Ir o contido principal
Museo virtual Universidade
de Santiago
de Compostela
  • gl
  • es
Inicio Inicio

Inicio

Presentación

Coleccións

  • Contemporánea
    Espazos
    Retratos
    Vítores

Itinerarios

  • Gabinete de Curiosidades
    Minerva Compostelá
    Reitores

O meu museo

Localización

Explora

Política de privacidade
  • A-ZCRONOL.
Colección Espazos (9)
fonsecaclaustro
Colexio de Santiago Alfeo ou de Fonseca
século XVI

Na súa arquitectura súmase o edificio colexial do século XVI ao que se engade, nos momentos postremeiros desa centuria, a chamada Torre do Reloxo. Despois, co inicio do século XVIII, engadiráselle, cara ao lado sur, un novo espazo dedicado a hospedería. Xa nos anos medios do século XIX, en tempos do lembrado reitor Viñas, disponse un xardín botánico -hoxe aberto ao público- na parte posterior deste conxunto universitario que verá, no século XX, como se acurta tal espazo axardinado na súa parte setentrional para situar aí unha nova á que se destina actualmente a depósito de fondos bibliográficos universitarios.

portada facultade química
Facultade de Química. Portada
José Ferreiro
1803

A Facultade de Ciencias (agora de Química) levántase na chamada “Residencia”. Encoméndaselle a Jenaro de la Fuente (1961). En certo modo, o arquitecto presenta esta portada evocando a do edificio da Universidade, do que proviña o grupo presidido por Minerva, hoxe aquí situado tras ser retirado do seu lugar orixinal e pasar por diferentes espazos. Ten en conta tamén o estilo ao que responde en xeral a urbanización da “Residencia”, tan vinculada á súa persoa. Foi José Ferreiro quen, seguindo o disposto pola Xunta de Obras da Universidade, levou a cabo este grupo escultórico (1803).

1803
O Paraninfo. A Filosofía, as Ciencias e as Letras
O Paraninfo: a Filosofía, as Ciencias e as Letras
José María Fenollera
1906

A parte inmediata do teito do Paraninfo universitario compostelán, obra de Fenollera, parece relacionar Filosofía e Dereito, Ciencia e Medicina, e as Letras e a Farmacia, seguindo os doutoramentos daquela época nesta Universidade.

Así, a representación da Filosofía sostén un libro que di na súa portada: “A. BRAÑAS. M.- Filosofía del Derecho- Santiago- 1900”; deste xeito súmanse ambos os estudos. Filosofía e Dereito, ascende cara ao lugar no que pode verse un triángulo luminoso, símbolo que pode relacionarse coa Divindade pero que tamén cabe recoñecer como un Delta luminoso propio da masonería.

1906
O Paraninfo. A Poesía, a Música e a Pintura
O Paraninfo: a Poesía, a Música e a Pintura
José María Fenollera
1906

O teito do Paraninfo presenta tres representacións relacionados con Fenollera. A máis afastada da presidencia titúlase a Poesía, a Música e a Pintura. Na súa parte supostamente máis baixa do ceo desenvólvese unha representación das Artes -a escultura e a pintura-. Tamén, e nunha posición intermedia, móstrasenos, pensativa, unha representación da Poesía. Na parte supostamente máis elevada represéntase a Música a través dunha arpista.

A selección desta temática ben pode contar con fontes propias da masonería. Tanto a representación da Música como a da Poesía e a Pintura aparecen coas súas cabezas cubertas con coroas de loureiro, atributo de Apolo, do poeta, da virtude, da sabenza personificada e tamén das Artes Liberais.

1906
O Paraninfo. Minerva
O Paraninfo: Minerva
José María Fenollera
1906

Esta pintura central, e de maiores dimensións do teito do Paraninfo universitario compostelán, débese a Fenollera. Disponse nun espazo intermedio entre o ocupado polo profesorado e o alumnado. Está presidida pola imaxe sedente de Minerva ante a que se mostra unha muller vestida de verde, que simboliza a propia universidade galega.

Na parte do profesorado, o que se testemuña é o seu recoñecemento. Por iso, cara a aí oriéntase un xenio portando un diploma ou título que ofrece un bonete de doutor. Cara ao alumnado, en cambio, envíanse libros.

1906
portada facultade medicina
Portada da Facultade de Medicina
Ramón Núñez
1910

O favor outorgado por Montero Ríos á Universidade compostelá propiciou a construción da Facultade de Medicina que se erixe entre 1905 e 1922 atendendo a trazas de Fernando Arbós y Tremanti, nunha localización inmediata ao Hospital Real. A súa portada, de carácter ecléctico, está presidida por un relevo concibido en mármore e que inclúe un tímpano no que se nos mostra unha operación cirúrxica practicada sobre o corpo dunha muller. É obra de Ramón Núñez, escultor vinculado a este centro e autor que realizara previamente o programa iconográfico da portada da Real Universidade.

1910
portada facultade xeografía e historia
Portada da Real Universidade (actual Facultade de Xeografía e Historia)
Ramón Núñez
1902

A ampliación da Real Universidade, cun andar máis, outorgoulle un novo sentido á súa portada. Así a orixinaria -que segue a opción proposta por José Pérez Machado en 1799, con esculturas de José Ferreiro (1803)- é alterada desde o proxecto datado en 1889 e asinado por Ricardo Velázquez Bosco, levado a cabo entre 1894 e 1906. No relativo a esta portada cabe supoñer un papel relevante do propio Montero Ríos como mentor, en tanto que será Ramón Núñez quen se encarga do programa escultórico, datado en 1902.

Un relevo alusivo a Minerva -ou “a Sabenza coroando a mocidade estudosa”- , entre medallóns que nos mostran a Diego de Muros e Alonso de Fonseca, acompáñase de figuras en pé que representan a Lope Gómez de Marzoa, Álvaro de Cadaval, Conde de Monterrey (Manuel Acevedo y Zuñiga) e Juan de Ulloa. Todo isto coróase co escudo real entre portadores.

1902
san xerome
Portada do Colexio de San Xerome - Reitoría
século XVI

Esta portada procede do Hospital Vello, sito na Acibecharía, que se utilizará tamén para tarefas colexiais auspiciadas por Alonso III de Fonseca. En 1522 a súa advocación é a do “Glorioso Apóstolo Santiago o Maior” quen se presenta a un lado desta portada, tendo á súa beira a Xoán Evanxelista, o seu irmán, e a Francisco de Asís. Enfronte están Pedro, Paulo e Domingo de Guzmán.

As armas dos Fonseca, termadas por un anxo, valen como asento á figura da Virxe, que centra o tímpano entre o arcanxo Miguel e santa Catarina. Na arquivolta, culminada por unha representación de santa Ana, tamén se representan as santas María Salomé, María Cleofás, María Magdalena e Lucía, ademais de doutores -Xerome, Agostiño, Gregorio Magno e Ambrosio- e de diáconos -Lourenzo e Estevo-. O nome de Colexio de San Xerome será o que teña a partir de 1555.

Salón Graos San Xerome
Salón de Graos do Colexio de San Xerome

Esta sala rectangular, disposta na planta baixa dun edificio colexial, tivo como primeira función a de ser, a partir de 1665, unha capela á que asistían os vinte e catro colexiais aquí residentes presididos por un vicerreitor. Entre 1735 e 1745 faría as funcións propias para a consecución de graos, algo que previamente se facía na Catedral, na chamada capela de don Lope de Mendoza.

O colexio é suprimido como tal en 1840 e é agregado á Universidade, o que o levou naquel momento a quedar baleiro. No ano 1849, por Real Orde, créase a Escola Normal Superior da Universidade Literaria de Santiago, o que levará a que esta planta baixa se reservase ao ensino de nenos, en tanto que os estudos de Maxisterio se facían na primeira planta.

Ao converterse en 1975 en Reitoría, a este espazo outórgaselle a función de Sala de Claustros. Isto levou a incorporar a este lugar a recreación dun retablo e ambón, á colocación do cadeirado reitoral e a completalo con distinto mobiliario: esculturas, pinturas, vidreiras e alfombras. Desde os anos 1979-1980 denomínase Salón de Graos.