Esta sala rectangular, disposta na planta baixa dun edificio colexial, tivo como primeira función a de ser, a partir de 1665, unha capela á que asistían os vinte e catro colexiais aquí residentes presididos por un vicerreitor. Entre 1735 e 1745 faría as funcións propias para a consecución de graos, algo que previamente se facía na Catedral, na chamada capela de don Lope de Mendoza.
O colexio é suprimido como tal en 1840 e é agregado á Universidade, o que o levou naquel momento a quedar baleiro. No ano 1849, por Real Orde, créase a Escola Normal Superior da Universidade Literaria de Santiago, o que levará a que esta planta baixa se reservase ao ensino de nenos, en tanto que os estudos de Maxisterio se facían na primeira planta.
Ao converterse en 1975 en Reitoría, a este espazo outórgaselle a función de Sala de Claustros. Isto levou a incorporar a este lugar a recreación dun retablo e ambón, á colocación do cadeirado reitoral e a completalo con distinto mobiliario: esculturas, pinturas, vidreiras e alfombras. Desde os anos 1979-1980 denomínase Salón de Graos.