Ir o contido principal
Museo virtual Universidade
de Santiago
de Compostela
  • gl
  • es
Inicio Inicio

Inicio

Presentación

Coleccións

  • Arqueoloxía
    Contemporánea
    Espazos
    Retratos
    Vítores

Itinerarios

  • Gabinete de Curiosidades
    Minerva Compostelá
    Reitores

O meu museo

Localización

Explora

Política de privacidade
  • AlfabéticoCronolóxico
Etiqueta Biblioteca da Universidade (9)
Alonso de Fonseca
Alonso III de Fonseca
Plácido Fernández Erosa
1815

Este retrato, debido a Plácido Fernández Erosa, debe de seguir en liñas xerais o feito por Crispín de Evelino. Foi costeado por Fernández Varela e destínase á Biblioteca da Universidade. Nel disponse a Alonso de Fonseca na súa librería, pasando as páxinas dun libro disposto sobre un atril. Conta coa sinatura do pintor.

Tras do libro que mira o prelado -e no que pode verse unha representación de Pentecostés- móstrase un relevo que alude ao tema de Hércules matando o león de Nemea, o primeiro dos seus doce traballos. Un crucifixo preside, polo demais, este espazo.

1815
Diego de Muros
Plácido Fernández Erosa
1816

O retrato que se fixo de Diego de Muros (ca. 1450-1525) por 1817 para a Universidade compostelá foi recoñecido como realizado por Plácido Fernández Erosa e promovido por Manuel Fernández Varela. Ten, en definitiva, unha composición moi similar á vista no retrato de Alonso de la Peña y Montenegro,  pintado por García de Bouzas na primeira metade do século XVIII. Todo parece indicar que debeu de haber un gravado  que parte do prelado relacionado coa fundación do colexio de San Salvador de Oviedo en Salamanca, probablemente realizado nos tempos en que Muros escribiu as súas Constitucións -1524-.

1816
Felipe de Castro
Gregorio Ferro Requeixo
1795

Este retrato ten un precedente: o que sobre o mesmo personaxe pinta Antonio Rafael Mengs. Nel aparece o retratado apoiando o seu brazo dereito sobre unha cabeza de león e portando na dereita un compás. Gregorio Ferro reinterpreta o tema, facendo neste caso que sexa a man dereita a que se pouse sobre a cabeza do león. Disponse o personaxe no seu propio taller, no que ten unha especial presenza un busto de Frei Martín Sarmiento.

Felipe de Castro sostén un libro que parece ofrecer ao espectador. Trátase dun tema que se axeita perfectamente ao destino que a pintura ten de ser un recoñecemento a quen doa a súa biblioteca á Universidade, que paga esta obra en 1795 e manda colocala na librería universitaria.

1795
Jacobo María de Parga
Jacobo María de Parga
Atribuído a Vicente López ou Cancela del Río
1802

Cabe explicar a encomenda deste cadro en relación cunha importante doazón que fai á Biblioteca da Universidade desde o seu testamento. O personaxe, sentado, ambiéntase en certo modo en Fonseca, xa que se presenta co bastón de mando propio dun reitor, cargo que ostentou, e baixo a súa man dereita vemos a beca vermella, tan característica dos retratos vinculados a ese colexio. O seu peito está adornado tanto pola medalla como pola Gran Cruz da Orde de Carlos III. É un retrato de madurez, indubidablemente inspirado no estilo de Vicente López pero que debe de corresponder a unha autoría de alguén que traballa en Compostela; se cadra, Cancela del Río.

1802
José Varela de Montes
José Varela de Montes
Dionisio Fierros
1874

Por un acordo da Xunta de Decanos, ao día seguinte da morte de Varela de Montes en 1868, proponse que “… se solicite del Gobierno de la Nación la autorización para colocar el retrato de este sabio maestro en la Biblioteca de la Universidad entre los de los hombres ilustres que la honran y ennoblecen”. E alí chegará este retrato, seis anos despois de facelo, como un agasallo de Dionisio Fierros que agradece ao reitor Casares. Conta cun texto que di así: “A D. José Varela de Montes/ recuerdo de amistad/ del autor/ Dº Fierros/ 1874”. Correspóndese, pois, coa época da segunda estadía do pintor en Galicia -entre 1873 e 1876- .

1874
Lope Gómez de Marzoa
Lope Gómez de Marzoa
Juan José Cancela del Río
1852

O retratado leva unha pluma na destra e a outra man sobre un volume no que pode lerse “Libro de Actas/ (de)l Concejo/ (d)e / Santiago/ (15)01”. Tamén, ao outro lado do tinteiro, vese un protocolo cunha cuberta que di “A. Lopo Gómez / Not(ario)”, identificándose de tal modo ao personaxe. Naceu Lope Gómez de Marzoa cara a 1440 e viviu en Santiago desde os anos 60, falecendo en 1501.

Esta obra, de Cancela del Río, fíxose para ser disposta na Biblioteca. É un recoñecemento feito en 1852, sendo reitor Juan José Viñas, ao momento fundacional da Universidade compostelá na súa condición segrar.

1852
Manuel Pardo
Manuel Pardo
Atribuído a Vicente López ou Cancela del Río
1801

O seu autor parte dun retrato realizado por Vicente López. Móstrase condecorado coa insignia propia da Orde de Isabel a Católica. Neste caso a lenda di: EMMANUEL PARDO/ REGI A CONSILIIS/ INTEGERREMUS. Estamos ante un cadro moi posiblemente realizado en Compostela por Cancela del Río, con esa alusión a través dunha beca sobre a mesa, como en tantos outros relacionados con colexiais de Fonseca.

Debe de relacionarse o recoñecemento que tivo por parte da Universidade compostelá co feito de que no seu testamento cedese fondos para a súa Biblioteca, razón que explica a colocación orixinaria desta pintura nela.

1801
Manuel Ventura Figueroa
Manuel Ventura Figueroa Barreiro
Autoría descoñecida
Ca. 1795

Manuel Ventura Figueroa naceu en Santiago (1708-1783). En testamento dispón: “E ordeno e mando que toda a miña librería e os manuscritos que nela teño leven á custa dos meus bens e se entreguen á Universidade de Santiago para aumento da súa Biblioteca”. Móstrase o prelado en pé. Cara a un lado hai unha mesa na que pode verse un libro no que está en actitude de escribir. O texto alí escrito fai mención ao seu testamento. Estamos ante unha temática que se incardina moi ben na Biblioteca. Sabido é que se contaba xa con esta pintura, e para este lugar, en 1795. Este cadro segue, en todo caso, as directrices que fixa Gregorio Ferro no retrato de Felipe de Castro e, como aquel, conta cunha lenda na parte baixa.

Marqués de Rodil
Marqués de Rodil
Dionisio Fierros Álvarez
1857

En 1880 dise sobre este retrato que “…, se conserva en el salón principal de la Biblioteca de Santiago, al frente de donde se encuentra colocada la bandera que condujo a los campos de batalla al famoso batallón de los Literarios de Compostela”. Píntao Dionisio Fierros en 1857 durante a súa primeira estadía en Santiago entre 1855 e 1858. Está na liña de tantos e tantos retratos oficiais que realiza por este momento. Preséntase en pé, co seu uniforme de gala e distinguido por un gran número de condecoracións -contaba coas grandes cruces das ordes de Isabel a Católica, Carlos III, San Hermenexildo e da Torre e Espadas de Portugal (1834)-, coa súa man dereita apoiada nunha mesa e un cortinado engalanando ao fondo. Acompáñao un extenso texto alusivo ao personaxe.

1857