1950

Seguindo a temática frecuente na obra de Pacios, o autor representa neste gravado unha escena costumista protagonizada por un grupo de tres labregos, dúas persoas adultas e un neno, que están almacenando o gran en sacos. A escena sitúase nun campo no que vemos un hórreo detras. Encádrase o estilo do autor dentro do expresionismo que reflicte na caracterización ruda dos personaxes e do violento contraste dos clarescuros.

1950
paisaxepousa
Paisaxe
Xavier Pousa Carrera

A paisaxe foi un dos xéneros maiormente cultivados por Pousa. A panorámica do río vén determinada pola peculiaridade atmosférica da brétema, que matiza as suaves entonacións dunha gama cromática baixa por medio dunha luz branquecina e fría, á vez que difumina toda a vista. A paisaxe convértese nun conxunto de sensacións. Asinado a. i. d. Comprado á galería Citania en 1981.

paisaxevirxilio
Paisaxe
Virxilio Fernández Cañedo

Debuxo a pluma dunha paisaxe no que o protagonista son as árbores, que conforman unha especie de piñeiral. Estas aparecen ordenadas case xeometricamente, desde o primeiro termo ata o fondo. O debuxo é minucioso, evidente no detallismo co que realiza as follas das herbas que salpican o resto do espazo. 

paisaxelodeiro
Paisaxe
Xosé Telmo Lodeiro Fernández

Paisaxe de formas xeométricas, construída por bandas de formas suxerentes, que se converte en abstracta. Lodeiro camiña cara a abstracción mediante unha orde ríxida de imaxes á vez que mantén a liña da interpretación tradicional dun contido lendario: a paisaxe é unha paisaxe plana e siluetada, capta a profundidade e o espazo, invitando ao espectador a ver con outros ollos, detectando sensacións a través da luz e da cor, apreciamos unha harmoniosa gama de verdes, morados, azuis e alaranxados. Asinado no ángulo inferior esquerdo.

paisaxepardiñas
Paisaxe
Xoán Pardiñas

Nesta obra, Pardiñas constrúe unha paisaxe de montañas; estas son de formas redondeadas, homoxéneas e aparecen superpostas unhas encima das outras, contrastando esta forma coa liña recta do horizonte que divide o cadro. Baixo este perfil redondeado, cada unha delas está no seu interior articulada con formas xeométricas. Pardiñas emprega aquí unha pintura rugosa, empastada. Asinado no ángulo inferior dereito. A sinatura aparece gravada no ángulo inferior dereito.

paisaxevirxilio
Paisaxe
Virxilio Fernández Cañedo
paisaxemorquecho
Paisaxe
Xosé Ramón Morquecho Barral
1988

Xunto coa figuración, a paisaxe é o outro xénero habitual en Morquecho; con este xénero iníciase na pintura e responde á admiración que sempre sentiu polo impresionismo francés. Neste caso, amósanos unha paisaxe dun bosque presidido por unha serie de rochas que ocupan a maior parte da superficie da táboa e, ao fondo, as pólas das árbores -moi empregadas polo pintor na segunda metade dos 80-. Con respecto ás cores predominan, xunto co amarelo, os verdes e azuis, que son para Morquecho a referencia á paisaxe galega presentes xa desde os inicios da súa carreira. Asinado no ángulo inferior esquerdo.

Como bo debuxante que é, ademais do interese que mostrou ao longo da súa carreira artística pola figuración, tamén o apaixonou desde os inicios a representación dos espazos abertos e da natureza. Con todo, non foi ata 1985 cando comezou a pintar, cunha característica pincelada solta e rápida, as súas singulares paisaxes con arboredos en tons amarelos influenciados polo postimpresionismo e, en menor medida, polo fauvismo.

1988
paisaxevirxilio
Paisaxe
Virxilio Fernández Cañedo
1967

Virxilio toma frecuentemente como motivo pictórico as paisaxes que el coñece, da súa contorna máis inmediata. Compón a obra rigorosamente ordenada, case xeometricamente, contrapoñendo a horizontalidade marcada no primeiro termo polos troncos das árbores, coa horizontalidade dos distintos campos da composición establecidos polo campo, os arbustos e o ceo. Na paleta cromática, predominan neste caso os ocres e verdes, xogando con distintas tonalidades. Asinado no ángulo inferior dereito. Inscrición no reverso: "Virxilio, Mayo 1967"

1967
paisaxevirxilio2
Paisaxe
Virxilio Fernández Cañedo

A paisaxe das terras ourensás da Rábeda convertéronse en fonte inesgotable de inspiración na obra de Virxilio, que denota un sentimento lírico do mesmo. Interésalle representar a natureza dun xeito ordenado, que consegue xogando coas distintas tonalidades que marcan os distintos elementos do terreo, intercalando zonas de campo con outras de arbustos -que tamén aparecen nas marxes- e no fondo, un grupo de casas e unha paisaxe de montaña de suaves perfís redondeados que ocultan parcialmente a luz do sol. Baixo a aparente ordenación desta paisaxe, contraponse a liberdade da pincelada que emprega, xogando con partes máis acabadas e outras cunha factura máis solta. Na paleta cromática, decántase polos verdes e ocres. Asinado no a.i.d.

Paisaxe
Xosé Telmo Lodeiro Fernández
1973

Trátase dunha paisaxe na que o máis salientable é a reducción xeométrica das formas e a composición sinxela e clara. O efecto de profundidade obtense principalmente polo contraste cromático entre o primeiro plano escuro e os outros, máis luminosos. A sensación acentúase pola situación da liña de horizonte baixa, que provoca unha rápida fuga ata o último termo.

1973
paisaxelodeiro
Paisaxe
Xosé Telmo Lodeiro
1970

Lodeiro concibe a paisaxe dun xeito moi particular e persoal, imprimíndolle un selo característico. Parte dun elemento recoñecible: as montañas, pero o que fai é sintetizalo, ata reducilo a formas xeométricas que tenden á abstracción. O protagonista da paisaxe é o tratamento que outorga á luz, neste caso clara, dando a impresión dun amencer e a cor: configura a paisaxe con bandas de cor, gradacións cromáticas na gama dos vermellos. Asinado no a.i.d: "LODEIRO/70 Inscrición no reverso: "LODEIRO-70/PAISAJE"

1970
viuvasperezbellas
Paisaxe - Viúvas
Agustín Pérez Bellas

Este debuxo mostra a presenza de catro mulleres no primeiro termo de apariencia certamente fantasmagórica. A paisaxe é igualmente tétrica, como unha paraxe desértica concibida en expresivas ondulacións. Expresionismo crítico, crú e denunciador, potenciado pola gama cromática reducida ao branco e negro, emparentándose coas pinturas negras de Goya. Asinado a. i. d "A 68 Pérez Bellas". Tamén coñecido como "Viúvas"

paisaxeconarboresvirxilio
Paisaxe con árbores
Virxilio Fernández Cañedo
1975

Debuxo a pluma dunha paisaxe na que o protagonista son as árbores, que conforman unha especie de piñeiral. Estas aparecen ordenadas case xeometricamente, desde o primeiro termo ata o fondo. O debuxo é minucioso e detallista que demostra a mestría do autor, visible sobre todo nos arbustos que entremezclados coas árbores ocupan o resto da superficie pictórica. Asinado no ángulo inferior esquerdo.

1975
paisaxecampodans
Paisaxe de campo
Mª Antonia Dans Boado
1960

Paisaxe campestre na que a artista aproxímase de xeito doce, débeda da súa influencia naïf. Compón o cadro a base de liñas horizontais; en primeiro termo unha franxa de vexetación, seguida doutra que é un camiño. Centra a composición unha escena campesiña na que vemos o labrego regresando á súa casa tras recoller a herba seca que transporta nun carro. Tanto a perspectiva coma a cor amarela conducen a este elemento central; en último termo o ceo plúmbeo. Decántase por empregar unha paleta cromática suave a base de cores verdes e ocres. Asinado a. i. e.

1960
Paisaxe de montaña
Xosé Telmo Lodeiro Fernández
1970

Esta obra pertence á serie que este pintor levou, entre 1980 e 1983, ás exposicións de Atlántica, o grupo artístico que revitalizou por aqueles anos a plástica galega. Estamos, con todo, ante unha pintura creada na década dos setenta, unha etapa onde experimentou cunha nova fórmula plástica, fundamentada na esquemática organización de diferentes planos xustapostos en tons moi cálidos. O artista decantouse por representar ambientes imaxinados e delicados a través dun xogo visual que conseguiu grazas á disposición das liñas e os volumes xeométricos.

1970
paisaxeriodans
Paisaxe dun río
Mª Antonia Dans Boado
1976

O mundo do mar está moi presente ao longo da obra de Mª Antonia Dans; neste caso amósanos unha paisaxe na que representa en primeiro termo un campo, no medio do cal ábrese un camiño que conduce a un paseo fluvial. Ao fondo aparece un río, navegado por tres barcos. Dans aproxímase á paisaxe cun certo aire "naïf", inxenuo, no que as cores son vivas, alegres, destacando verdes e amarelos. Asinado e datado a. i. d. "dans 76"

1976
pallasomuller
Pallaso e muller
Xavier Pousa Carrera
1977

Xunto coa temática paisaxística que domina gran parte da produción de Pousa, aparecen outros temas de gusto popular. Neste caso, os protagonistas son dúas figuras: un pallaso e unha muller. Pousa xoga co contraste entre o debuxo de trazo negro e groso co que perfila as figuras, e as cores fortes coas que cubre o fondo e parte da vestimenta desas figuras; contraste tamén nas expresións dos rostros dos personaxes, o pallaso parece como asustado mentres que a muller aparece com airada, o cal aparece subraiado co xesto que realiza coa man. Asinado no ángulo inferior esquerdo.

1977
Panadeira
Manuel Colmeiro Guimarás
1960

Representa unha muller de medio corpo amasando o pan, sendo esta tarefa un dos temas recorrentes na produción do autor. Concibida cun halo primitivista, polo seu estatismo e pola rotundidade das formas que confire ao labor doméstico unhas connotacións místicas ou lendarias. Rotundidade das formas, que consegue a través dun debuxo tan firme como elemental. Asinado no a.i.d. Comprado á Galería Citania en 1981

1960
parella silverio rivas
Parella
Silverio Rivas
1991

Esta escultura de Silverio Rivas, realizada en 1991, substitúe outra do mesmo autor que, coma esta, estaba situada cara a un lado diante da porta principal da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC. Que quixo facer Silverio ao propoñer e levar a cabo este cambio? En principio, a obra actual poderiamos dicir que interpreta a mesma temática que a anterior: mostrarnos unha parella, dúas figuras en pé, enfrontadas ou xuntas, unha á beira da outra, supostamente un home e unha muller.

1991
parella
Parella
Víctor Casas Julián

Estamos diante dunha obra figurativa de Víctor Casas, na que representa a unha parella na que sitúa ao home de costas ao espectador e a muller enfrente del. É salientable a técnica que emprega; trátase dunha obra na que as figuras, de perfil ondulante, apenas están insinuadas, difuminándose contra un fondo neutro. Xoga tamén coas gradacións cromáticas, neste caso a base de terras, nos que emprega o difuminado. Asinado a. i. d. "Casas"

pedromadrugaseoane
Pedro Madruga e o bispo de Tui
Luís Seoane / Mª Elena Montero
1979

Na década dos 70 prodúcese o contacto profesional entre Luís Seoane e Mª Elena Montero. Por eses anos o artista galego realiza unha serie de cartóns para a Galería El Sol de Buenos Aires; á súa volta encargará a Mª Elena Montero que os execute a partir dos cartóns, seguindo un método cifrado no que cada número equivalía a aunha cor, a unha lá previamente seleccionada, de aí que o tapiz conserve as composicións características de Seoane de cores vivas e planas. Aquí represéntase unha escena dun coñecido episodio da historia de Galicia, encadrado dentro das loitas nobiliares do século XV, no que Pedro Madruga, a cabalo e con armadura, leva preso a Diego de Muros, bispo de Tui, que é trasladado nun carro tirado por vacas. O tapíz foi realizado por Mª Elena Montero dun deseño de Luís Seoane. Asinado no a.i.e. : "Seoane" e no a.i.d. : E.M. No reverso ten cosida unha tarxeta de tea onde aparecen os seguintes datos: Autor: Luis Seoane Título: "Pedro Madruga e o bispo de Tui" Dimensións: 2 x 1,20 cm. Nº 6 Tecido por Mª Elena Montero; taller: Pza. España, nº 7, 5º, Sada, A Coruña. Data: 1979 e a sinatura de autenticidade de Mª Elena Montero

1979
Peirao
Peirao
Urbano Lugrís Vadillo
1952

Representación dunha paisaxe mariñeira, tema polo que Lugris Vadillo sente unha especial debilidade. Nesta escena atopamos, á nosa dereita, un barco e á esquerda os edificios do peirao. É esta unha paisaxe sen referencias concretas aos elementos naturais que conforman unha escenografía misteriosa, na que os tonos cálidos crean unha atmosfera efectista, teatral e irreal. Esta paisaxe imposible, represéntase cun minucioso realismo, de grafismo preciso. Asinado a. i. d.

1952
piedadequessada
Piedade
Xaime Quessada
1960

Dentro da ampla produción de Xaime Quessada, na década dos 60 elabora unha serie de obras agrupadas xenericamente baixo o título de "Serie Negra" dentro da cal inclúese esta "Piedad". Seguindo o influxo dos seus mestres Goya e Picasso, Quessada utiliza a arte como instrumento de denuncia dunha época de gran conflitividade sociopolítica: repulsa contra a guerra, o fascismo ou o holocausto. Nesta pintura política, o recordo do "Guernica" é evidente; tanto o berro de dor e medo da protagonista como a técnica, caracterizada por un debuxo moi xeométrico que constrúe a figura a base de sólidos perfís e con distintos planos xeométricos, son débedas picassianas. A escena transcorre nun espazo interior, desolado e nocturno que acentúa a traxedia, claroscuro que debe da súa aprendizaxe dos maestros Rembrandt, Goya e Picasso. Serie Negra é, por tanto, consecuencia do compromiso artístico de Quessada, reflexo das experiencias vividas polo artista e do contexto da época na que foron realizadas. Asinado a. i. d. "Quessada" No reverso: "49 depós..."

1960
porticovidalabascal
Pórtico
Enrique Vidal Abascal
1972

Escena de xénero na que o autor sitúa a un grupo de figuras, rapazas, sentadas nas escaleiras situadas diante da fachada de Praterías da catedral compostelá. Este é un cadro de ambiente popular no que dá a impresión de que hai unha certa comuñón estética entre o que é a románica portada catedralicia e ese sedente grupo de mulleres. As figuras foron concibidas de forma elemental pero rigorosa. Do cromatismo destacamos o dourado característico do pintor. Respecto da técnica, o cadro está traballado con pinceis e con espátula, resultando unha obra moi texturada nas figuras e nos elementos arquitectónicos; trazo libre, de tipo expresionista. Inscrición no reverso (na parte superior do bastidor e no travesaño) "Portico" Asinado no a.i.d."Vidal Abascal".

1972
quessadaprotesta
Protesta
Xaime Quessada
1969

A obra reflicte o compromiso político-social do autor, tanto a través da temática, coma das súas propostas estéticas. Nela vemos un mozo, asentado sobre unha masa informe tirando unha pedra contra un fondo de formas xeométricas. O tema contrasta co tratamento de ecos renacentistas que estilisticamente se lle dá ao cadro (perfección do debuxo, espazo en perspectiva con marcado punto de fuga). Simboliza a loita contra o totalitarismo, encarnado por ese fondo rixidamente xeométrico. O mozo corre cara un fondo vermello que pode entenderse como unha especie de porta á esperanza.

1969
sucasaspulpeira
Pulpeira
Alfonso Sucasas Guerra
1969

A temática propiamente galega é unha das constantes ao longo da traxectoria de Sucasas; xentes e escenas de xénero tradicionais que neste caso é unha escena que transcorre nunha feira: un posto de polbo no que aparece unha parella e ao fondo un neno. Personaxes perfectamente individualizados de expresivos rostros nos que se ve un eco da influencia do cubismo polo carácter xeométrico cos que o compón que contrasta coa rotundidade dos corpos de liñas redondeadas. Gran coñecedor da técnica do debuxo, Sucasas utiliza os recursos que lle ofrece e así consegue crear zonas máis escuras e outras máis difuminadas. Comprado á galería Citania en 1981. Asinado no a.i.e.

1969
puntonegroquessada
Punto negro
Xaime Quessada
1972

Se hai algo que define a amplísima produción de Quessada é o seu caracter multiforme. Traballou todas as técnicas e estilos; neste caso estamos diante dunha obra abstracta na que o protagonista é o punto negro que dá título á obra. O artista ourensá realizou distintas versións de cadros nos que os protagonistas son ese punto. Polo demais, Quessada xoga coa descomposición xeométrica de diversas formas triangulares, levando a atención ao centro onde se cruzan e aparecen outra serie de obxectos e formas rectangulares e cubos. Xoga co contraste das cores vermellas e negras.

1972
rapazaquessada
Rapaza
Xaime Quessada
1969

Fronte a complexidade dos espazos compositivos empregados por Quessada ao longo da súa produción pictórica, aquí decántase por un de gran sinxeleza: o interior dunha habitación da que tan só vemos a cadeira sobre a que está sentada a rapaza; esta, a pesar de que o rostro está apenas bosquexado, parece ausente. Destaca tanto o cromatismo -no que predominan os verdes, azuis e malvas que compoñen o fondo da estancia e aportan gran luminosidade ao cadro-, e a técnica, directamente relacionada co uso que fai das cores que logran dar a sensación de textura e creando un ambiente íntimo e a sensación dunha atmosfera etérea, logrando deste xeito crear un efecto de atemporalidade da mesma. O efecto de ambiente intimista obtido coa gama cromática en tons pasteis é unha influencia da etapa rosa de Picasso. Comprada á galería Citania en 1981.

1969
rebelionbucinos
Rebelión
Manuel García Vázquez "Buciños"

Dentro da produción escultórica de Buciños destaca a obra figurativa, na que deixa ver o seu selo persoal caracterizado pola calidade que lle da ao bronce, cunha pátina que lle confire ese aspecto verdoso. Buciños traballa el mesmo o material, fúndeo mediante o modelado en ceras e anula o molde en escaiola, que lle serve para conseguir unha textura peculiar rugosa e con granulados, incorporando ademais o baleiro á súa obra. Está presente tamén o gusto polas formas curvas; Buciños moldea un corpo con suaves ondulacións nas que as roupaxes péganse recordando a técnica grega dos panos mollados. Xoga tamén co contraste entre materiais, o contraste entre a lixeireza do bronce da figura coas cavidades características e a solidez do granito na base sobre a que se apoia o home.

requiemtome
Réquiem
Xosé Miguel Tomé
1987

Nesta gran pintura mural, Tomé desenvolve un friso de figuras anónimas, apenas bosquexadas. Baixo unha linguaxe neoexpresionista, tan característica non só nas obras do autor, senón tamén propia da arte da década dos 80, é a que a Tomé lle serve para crear unha obra na que impera unha sensación de inquedanza e angustia. Apenas hay concesión á anécdota; os protagonistas únicamente son as figuras -de rotundos volumes perfilados de trazos negros- e a cor, a pincelada enérxica e expresiva que emprega.

Antes de realizar este mural, a obra de Tomé discorreu desde unha neofiguración expresionista (1971-1979), ao preciosismo e, a partir de aquí, ata o que se denominou unha “abstracción redonda” (1979-1992). É aquí, por 1987, onde cabe encadrar ese mural, pintado sobre lenzo, disposto diante da entrada da aula B da Facultade de Económicas e Empresariais da USC. O pintor parece reflectir nas súas formas, evocadoras do humano e amazocadas no espazo, unha reflexión plástica sobre o que é o sufrimento humano; nunha posición ideolóxica que na pintura ten páxinas brillantes no Goya da Quinta del Sordo e, por suposto, no Picasso creador do Guernica. Tamén aquí, na obra de Tomé, parece palparse a dor e a derrota que abate ao xénero.

1987
riasbaixasprado
Rías Baixas
Francisco Lloréns Díaz
1922

Mestre da paisaxe galega, recibiu con este cadro a Medalla de Ouro na Exposición Nacional de Belas Artes de 1922. Trátase dunha obra en tonos azulados e verdosos, moi diáfanos nos que o autor reincide de novo na necesidade de adaptación e transformación do luminismo mediterráneo de tipo sorollesco ao atlantismo galego. A técnica bosquexada, de longas pinceladas, posúe un toque case "fauve" no emprego da cor, especialmente neses azuís rutilantes que lle son caracteristícos. Asinado no ángulo inferior dereito:"F. Llorens"

1922
figuraromanasouto
Roma - Figura no estanque
Arturo Souto
1934

Obra de Arturo Souto coñecida polos títulos de "Roma" ou tamén "Figura no estanque". Foi mercada pola USC á galeria Citania en1981. Asinada no ángulo inferior dereito: "Souto".

1934
rostrodemuller
Rostro de muller
José Otero Abeledo "Laxeiro"
1984

Neste gravado, Laxeiro amosa as súas capacidades para o debuxo; con el compón a obra na que sitúa o rostro dunha muller cortado á altura do busto sobre un fondo neutro, raiado, que lle serve para dar unha sensación de espazo. A liña configura a composición non só no fondo senón tamén para a representación das faccións do rostro, no que consegue transmitir a sensación de tranquilidade e serenidade. Asinado e datado a. i. d. Gravado na prancha (vemos a sinatura do revés) "Laxeiro 1984"

1984
scratchqmartelo
Schracht III
José Manuel Quntana Martelo
1989

Obra concibida como un trompe-l'oeil ou xogo visual de tridimensionalidade e bidimensionalidade. Quintana Martelo reactualiza o concepto de bodegón introducindo na obra obxectos -neste caso catro pezas rectangulares na que inscribe nunha delas un retrato masculino- que dan tridimensionalidade á mesma e que se superpoñen ante un lenzo en tonalidades brancas nas que poden verse as pegadas da pincelada. Asinado no a.i.d. "QM". No reverso:- unha inscrición a carbón: "Quintana Martelo/scracht III-1989/ oleo/tela" - unha tarxeta grampada escrita a máquina: "04 scracht III/oleo-lenzo/116x189/1989 - O cuño da Galería Trinta (Santiago de Compostela)

1989
semprepardiñas
Sempre
Xoán Pardiñas

Xoán Pardiñas presenta nesta obra un grupo de catro figuras humanas, tres situadas no fondo, e diante delas unha cos brazos abertos e o rostro de perfil. Son figuras de grandes dimensións, ampulosas e toscas que se vinculan coa estética do autor "románica primitiva" e, aínda que están perfiladas cun groso trazo gris, o autor concíbeas dun xeito homoxéneo. A paleta cromática é restrinxida a base de tonalidades grises e azulados. En relación coa materia, é rugosa e empastada. Asinado no ángulo inferior dereito.

sentitulotome
Sen título
Xosé Miguel Tomé
1982

Nesta obra moi próxima á abstracción, Tomé sitúa ante un fondo completamente negro, unha figura sentada mirando de fronte e, o que parecen ser as siluetas doutras figuras sentadas de costas ao espectador. Todas están construídas a base de sólidos volumes redondeadeos e, seguindo o costume habitual do autor, preséntanse insinuadas, apenas suxeridas e abosquexadas e non lle vemos o rostro. A gama cromática segue a ser de base escura, con tonalidades grises e negras. Asinado no ángulo inferior esquerdo.

1982
sentitulotome
Sen título
Xosé Miguel Tomé
1982

Obra figurativa na que o protagonista é unha figura -da que non lle vemos o rostro- ataviada cunha túnica branca que a cobre por completo; a postura, de xeonllos e coa cabeza agachada, produce a sensación de inquedanza e desacougo, tan común nunha etapa das obras de Tomé. As cores e os trazos, fortemente expresionistas contribúen a incrementar esa sensación, ao perfilar a figura cun groso trazo negro, cor que xunto co vermello compón o fondo da obra.

1982
sentituloabelenda
Sen título
Alfonso Abelenda Escudero
1960

Obra de tendencia abstracta na que Abelenda parece recrear unha vista dunha das súas paisaxes de cidades características; pero esta queda reducida a unha simplificación dos elementos formais. Así, o que serían as siluetas dos edificios e chemineas quedan reducidas a sinxelas formas. Cada un destes elementos están perfectamente debuxados e individualizados. Pero, sen dúbida, o que máis chama a atención na obra é a cor, explosiva e vivaz, que reflexa a súa influencia expresionista. Asinado a. s. e "abelenda". Adquirido na Subhasta Millenium a beneficio de Cruz Vermella; ten unha tarxeta no reverso con datos da autoría, técnica e precio de saída: 25.000 pts.

1960
muralquintanamartelo
Sen título
José Manuel Quntana Martelo
1978

Extenso mural que preside unha das aulas da Facultade de Económicas e Empresariais. Recorre a un gran formato que a Quintana Martelo lle serve para acentuar o valor expresivo. Xestos, manchas e trazos xeométricos. A busca da impresión de peza inacabada, característica das obras de Quintana, acentúa a sensación de espontaneidade xestual. Concibe o cadro con xogos xeométricos, neste caso, divide o lenzo nunha serie de formatos cuadrangulares e rectangulares de distintos tamaños nos que sitúa as imaxes que, na maioría son manchas de cor negra. Móvese nunha linguaxe expresionista que se traduce nunha pintura dinámica de grandes pinceladas e empastada, o que dá densidade á superficie.

1978
sentitulopatiño
Sen título
Antón Patiño Pérez
1979

Pintura na que destacan, sobre todo, manchas de cor; utiliza unha gama de vermellos, amarelos, verdes e azuis. Esta obra leva o selo da abstracción. Según X. Seoane, denótase aquí "unha paixón polo espazo, por unha linguaxe estrutural, pola festa da cor e do traballo ordenado tratando de fixar un novo espazo e, sobre todo, unha visión da pintura que xa intuía nel. Patiño entra nunha etapa totalmente diferente, ruptural, coa anterior. Axudado pola forza esencial do expresionismo, fundamentalmente polo abstracto americano, vai desembocar nunha concepción vital, espontánea, festiva e táctil do cadro, ao que se entrega de cheo no proceso creativo, polo gusto e o pracer de crear".

1979
retratohomesucasas
Sen título
Alfonso Sucasas Guerra
1970

Escena costumista, na que vemos a un home sentado á mesa dunha taberna cunha cunca e unha xerra de viño. Impresión de serenidade, conxugada cunha lixeira expresión atónita do personaxe. Os ecos cubistas e cézannianos fúndense nun persoal expresionismo. Comprado á galería Citania en1981. Asinado a. i. d. "SUCASAS"

1970
esculturasaco1
Sen título
Miguel Saco Gómez

Achégase na súa elementalidade esta escultura a propostas minimalistas e conceptuais, conxugadas nunha peza de apariencia totémica. Concibe os volumes a partir dunha rigorosa xeometría plana. Traballa coa madeira, o material predilecto, deixando as vetas e nervaduras orixinais; deixa a base -o tronco da árbore- e a partir de aí vai ensamblando seguindo un sentido vertical, unha serie de módulos articulados.

sentitulosucasas
Sen título
Alfonso Sucasas Guerra
1970

Escena de interior, intimista que transcorre nunha habitación na que vemos a dúas figuras, un home sentado sobre a cama e a muller que se está a mirar no espello. Característica da obra de Sucasas é a figuración, illada ou en grupos. Son figuras rotundas, voluminosas compostas con liñas curvas que aquí se contrapoñen coas liñas rectas que lle serven para a construción do espazo: a cama, o espello, o cadro ou o crucifixo e o interior da habitación. Aínda que a súa produción entróncase dentro do expresionismo, ecos post-cubistas están presentes nesta obra, visible nos rostros xeométricos das figuras. Comprado á Galería Citania no 1981. Asinado no a.i.d.: "SUCASAS-70"

1970
sentitulocid
Sen título
Xosé Cid Menor
1980

O material empregado nas obras de Xosé Cid está relacionado coa función que vai ter; a pedra, como este caso, é preferida polo escultor ourensán para as esculturas públicas ou obras de gran tamaño. Sobre unha base cuadrangular, levántase o bloque de granito que Cid vai esculpindo ata darlle a forma que desexa, forma e material que lle confiren o aspecto de solidez e forza á peza ademais de potenciar a expresividade do material, a textura do granito.

1980
sentitulolugris
Sen título
Urbano Lugrís González
ca. 1940

Unha moi persoal concepción dun bodegón ou dunha natureza morta, dentro do universo de Urbano Lugrís. Asinado a. i. d.

sentitulomonsecea
Sen título
Montse Cea
2000

Collage, mestura de diversos materiais: pastel, acrílico e recortes de fotografías pegados. A cor predominante é un rosa violácea, e os elementos recortados son fotografías en branco e negro. Así mesmo, hai texto escrito en toda a obra.

2000
sentitulobuciños
Sen título
Manuel García Vázquez "Buciños"

Escultura que representa un home maduro e barbado cun libro na súa man esquerda e o brazo dereito levantado, como un orador en actitude de fervorosa declamación. Espido, leva unha tea que non o cobre, pero que se enrosca máis ou menos helicoidalmente ao longo do corpo da figura, desde o pé esquerdo ata o ombreiro dereito.

sentituloeduvaliña
Sen título
Eduardo López Valiña
1999

Obra feita con materias procedentes do campo, do medio rural que o autor descontextualiza e coloca no formato de cadro e usa como soporte da policromía. Trátase de herbas secas e logo pintadas. As cores en degradación de verdes e ocres. Inscrición no reverso no a.i.e. "López Valiña 99".

1999
esculturasaco2
Sen título
Miguel Saco Gómez

Aproxímase a propostas minimalistas, conformando a peza unha especie de tótem.

STbibian
Sen título
Xosé Vivián Lourenzo "Bibián"
1984

Durante a década dos '80, Bibián traballou nunha serie -que expón na mostra do colectivo Nome en Lugo en 1988-, que recolle un traballo no que as formas que presenta teñen o seu punto de partida e a máis clara influencia na pintura prehistórica, coa que pretendía recuperar o comezo da pintura e reinvindicar o valor e os modos de facer nos comezos da arte. Dentro desta serie inclúense tres obras que se conservan na Facultade de Matemáticas da USC. Aínda que comparten elementos comúns, esta caracterízase por unha maior aproximación á abstracción cás outras, suxeríndose tan só a forma animal. Cabe subliñar a xestualidade do trazo negro, que acada maior enerxía e expresividade ao superpoñerse directamente á superficie branca e rodearse dun fondo lixeiramente tinguido de cores apagadas e de impresión acuosa. Asinado no a.i.d.: "Bibian 84"

1984
sentitulotome
Sen título
Xosé Miguel Tomé
1980

Dentro da súa produción, Tomé aborda durante un período no que reflexiona sobre a existencia humana; sen embargo, esta está tinguida dun sentido catastrofista e de angustia que parece claro nesta obra. Nela, aínda que se achega sen dúbida á abstracción, vemos certas formas que recordan a figura humana, pero que se representa sen rostro, sen forma definida, deshumanizada. As cores, reducidas a tons grises e negros, acompañan esta sensación creando unha atmosfera irreal. Asinado no a.i.e. "X.M.Tome". Inscricións no reverso do nome e varias direccións e teléfonos.

1980
sentitulomaside
Sen título
Xulio Maside
1982

No medio dunha estancia delimitada pola forma dun cubo, Maside sitúa unha figura; neste caso trátase dunha das súas indagacións e fusións de formas híbridas. Así, baixo a apariencia dunha figura humana, superpón outra que parece recordar un minotauro. Repítense as características do autor de reducir as figuras a simples siluetas e primar a espontaneidade da mancha, do trazo. As cores son sobrias, unha paleta a base de grises e negros que contrasta cos tons rosáceos da estancia. Asinado no ángulo inferior dereito.

1982
sentitulocid1
Sen título
Xosé Cid Menor
1970

Sobre unha base rectangular granítico, érguese a peza tamén en pedra. De sentido vertical, o escultor esculpe o bloque con suaves incisións cóncavas e convexas, ondulacións que se converten nun sinal de identidade do artista. Valora Xosé Cid as posibilidades do material: o aspecto rugoso e sen pulir dunha parte da peza, contrastando con outras máis pulidas sobre as que actúa a luz; igualmente contrasta a cor: o gris do granito da base coa cor dourada da peza.

1970
tomelugo
Sen título
Xosé Miguel Tomé

A obra de Tomé móvese nunha liña entre a abstracción e o expresionismo. Neste caso, atopámonos cunha obra abstracta, na que o autor cobre toda a superficie do lenzo a base dunha sucesión de franxas verticais de cores escuras, basicamente negros e marróns. Realiza unha composición simétrica, xa que unha franxa máis estreita de cor laranxa divide en dous a superficie pictórica. É unha pintura de mancha, matérica, na que a paleta cromática tan escura e con tanta forza da cor negra vincúlase co estilo neoexpresionista do autor.

muradolugo
Sen título
Antonio Murado López
2002

Obra abstracta cunha gama cromática de ocres, brancos, negros e grises, que se combinan e funden suavemente, resultando unha composición de difuminada nebulosa. Antonio Murado plasma a sensación do etéreo do espazo. Interésalle a calidade formal da obra que traballa mediante a técnica.

2002
hixienicoscidras
Serie "Hixiénicos"
Salvador Cidrás Robles
1995

Liñas sinuosas ordenadas a modo dunha pegada dixital aumentada no microscopio ou recreando o veteado da madeira, que quedan cortadas polo límite do cadro. Pertence á serie "Hixiénicos. Nesta serie transcribe o veteado da sección da madeira como pegada da memoria. Outra peza da mesma serie, co nº 11 consérvase na Colección Caixanova. Asinado no a.i.d. "SC"

1995
sinfonia
Sinfonía
Xosé Díaz Fuentes

A obra de Díaz Fuentes caracterízase polo seu interese na morfoloxía vexetal, as tendencias abstractas e a preocupación pola materia. Neste caso atopámonos cunha obra en madeira, composta por dúas pezas, unha que funciona a modo de basamento e outra de carácter vertical que se ergue sobre a primeira; escultura que parece vibrar, de formas redondeadas e sinuosas nacidas da observación e estudo da natureza. Este carácter orgánico vincúlase -segundo recoñece o propio autor- co ambiente galego da súa mocidade.

temporal_kappeler
Temporal
Deflet Kappeler
2009

Nesta obra de Deflet Kappeler, artista alemán afincado en Muxía, a mestura de técnicas, a explosión de cores e as formas contrastadas marcan a dualidade entre a inmensidade e o frenesí do tempo. Os rostros superpostos co cabelo en movemento dun deles, xunto coas diferentes técnicas do action painting, como o dripping, forman unha obra chea de dinamismo estético. A redución das cores e das estruturas lixeiras crean un marco perfecto para as ideas destrutivas do autor.

2009
timongaivota
Timón e gaivota
Urbano Lugrís González
1901

Representa elementos mariños, un timón cun paxaro enriba e un ollo no centro. Abaixo, unha lenda que pon "ojo y buen tiempo", aconsellando aosmariñeiros. É unha pintura mural despegada e enmarcada.

1901
torsoacisclo
Torso
Acisclo Manzano
1969

Un dos característicos Torsos de Acisclo, concibido como un fragmento, evocando restos clásicos, xogando coa suxestión, irreal, de pertencer a unha peza maior e completa, que neste caso nunca existiu materialmente. A atención céntrase no traballo da superficie, con relevos, ondulacións e incisións.

1969
torsoazul
Torso en azul
Acisclo Manzano Freire

Peza de cerámica cocida e pintada de cor azul cián intenso. Trátase dun dos torsos femininos fragmentados característicos do autor, cunha evidente tendencia á abstracción; os perfís máis ou menos arestados, contrastan coas suaves ondulacións da peza. A peza foi adquirida ao autor o 30 de maio de 1990, pola cantidade de 150.000 pesetas.

traballosdemaña
Traballos de mañá
Mª Antonia Dans Boado
1980

Dentro da produción de Mª Antonia Dans, traballa a paisaxe, tanto campestre como a mariñeira. Neste caso, estamos diante do primeiro caso: unha escena no campo no que aparecen unha serie de mulleres traballando, dispostas ordenadamente sobre a superficie. A figura humana está tratada con gran sinxeleza, característica da autora, como tamén o é o cromatismo, aquí maioritariamente verde coa que compón a escena. Asinado no a.s.e. Pegatina no reverso (bastidor) da Galería Biosca de Madrid: Título: Trabajos, Autor: Mª Antonia Dans, Medidas: 61x50 cm Rfa.(10.014) Materia: óleo

1980
sucasastresmulleres
Tres mulleres
Alfonso Sucasas Guerra
1969

De estilo expresionista, Sucasas presenta neste debuxo a tres figuras femininas abrazadas detrás dunha árbore deixando baleira o resto da superficie. Presenta este grupo compacto, creando un perfil redondeado e quedando tan só visible na súa totalidade a figura central. Cumpre destacar a expresividade que o autor logra transmitir nos rostros destas mulleres de soidade e tristeza. De excepcional técnica debuxística, sérvese do clarescuro e o difuminado para dar a sensación de volume nas figuras que perfila cun trazo negro. Asinado no a.i.d. Comprado á galería Citania en 1981.

1969
laxeirosabio
Un sabio
José Otero Abeledo "Laxeiro"
1965

Irónica, ou polo menos ambigua, representación dun "sabio", coroado co tocado de bufo. Sobre o intenso vermello, a figura fragméntase organicamente, nunha representación de evidente influencia cubista; os grosos trazos negros e as fortes cores que delimitan estes, constitúen os elementos rexedores da obra, e conforman unha primitiva composición a modo de vitral. Sinatura e data no a.s.d.: "LAXEIRO/ BS-AS/ 1965". Inscrición no reverso: "LAXEIRO/ BS-AS/1965". Tamén no reverso ten unha tarxeta cos datos identificativos (autor, título, cronoloxía, dimensións, e procedencia da galería de Citanía). Comprado á Galería Citania en1981.

1965
vellanavarandacarballo
Unha vella na varanda
Mª Xesús Pérez Carballo
1970

Neste lenzo, a pintora lucense fai evidente a súa admiración por Goya; coñecemos outros títulos da autora nesta mesma liña, como "Aquelarre" e aquí represéntanos a unha muller anciá asomada a unha varanda que indudbidablemente tráenos á memoria as pinturas negras do pintor zaragozán: o fondo de manchas negras e sobre todo o rostro caricaturizado desta muller son ecos das obras que decoraban "La Quinta del Sordo"; do mesmo xeito, o recurso de utilizar a varanda sobre a que se apoia a muller, remítenos a outra obra de Goya: os frescos que pintou para a igrexa de Santo Antonio da Florida. O gusto polos espazos baleiros, o volume da figura, a pincelada de toques luminosos de influencia impresionista e o feito de estar perfectamente individualizados cada elemento do cadro: a figura, a varanda, a maceta con flores do fondo, son características desta pintora lucense.

1970
vendimavirxilio
Vendima
Virxilio Fernández Cañedo
1980

O tema da vendima é frecuente nas obras de Virxilio. Neste gravado, o autor compón unha escena na que contrapón o carácter austero e autoabsorbido das mulleres de carácter popular campesiñas, cos panos á cabeza, que están a recoller a uva, coa sensualidade da muller espida do primeiro termo -recurso tan empregado ao longo da historia da arte que neste caso parece recordar as obras de Matisse que o artista galego coñecería na súa estadía en París-. O gravado pon de manifesto as extraordinarias cualidades de Virxilio para o debuxo, neste caso minucioso, de trazo sinxelo e curvilíneo. Asinado a. i. d. "Virxilio" e número de serie no a.i.e. 55/100. Tinta cor sepia

1980
Ventá
Guillermo Alonso Monroy
1974

A colección da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago ten nesta obra un testemuño evocador de alguén que se licenciou na mesma. E foi en Compostela, na Sala “Matisse” e no “Modus Vivendi”, onde, por 1978, Monroy mostrou por primeira vez de forma individual as súas obras, precisamente no ano no que conclúe os seus estudos. Neste caso, estamos ante un lenzo seu de cara a 1980, a relacionar coas súas series dedicadas ás xanelas, na antesala do momento no que aquel movemento galego renovador que supuxo Atlántica abre novos camiños para a arte e os artistas desta terra. É el un autor próximo, entre outros, a Antón Patiño e Menchu Lamas; tamén, a Ánxel Huete.

1974
yotesaludo
Yo te saludo, Sol - XI
Din Matamoro
1999

Cadro que pertence á serie "Yo te saludo, Sol" que comezou a principios de 1999. É durante esa década cando Din Matamoro aborda na súa obra a relación entre a pintura e o cine. Así, concibe os seus lenzos como grandes pantallas, nos que proxecta a luz -a cor, que traballa de xeito moi diluído, case sen pigmento, o que lle dá a sensación de ingravidez á obra-. Así, un foco de luz branco proxéctase sobre un fondo azul, dando como resultado unha obra etérea e de aparencia ingrávida, xa que unha das constantes destas "pantallas" é que trata de captar o fugaz da auga ou do ceo.

1999