Ir o contido principal
Museo virtual Universidade
de Santiago
de Compostela
  • gl
  • es
Inicio Inicio

Inicio

Presentación

Coleccións

  • Contemporánea
    Espazos
    Retratos
    Vítores

Itinerarios

  • Gabinete de Curiosidades
    Minerva Compostelá
    Reitores

O meu museo

Localización

Explora

Política de privacidade
  • AlfabéticoCronolóxico
Etiqueta Colexio de San Xerome (9)
seoanecorpiñoverde
Corpiño verde con fondo amarelo
Luís Seoane
1973

Obra de madurez de Seoane que representa unha muller de medio corpo inspirada nas campesiñas rurais. Asinada no ángulo inferior esquerdo. Foi doada pola súa viúva, Dª Elvira Fernández López, en 1992.

1973
Finisterrae
Finis Terrae
Xurxo Martiño
1993

José Manuel García Iglesias / Silvia Hermida Sánchez

Xurxo Martiño, un artista conceptual pertencente á nova xeración de pintores composteláns que na década dos noventa se decantou por pintar paisaxes urbanas e faros a través dunha pintura matérica, resaltada con diferentes escalas de cor, pigmentos e texturas. Con esta técnica, e grazas á utilización dunha gama cromática que oscilou entre os brancos, os azuis e os negros, o pintor conseguiu producir grandes efectos de luz e sombra.

1993
guitarramallo
Guitarra
Maruja Mallo
1940

Debuxo de Maruja Mallo que representa unha guitarra. Asinado e datado: a. s. d.: "M Mallo - 40"

1940
José María Suárez Núñez
José María Suárez Núñez
María Carrera
1980

A vida de Suárez Núñez transcorre entre 1932 e 1987. Foi reitor entre os anos 1979 e 1984. María Carrera preséntao no seu despacho, ante unha mesa cuberta cunha ornamentada tea amarela, quizais para vinculalo deste modo cos estudos de Medicina dada a súa condición de catedrático de Anatomía. Posa sentado, cun brazo sobre dita mesa, levando na súa man esquerda un libro, en tanto que na outra, mantén o bastón de mando. A súa indumentaria é a propia dun reitor, coa súa medalla ao peito e, no fondo, pode verse un andel con libros e un cortinado verde que completan a composición. El foi o responsable da posta en marcha desta galería reitoral na nova Reitoría e co seu retrato conclúe a achega desta artista a ela.

1980
juan casares
Juan Casares Long
Rafael Romero Masiá
2014

Este retrato realízase ao concluír o mandato de Juan José Casares Long como reitor entre os anos 2010 e 2014. Nacido na Coruña en 1950, estudou a Licenciatura de Química en Santiago e doutorouse na Autónoma de Barcelona en Enxeñaría Química. A súa primeira cátedra obtena na Universidade de Sevilla (1988) e, desde alí, trasládase á de Cantabria. Desde o ano 2001 imparte docencia a tempo completo na Universidade compostelá.

É Rafael Romero Masiá, pintor compostelán nado en 1952, quen leva a cabo este retrato. As insignias da Universidade compostelá aparecen a carón da figura do reitor, logrando o artista fixar unha imaxe realista del. Porta o bastón reitoral como atributo identificador das responsabilidades exercidas.

2014
Manuel Lucas
Manuel Lucas Álvarez
María Carrera
1980

Manuel Lucas naceu en 1917 en Santiago, cidade na que morreu no ano 2014. Foi reitor entre 1974 e 1975. Neste caso, a pintora María Carrera preséntao nun exterior: o centro do patio do Colexio de San Xerome, ao lado da fonte que fora realizada a xeito de adorno dentro do proceso de conversión deste edificio en Reitoría. Móstrase en pé, coa vara de mando na súa esquerda e levando na outra man un documento co que se pretende facer referencia á súa condición de paleógrafo, estudos dos que é catedrático en Compostela desde 1953. Mantén a tradición dos demais retratos que esta autora fai para esta galería reitoral. Outro retrato seu gárdase hoxe na aula magna da Facultade de Xeografía e Historia.

1980
san xerome
Portada do Colexio de San Xerome - Reitoría
século XVI

Esta portada procede do Hospital Vello, sito na Acibecharía, que se utilizará tamén para tarefas colexiais auspiciadas por Alonso III de Fonseca. En 1522 a súa advocación é a do “Glorioso Apóstolo Santiago o Maior” quen se presenta a un lado desta portada, tendo á súa beira a Xoán Evanxelista, o seu irmán, e a Francisco de Asís. Enfronte están Pedro, Paulo e Domingo de Guzmán.

As armas dos Fonseca, termadas por un anxo, valen como asento á figura da Virxe, que centra o tímpano entre o arcanxo Miguel e santa Catarina. Na arquivolta, culminada por unha representación de santa Ana, tamén se representan as santas María Salomé, María Cleofás, María Magdalena e Lucía, ademais de doutores -Xerome, Agostiño, Gregorio Magno e Ambrosio- e de diáconos -Lourenzo e Estevo-. O nome de Colexio de San Xerome será o que teña a partir de 1555.

Salón Graos San Xerome
Salón de Graos do Colexio de San Xerome

Esta sala rectangular, disposta na planta baixa dun edificio colexial, tivo como primeira función a de ser, a partir de 1665, unha capela á que asistían os vinte e catro colexiais aquí residentes presididos por un vicerreitor. Entre 1735 e 1745 faría as funcións propias para a consecución de graos, algo que previamente se facía na Catedral, na chamada capela de don Lope de Mendoza.

O colexio é suprimido como tal en 1840 e é agregado á Universidade, o que o levou naquel momento a quedar baleiro. No ano 1849, por Real Orde, créase a Escola Normal Superior da Universidade Literaria de Santiago, o que levará a que esta planta baixa se reservase ao ensino de nenos, en tanto que os estudos de Maxisterio se facían na primeira planta.

Ao converterse en 1975 en Reitoría, a este espazo outórgaselle a función de Sala de Claustros. Isto levou a incorporar a este lugar a recreación dun retablo e ambón, á colocación do cadeirado reitoral e a completalo con distinto mobiliario: esculturas, pinturas, vidreiras e alfombras. Desde os anos 1979-1980 denomínase Salón de Graos.

José Rodríguez González
Vítor de José Rodríguez González
Autoría descoñecida
Ca. 1856

José Rodríguez González naceu en Bermés, Lalín (1770-1824). Foi colexial de San Xerome. Dedicouse, entre outras materias, ás matemáticas e á astronomía. O seu vítor presenta un único escudo, o da Universidade, entre dous ignudi que neste caso non se vinculan tanto coa parte heráldica, á que acompañan a cada lado, senón co papel de presentarnos, un deles uns prismáticos -ademais doutro instrumento de medición, cunha chumbada- e o outro, un globo terráqueo e un mapa. Pódese distinguir tamén neste caso algún instrumento de medición no chan. Nun e noutro lado poden contemplarse, tamén nesa parte baixa, coroas de grilandas. Estamos, por outra parte, ante un modo de narrar que resulta moi próximo ao exposto por José Ferreiro na portada da Universidade. Conta con epígrafe e cabe datalo cara a 1856.