Ir o contido principal
Museo virtual Universidade
de Santiago
de Compostela
  • gl
  • es
Inicio Inicio

Inicio

Presentación

Coleccións

  • Arqueoloxía
    Biblioteca América
    Contemporánea
    Espazos
    Retratos
    Vítores

Itinerarios

  • Gabinete de Curiosidades
    Minerva Compostelá
    Reitores

O meu museo

Localización

Explora

Política de privacidade
  • AlfabéticoCronolóxico
Etiqueta Elvira Santiso (7)
Antonio Novo Campelo
Antonio Novo Campelo
Elvira Santiso
1940

Antonio Novo Campelo (1878-1948), nomeado en 1910 catedrático de Terapéutica da Universidade de Santiago, foi decano entre 1931-1936 e 1941-1948 (Vid. Gurriarán, Otero Costas, García Iglesias, 2014). O seu retrato leva a sinatura de Elvira Santiso. Ademais da medalla propia de doutor, óptase por mostrar outras distincións. Aparece distinguido como Comendador (Saada) da Orde da Medhauia e, á esquerda desta, a de Comendador de Instrución Pública de Portugal e, ao pescozo, o colar de Comendador da Orde de Afonso X o Sabio. Neste caso, utilízase a muceta e o bonete co amarelo propio de Medicina para presentar o persoeiro. Ábrese deste modo unha forma de presentar os decanos que será máis ou menos seguida en bastantes casos posteriores.

1940
varelamontes
José Varela Montes
Elvira Santiso García
1950

Seguindo o modelo do retrato que Dionisio Fierros fixera de José Varela Montes en 1874 (1796-1868), Elvira Santiso realiza outro do que fora decano da facultade de Medicina; o retrato, de medio corpo, representa o personaxe case frontal, aínda que lixeiramente xirado, o que contribúe a crear a sensación de espazo, xa que o sitúa ante un fondo neutro. Centra a atención no rostro ao iluminalo directamente, tentando transmitir o carácter do personaxe, dando a apariencia de serenidade. Represéntase Varela Montes cun traxe negro e camisa branca adornado coas condecoracións que recibiu; a banda e a Cruz da Orde de Isabel a Católica, a cruz da Orde de Carlos III e a Medalla ao Mérito en Medicina.

1950
Luis Blanco Rivero
Luís Blanco Rivero
Mariano Tito Vázquez
1903

Conta Luis Blanco Rivero (1871-1942) -catedrático de Anatomía Topográfica a partir de 1904 en Santiago e decano entre 1936-1941- cun retrato asinado por Tito Vázquez, co que medra esta galería de decanos. Leva no peito a medalla de doutor e tamén a banda e a Gran Cruz propia da Real Orde de Isabel a Católica. Dada a autoría desta pintura, trátase dun cadro feito en vida do decano en cuestión e será, posiblemente, o punto de partida para o que faga Elvira Santiso para a Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago. Foi alcalde de Santiago entre 1914 e 1917 e reitor da universidade compostelá entre 1921 e 1930.

1903
Domingo Fontán
Vítor de Domingo Fontán
Elvira Santiso García
ca 1940

Neste vítor o retrato do personaxe (1788-1866) evoca o que pode verse nun dos nove medallóns do Paraninfo. Neste caso, pártese da obra máis significativa deste catedrático: o primeiro mapa de Galicia que pode considerarse realizado con criterios científicos e que vale como fondo non só ao retrato, senón tamén á cartela que se dispón abaixo, inserida nunha cruz de Santiago. Un globo terráqueo, unha regra, un compás, libros, algún mapa…, todo isto disposto nunha base que ocupa a parte inferior desta obra e que completa a composición proposta por Elvira Santiso, a pintora asinante desta obra.

Gumersindo Busto
Vítor de Gumersindo Busto
Elvira Santiso García
1947

Gumersindo Busto naceu en San Martiño de Laraño, Santiago (1872-1937). Emigra a Uruguai e, máis tarde, a Arxentina. A el débese a creación da Biblioteca América da universidade compostelá, inaugurada en 1926. O vítor co que se lle distingue parte dun retrato seu, nun marco ovalado que presenta, arriba, unha lenda que di: UNA, GRANDE, LIBRE; encima, na parte central, pode verse a aguia de San Xoán, utilizada no escudo de España da época na que se realiza esta pintura. Disponse unha ampla cartela baixo o citado retrato. É obra de 1947 e débese a Elvira Santiso.

COLECCIÓN ETNOGRÁFICO-CONMEMORATIVA  BIBLIOTECA AMÉRICA

1947
Gumersindo Laverde Ruiz
Vítor de Gumersindo Laverde Ruiz
Elvira Santiso García
ca 1940

Laverde Ruiz naceu en Estrada, Santander (1835-1890) e desde os catro anos vivirá en Nueva, (Llanes), medrando nun ambiente tradicionalista. En 1876 trasládase a Santiago, á cátedra de Literatura Xeral e Española. Ao usar unha vieira, timbrando o retrato, relaciónase o personaxe dun xeito evidente con Compostela. Entre columnas, baixo o retrato, unha parella de figuras femininas aluden aos seus estudos: unha á Xurisprudencia e a outra a Filosofía e Letras. Tamén, neste caso, relaciónase o vítor con Elvira Santiso e dátase cara a 1940. Complétase cun longo epígrafe.

varelademontes
Vítor de José Varela Montes
Elvira Santiso
1940

Este vítor dátase en 1940. É obra da pintora Elvira Santiso. Na súa composición cabe valorar tres partes: un retrato, unha ambientación complementaria e un epígrafe. No relativo ao retrato de Varela de Montes (1796-1868), está disposto na parte alta e media, nun marco ovalado rodeado de loureiro. Copia, nas súas formas, o realizado por Dionisio Fierros. Baixo o retrato pode verse unha disección anatómica que evoca a representada na propia Facultade de Medicina á que se fai, así, referencia, así como aos seus estudos, mostrando libros, apuntamentos e recipientes utilizados para a atención médica. O epígrafe disponse, como é común, na parte inferior.

1940