Ir o contido principal
Museo virtual Universidade
de Santiago
de Compostela
  • gl
  • es
Inicio Inicio

Inicio

Presentación

Coleccións

  • Arqueoloxía
    Biblioteca América
    Contemporánea
    Espazos
    Retratos
    Vítores

Itinerarios

  • Gabinete de Curiosidades
    Minerva Compostelá
    Reitores

O meu museo

Localización

Explora

Política de privacidade
  • AlfabéticoCronolóxico
Etiqueta Facultade de Dereito (15)
Alonso de Fonseca
Alonso III de Fonseca
Plácido Fernández Erosa
1815

Este retrato, debido a Plácido Fernández Erosa, debe de seguir en liñas xerais o feito por Crispín de Evelino. Foi costeado por Fernández Varela e destínase á Biblioteca da Universidade. Nel disponse a Alonso de Fonseca na súa librería, pasando as páxinas dun libro disposto sobre un atril. Conta coa sinatura do pintor.

Tras do libro que mira o prelado -e no que pode verse unha representación de Pentecostés- móstrase un relevo que alude ao tema de Hércules matando o león de Nemea, o primeiro dos seus doce traballos. Un crucifixo preside, polo demais, este espazo.

1815
José Antonio Gómez Segade
José Antonio Gómez Segade
Manuel Quintana Martelo
1990

Gómez Segade naceu en 1943. É catedrático de Dereito Mercantil e foi decano entre 1986 e 1988. Foi retratado para esta galería por Quintana Martelo, quen asina e data a obra en “V-1990”. En 1995, este mesmo pintor retratará para esta galería a Lorenzo Salgado, catedrático de Dereito Penal e decano entre 1988 e 1994. No retrato de Gómez Segade, o pintor cambia a clásica gravata negra ou o lazo branco por unha gravata de cores, o que supón un toque de carácter cromático nun cadro no que se xoga, por outra parte, coa idea de dispor no fondo outro cadro dentro do mesmo, significándose con isto a idea de que estamos ante unha obra para integrar nun conxunto.

1990
José Antonio Souto
José Antonio Souto Paz
Manuel Aramburu Núñez

Este retrato de José Antonio Souto Paz pecha a serie que, sendo el decano, lle encarga ao pintor pontevedrés Aramburu, con motivo do traslado da facultade a un edificio de nova planta en 1978, Aramburu levará a cabo dez deles, entre outros o do propio Souto. O pintor utiliza fondos dun intenso azul, habituais no seu modo de facer. En todo caso, cada retrato obedece a unha serie de condiciones que se seguen logo e que se manterán ao longo de toda a serie, en tempos seguintes; móstranse en forma de busto, coa muceta vermella de Dereito e a medalla de doutor, buscando unha aproximación, no rostro, á identidade do personaxe representado.

Manuel Pérez González
Manuel Pérez González
Anne Heyvaert
1995

A realización do retrato de Manuel Pérez González (1939) -catedrático de Dereito Internacional Público desde 1981 e decano entre 1979 e 1986 - débese á artista Anne Heyvaert, quen asina a obra - Ateyvaert - . Debeu de ser realizado pouco tempo despois de concluída a súa etapa como decano; en todo caso, antes de que a súa autora cambiase a súa residencia de Galicia a Luxemburgo en 1989.

Segue, en liñas xerais, as directrices anteriores dos cadros desta mesma serie de decanos de Dereito.

1995
Manuel Ventura Figueroa
Manuel Ventura Figueroa Barreiro
Autoría descoñecida
Ca. 1795

Manuel Ventura Figueroa naceu en Santiago (1708-1783). En testamento dispón: “E ordeno e mando que toda a miña librería e os manuscritos que nela teño leven á custa dos meus bens e se entreguen á Universidade de Santiago para aumento da súa Biblioteca”. Móstrase o prelado en pé. Cara a un lado hai unha mesa na que pode verse un libro no que está en actitude de escribir. O texto alí escrito fai mención ao seu testamento. Estamos ante unha temática que se incardina moi ben na Biblioteca. Sabido é que se contaba xa con esta pintura, e para este lugar, en 1795. Este cadro segue, en todo caso, as directrices que fixa Gregorio Ferro no retrato de Felipe de Castro e, como aquel, conta cunha lenda na parte baixa.

Salvador Cabeza de León
Salvador Cabeza de León
Xoán Fernández

Xa sendo decana Milagros Otero Parga, encoméndaselle o seu retrato ao pintor Xoán Fernández (C, García Bayón, 2002). Salvador Cabeza de León -1864-1934- foi catedrático de Dereito Internacional -1918-1934- e decano entre 1920 e 1928 (I. López Silva, 2011; E. Conde, 2012). Está datada a pintura no ano 2002. Pártese dunha coñecida fotografía para caracterizar o personaxe, seguindo, en liñas xerais, as directrices mantidas nos decanos previamente retratados (J. M. García Iglesias, 2016, p. 227-228). Tamén cabe relacionar a súa imaxe coa que mostra o vítor que, sobre este mesmo personaxe, realizou Xurxo Martiño (J. M. García Iglesias, 2016, p. 307-308; J. M. García Iglesias, 2021, p. 95-96). A adaptación do retrato ao que demanda a conveniente homoxeneidade dunha galería de decanos, acomoda a representación ao medio corpo, coa muceta vermella de Dereito e a medalla de doutor. Tamén, neste caso, se procura ser o máis fidedigno posible no tratamento do rostro, delimitado por un fondo neutro e resaltando o cabelo e o bigote branco co que se pretende distinguilo.

Benito Hermida Maldonado
Vítor de Benito Hermida Maldonado
Autoría descoñecida
Ca. 1814

Benito Ramón Hermida naceu en Santiago, (1736-1814). Foi colexial de Fonseca e era coñecedor de diferentes linguas como o francés, inglés, italiano, alemán ou grego. O seu vítor, disposto orixinariamente no Colexio de Fonseca, conxuga ata tres motivos sostidos cada un deles por nenos espidos. Na parte superior preséntase un escudo, en pequeno tamaño, que cabe relacionar coa propia Universidade e que neste caso presenta no seu centro o cáliz propio de Galicia. O centro do vítor está ocupado por outro escudo vinculado con quen é así honrado e ao que responde este tema heráldico. Tamén pode verse unha terceira representación que corresponde á dun vítor, así como unha extensa lenda alusiva ao personaxe.

Felipe González Abarca
Vítor de Felipe González Abarca
Autoría descoñecida
1816

Felipe González Abarca é natural de Avilés (1765-1842). En 1807 recoñécenselle os seus graos pola Universidade compostelá. A concreción do vítor dedicado a este prelado, da orde dos mercedarios, estrutúrase dispoñendo baixo un capelo episcopal un par de escudos -un mercedario e o outro da Universidade compostelá- separados por unha cruz episcopal. Completan a composición dúas figuras infantís núas aos lados, sendo unha delas alada. Unha leva unha mitra e a outra un báculo. Acompáñase todo dunha lenda na que se data a obra en 1816, tras a súa elección como bispo de Ibiza.

1816
Jacobo María Parga y Puga
Vítor de Jacobo Mª de Parga y Puga
Autoría descoñecida
1834

Conta este persoeiro (1774-1850) cun vítor que está centrado por un escudo alusivo a Fonseca -colexio ao que se destina- sobre o que pode verse un bonete negro distinguido por unha grilanda no que colga cara aos lados parte dunha beca; tamén se dispón, vinculado ao bonete, a medalla da Orde de Carlos III, distinción coa que contaba. Dúas figuras núas sosteñen outros tantos atributos: unha, un arado; a outra, unha cornucopia cuxos dons se espallan no chan. Cabe entendelos conxuntamente en relación co seu cargo de presidente da Xunta de Fomento de Riqueza do Reino aludíndose, deste xeito, ao fomento da agricultura. Na epígrafe que o completa na parte baixa dátase esta obra en 1834.

1834
Luis Iglesias
Vítor de Luis Iglesias
Autoría descoñecida
1830

Luis Iglesias inicia a súa vida (1768-1868) como franciscano aos 15 anos, en 1782. É doutor na Universidade de Santiago en 1808. Os franciscanos elixirano, nemine discrepante, Xeneral o 29 de maio de 1830. O seu vítor é un escudo con armas propias dos franciscanos que se acompaña doutro, propio da Universidade compostelá. Ambos están enlazados e unidos na súa parte alta coas letras características do vítor. Unha figura alegórica da Igrexa, coroada coa tiara pontificia, preséntase sedente ao lado do escudo franciscano, mentres que o outro mostra unha representación de Minerva cunha coroa de loureiro na súa destra, honrando deste modo o personaxe na súa faceta universitaria. Conta, como é común, con inscrición datada en 1830.

1830
Luís Porteiro Garea
Vítor de Luís Porteiro Garea
Soledad Penalta
2016

Luís Porteiro Garea (1889-1918), profesor de Dereito Civil, vincúlase coa creación das Irmandades da Fala (1916). El foi o primeiro que utilizou o idioma galego nun acto realizado no Paraninfo universitario, no ano 1915. Conta cun vítor na Facultade de Dereito, realizado en 2016 -en conmemoración do centenario das Irmandades da Fala- pola escultora Soledad Penalta, quen acompaña o retrato de Porteiro coa súa palabra, así como cunha epígrafe na súa base.

2016
Manuel Colmeiro (vítor)
Vítor de Manuel Colmeiro y Penido
Manuel López Garabal
1950

Manuel Colmeiro y Penido naceu en Santiago (1818-1894). En 1847 obtén dúas cátedras: a de Economía Política en Santiago e a de Dereito Administrativo en Madrid. O vítor que lle corresponde prescinde da imaxe do personaxe, a quen se alude a través dunha longa epígrafe, incluída nunha forma que se aproxima á dun gran escudo. Nel apóiase unha Minerva con atributos da Xustiza. Trátase neste caso dunha obra pintada por Manuel López Garabal, datada en 1950.

1950
Manuel Fernández Varela
Vítor de Manuel Fernández Varela
Autoría desconocida
1827

Neste vítor, unha figura de Apolo leva na súa man dereita unha coroa e na outra a lira que o personaliza. Dita coroa vai poñela sobre o escudo que identifica o personaxe e que se mostra, tamén, distinguido coa cruz e banda de Carlos III. Ao outro lado, unha figura de Minerva sedente apoiada sobre outro escudo -o da Universidade- mantén na súa man unha barreta, en actitude de entrega, tamén relacionada co escudo de Fernández Varela (1772-1834). Todo discorre a ceo aberto, nunha mitolóxica paisaxe na que se distinguen, entre outros motivos, un templo de forma redonda -o templo da Sabedoría-; un personaxe voando, tocando unha trompeta símbolo da Fama; e o cabalo de Pegaso, alzando tamén o voo. Na inscrición correspondente figura unha data: 1827 (?).

1827
Manuel Pardo Ribadeneira
Vítor de Manuel Pardo Ribadeneira
Autoría descoñecida
1827

Neste vítor de Manuel Pardo (1759-1839) preséntase o escudo de Fonseca, sostido por unha columna estriada e rodeado por unha grilanda. Tamén unha figura portadora leva na súa destra unha coroa, relacionada co honor que lle é debido e co que cabe, ademais, vincular o bonete negro e outros elementos anexos dispostos ao pé de dita columna. Como fondo disponse un templo da Sabedoría, en tanto que diante, a un lado, poden verse tanto libros -cuxos lombos aluden a Sócrates e Cicerón- coma símbolos do exercicio da Xustiza: a balanza e o feixe de lictores. Na outra parte, hai unha figura sedente cunha pluma nunha man mentres sostén un libro aberto; nel pode lerse SUADE/ RE, que cabe entender como alegoría da Historia. Abaixo hai unha epígrafe que data a obra en 1827. Fíxose para o Colexio de Fonseca.

1827
Saturnino Calderón y Collantes
Vítor de Saturnino Calderón y Collantes
Atribuído a José Garabal Louzao
Ca. 1863

Naceu en Reinosa (1799-1864). Estudou en Santiago entre 1823 e 1829, concretamente Leis. O seu vítor presenta un escudo que se corresponde cos Calderón y Collantes. Sobre el pode verse un helmo tras o que sobresae un brazo armado de espada. Baixo o escudo móstranse tres condecoracións relativas ao personaxe. No centro, a correspondente á Orde de Carlos III. Á súa dereita pode verse a medalla relativa ao Gran Cordón da Lexión de Honor e ao outro lado a Orde Piana, ou de Pío IX. Na base desenvólvese a correspondente epígrafe. É obra vinculada ao pintor José Garabal Louzao e debe datarse pouco antes do ano 1863.