Ir o contido principal
Museo virtual Universidade
de Santiago
de Compostela
  • gl
  • es
Inicio Inicio

Inicio

Presentación

Coleccións

  • Contemporánea
    Espazos
    Retratos
    Vítores

Itinerarios

  • Gabinete de Curiosidades
    Minerva Compostelá
    Reitores

O meu museo

Localización

Explora

Política de privacidade
  • AlfabéticoCronolóxico
Etiqueta Colexio de Fonseca (15)
Alonso de la Peña y Montenegro
Alonso de la Peña Montenegro
Juan Antonio García de Bouzas
1727

Foi reitor da Universidade compostelá ata que en 1653 foi nomeado bispo de Quito por Inocencio X.  Este retrato procede do Colexio de Fonseca. Alonso de la Peña y Montenegro naceu en Padrón (1596-1681). O seu vínculo con este centro levouno a facer nel unha fundación, cunha festa, “la del obispo de Quito” que aínda se celebraba no século XIX. O prelado está en pé. Acompáñao no alto o seu escudo. Unha cartela en lateral fai referencia ao personaxe, valorado desde Compostela. A súa esquerda porta, entrementres, un papel dobrado no que se di “Illmo Sr/ Bouzas fecit”. Tal circunstancia levou a consideralo obra de Juan Antonio García de Bouzas e realizado no segundo cuarto do século XVIII.

1727
Alonso de Fonseca
Alonso III de Fonseca
Plácido Fernández Erosa
1817

Crispín Evelino, que fixara a súa residencia en Santiago cara a 1628, pinta un retrato do que se recoñece como “fundador da Universidade”. Sábese que “…debe pintalo de corpo enteiro, sentado nunha cadeira e dosel e bufete coa súa alfombra e almofada aos pés, de cores de carmesí e outras que mellor pareza, finas, ao óleo”. Facíase para estar “á cabeceira do lugar que o Reitor ten no Claustro”, no Colexio de Fonseca. Nel encontramos o punto de partida deste, a relacionar con Plácido Fernández Erosa. Estamos ante o autor doutros dedicados ao mesmo personaxe; así ocorre co da serie dos arcebispos composteláns, no palacio episcopal de Santiago, e con outro destinado ao Hospital Real (Vid. E. Fernández Castiñeiras, 1991, pp. 239, 691). No ano que se data este retrato, 1817, dátase o seguinte: “En quatro de Julio por Claustro de diez y nuebe de Junio anterior, mil y cien rs. a fabor de Dn José Otero por el marco e Ynscrion puesto el Retrato del Sr. Fonseca” (E. Fernández Castiñeiras, 1991, pp. 239, 691).

Dátase en 1817. Porta na súa man dereita un pergameo no que di “BEATIUS EST MAGIS DARE QUAM ACCIPERE”. Conta con outra inscrición que di: ALFONSO DE FONSECA COMPOSTELLANO/ QUI PRINCIPEM PATRIAE SCHOLAM/ AUXII DECORAVIT ESTULIT/ A.G.L. EADEM ACADEMIA H. P. C./ ANNO MCCMXVII.

Esta pintura debeu de manterse no Colexio de Fonseca.

1817
Alonso de Fonseca
Alonso III de Fonseca
Plácido Fernández Erosa
1815

Este retrato, debido a Plácido Fernández Erosa, debe de seguir en liñas xerais o feito por Crispín de Evelino. Foi costeado por Fernández Varela e destínase á Biblioteca da Universidade. Nel disponse a Alonso de Fonseca na súa librería, pasando as páxinas dun libro disposto sobre un atril. Conta coa sinatura do pintor.

Tras do libro que mira o prelado -e no que pode verse unha representación de Pentecostés- móstrase un relevo que alude ao tema de Hércules matando o león de Nemea, o primeiro dos seus doce traballos. Un crucifixo preside, polo demais, este espazo.

1815
fonsecaclaustro
Colexio de Santiago Alfeo ou de Fonseca
século XVI

Na súa arquitectura súmase o edificio colexial do século XVI ao que se engade, nos momentos postremeiros desa centuria, a chamada Torre do Reloxo. Despois, co inicio do século XVIII, engadiráselle, cara ao lado sur, un novo espazo dedicado a hospedería. Xa nos anos medios do século XIX, en tempos do lembrado reitor Viñas, disponse un xardín botánico -hoxe aberto ao público- na parte posterior deste conxunto universitario que verá, no século XX, como se acurta tal espazo axardinado na súa parte setentrional para situar aí unha nova á que se destina actualmente a depósito de fondos bibliográficos universitarios.

franciscoaguiarseijas
Francisco de Aguiar Seijas y Ulloa
Mariano Caro
1820

Figura en pé. Tres mitras aluden ás sedes episcopais que se lle adxudicaron: a de Guadalaxara, que non chegou a ocupar, despois a de Michoacán (1678-1681) e, xa en 1681, a de México. O lateral da mesa ocúpase neste caso cunha longuísima inscrición. Todo, agás a derradeira liña -“Rector de esta Universidad en 1668”-, responde a un modelo mexicano, país do que procede. Chama a atención o feito de que se confunda a data da súa reitoría en Compostela, que foi en 1657.

Nesta zona alta móstrase parte dun escudo con armas da súa liñaxe e borlas propias da súa condición episcopal. Este retrato pertenceu ao Colexio de Fonseca.

1820
Jacobo María de Parga
Jacobo María de Parga
Atribuído a Vicente López ou Cancela del Río
1802

Cabe explicar a encomenda deste cadro en relación cunha importante doazón que fai á Biblioteca da Universidade desde o seu testamento. O personaxe, sentado, ambiéntase en certo modo en Fonseca, xa que se presenta co bastón de mando propio dun reitor, cargo que ostentou, e baixo a súa man dereita vemos a beca vermella, tan característica dos retratos vinculados a ese colexio. O seu peito está adornado tanto pola medalla como pola Gran Cruz da Orde de Carlos III. É un retrato de madurez, indubidablemente inspirado no estilo de Vicente López pero que debe de corresponder a unha autoría de alguén que traballa en Compostela; se cadra, Cancela del Río.

1802
José María Morales Carballo
José María Morales Carballo
Mariano Tito Vázquez
1900

É en 1900 cando M. Vázquez asina o retrato do decano da Facultade de Medicina José María Morales Carballo, quen ocupa o cargo desde 1868 ata o seu pasamento (A. Franco Grande, 2014, p. 1283; R. Gurriarán, X. A. Otero Costas e J. M. García Iglesias, 2014). Con el parece que se pretende iniciar unha galería de decanos da Facultade de Medicina. Represéntase con traxe escuro, en disposición frontal e coa medalla de doutor. Sempre estivo vinculado este retrato á Facultade, primeiro no Colexio de Fonseca e, actualmente, no Salón de Graos do devandito centro (J. M. García Iglesias, 2016, p. 212-214). Cómpre relacionar a citada sinatura coa que, neste momento, utiliza Mariano Tito Vázquez, quen, posteriormente, será especialmente coñecido como Tito Vázquez (J. M. López Vázquez, 1997). Este pintor chega a Compostela en 1889 polo cal esta obra ten que considerarse entre as primeiras aquí realizadas.

1900
Manuel Fernández Varela
Manuel Fernández Varela
Autoría descoñecida
Ca. 1840

Este retrato, realizado en Compostela,  coñece o concibido por Vicente López pero fai unha serie de variables a partir do mesmo. Fernández Varela naceu en Ferrol (1772-1834). Ingresou no Colexio de Fonseca con bolsa en 1796, colexio do que chegou a ocupar o cargo de reitor por 1798. Como noutros retratos deste centro, cóntase aquí coa presenza desa beca vermella sobre a mesa, colocándose un libro encima, todo baixo a destra do personaxe. No seu peito distínguese a cruz da Orde de Carlos III. Na parte alta, engalanando a arquitectura, pode verse parcialmente un relevo alusivo ao tema da Epifanía completando o conxunto. Pódese vincular esta obra a Cancela. O seu coñecemento e seguimento da obra de Vicente López lévanos, cando menos, a supoñelo.

Manuel Lago González
Manuel Lago González
José Capuz Mansano
1926

O busto do arcebispo Lago (1865-1925) preside a Sala de Investigadores da Biblioteca Xeral da universidade compostelá na que están depositados, precisamente, eses fondos que foron propiedade de dito prelado.

É obra realizada polo escultor José Capuz Mansano (1884-1964), quen a asina nun lateral. A fundición correspondente fíxose, como se indica ao outro lado, en “Codina Hnos. Madrid”. Móstrase coa indumentaria propia dun eclesiástico, de xeito marcadamente frontal e coa súa mirada orientada ao lonxe.

1926
Manuel Pardo
Manuel Pardo
Atribuído a Vicente López ou Cancela del Río
1801

O seu autor parte dun retrato realizado por Vicente López. Móstrase condecorado coa insignia propia da Orde de Isabel a Católica. Neste caso a lenda di: EMMANUEL PARDO/ REGI A CONSILIIS/ INTEGERREMUS. Estamos ante un cadro moi posiblemente realizado en Compostela por Cancela del Río, con esa alusión a través dunha beca sobre a mesa, como en tantos outros relacionados con colexiais de Fonseca.

Debe de relacionarse o recoñecemento que tivo por parte da Universidade compostelá co feito de que no seu testamento cedese fondos para a súa Biblioteca, razón que explica a colocación orixinaria desta pintura nela.

1801
Benito Hermida Maldonado
Vítor de Benito Hermida Maldonado
Autoría descoñecida
Ca. 1814

Benito Ramón Hermida naceu en Santiago, (1736-1814). Foi colexial de Fonseca e era coñecedor de diferentes linguas como o francés, inglés, italiano, alemán ou grego. O seu vítor, disposto orixinariamente no Colexio de Fonseca, conxuga ata tres motivos sostidos cada un deles por nenos espidos. Na parte superior preséntase un escudo, en pequeno tamaño, que cabe relacionar coa propia Universidade e que neste caso presenta no seu centro o cáliz propio de Galicia. O centro do vítor está ocupado por outro escudo vinculado con quen é así honrado e ao que responde este tema heráldico. Tamén pode verse unha terceira representación que corresponde á dun vítor, así como unha extensa lenda alusiva ao personaxe.

Gumersindo Busto
Vítor de Gumersindo Busto
Elvira Santiso García
1947

Gumersindo Busto naceu en San Martiño de Laraño, Santiago (1872-1937). Emigra a Uruguai e, máis tarde, a Arxentina. A el débese a creación da Biblioteca América da universidade compostelá, inaugurada en 1926. O vítor co que se lle distingue parte dun retrato seu, nun marco ovalado que presenta, arriba, unha lenda que di: UNA, GRANDE, LIBRE; encima, na parte central, pode verse a aguia de San Xoán, utilizada no escudo de España da época na que se realiza esta pintura. Disponse unha ampla cartela baixo o citado retrato. É obra de 1947 e débese a Elvira Santiso.

1947
Jacobo María Parga y Puga
Vítor de Jacobo Mª de Parga y Puga
Autoría descoñecida
1834

Conta este persoeiro (1774-1850) cun vítor que está centrado por un escudo alusivo a Fonseca -colexio ao que se destina- sobre o que pode verse un bonete negro distinguido por unha grilanda no que colga cara aos lados parte dunha beca; tamén se dispón, vinculado ao bonete, a medalla da Orde de Carlos III, distinción coa que contaba. Dúas figuras núas sosteñen outros tantos atributos: unha, un arado; a outra, unha cornucopia cuxos dons se espallan no chan. Cabe entendelos conxuntamente en relación co seu cargo de presidente da Xunta de Fomento de Riqueza do Reino aludíndose, deste xeito, ao fomento da agricultura. Na epígrafe que o completa na parte baixa dátase esta obra en 1834.

1834
Vítor de José Rodríguez Carracido
Francisco Asorey
1924

A Facultade de Farmacia, asentada no seu momento no Colexio de Fonseca, dedicoulle un lugar de honra a José Rodríguez Carracido: o centro do espazo da escaleira que enlaza as súas dúas alturas. Alí disporase un vítor en 1924, realizado por Francisco Asorey. Quen é obxecto del móstrase sedente, nunha gran cadeira de brazos da que vemos o seu alto respaldo e tras el, como sinala Otero Túñez, acubíllao “o perfil da deusa Minerva”.

Disponse unha longa epígrafe na súa parte inferior.

1924
Manuel Pardo Ribadeneira
Vítor de Manuel Pardo Ribadeneira
Autoría descoñecida
1827

Neste vítor de Manuel Pardo (1759-1839) preséntase o escudo de Fonseca, sostido por unha columna estriada e rodeado por unha grilanda. Tamén unha figura portadora leva na súa destra unha coroa, relacionada co honor que lle é debido e co que cabe, ademais, vincular o bonete negro e outros elementos anexos dispostos ao pé de dita columna. Como fondo disponse un templo da Sabedoría, en tanto que diante, a un lado, poden verse tanto libros -cuxos lombos aluden a Sócrates e Cicerón- coma símbolos do exercicio da Xustiza: a balanza e o feixe de lictores. Na outra parte, hai unha figura sedente cunha pluma nunha man mentres sostén un libro aberto; nel pode lerse SUADE/ RE, que cabe entender como alegoría da Historia. Abaixo hai unha epígrafe que data a obra en 1827. Fíxose para o Colexio de Fonseca.

1827