O retrato que nos mostra ao escultor Juan Sanmartín y Serna -así era denominado no expediente que se conserva no Arquivo da Real Sociedade Económica da Cidade de Santiago- (Santiago de Compostela, 1830-1898) preséntao de pé, coa súa man dereita oculta pola roupa e a outra pousada sobre un voluminoso libro que se localiza sobre unha mesa de formas barrocas. Nun segundo plano pode verse unha librería ante a que se encontra un cartafol repleto de láminas e, tamén, sobre un alto pedestal, unha escultura súa: Cervantes en prisión, que ía presentar á Exposición Nacional de Madrid de 1887. Esta é a razón pola que o pintor José Alarcón a incorpora a este retrato de 1886. Trátase, en definitiva, dunha obra coa que o escultor pretende consagrarse na capital de España.