Ir o contido principal
Museo virtual Universidade
de Santiago
de Compostela
  • gl
  • es
Inicio Inicio

Inicio

Presentación

Coleccións

  • Arqueoloxía
    Biblioteca América
    Contemporánea
    Espazos
    Retratos
    Vítores

Itinerarios

  • Gabinete de Curiosidades
    Minerva Compostelá
    Reitores

O meu museo

Localización

Explora

Política de privacidade
  • AlfabéticoCronolóxico
Etiqueta Francisco Asorey (8)
Francisco Asorey
Francisco Asorey
Felipe Criado
1957

Asorey naceu en Cambados e viviu en Santiago de Compostela desde 1918, ano no que obtén a praza de escultor anatómico da Facultade de Medicina. Neste caso, o vítor parte dun retrato obra de Felipe Criado, datado en 1957. Preséntao no seu obradoiro, con Compostela como fondo. Convértese en vítor en 1969, en razón do enmarcado que recibe, engadíndoselle un texto: “Francisco Asorey/Escultor anatómico de esta Universidad/ (1889-1961)”, seguindo criterios de Ramón Otero Túñez, decano da Facultade de Filosofía e Letras.

1957
Lino Torre
Lino Torre
Tito Vázquez
1920

Xa no século XX, o primeiro reitor ao que se retrata é Lino Torre Sánchez Somoza (1866-1921), que dirixe os destinos da Universidade no período 1920-1921. O tema será tratado en pintura por Tito Vázquez e en escultura por Francisco Asorey. Neste caso, non se mantén a formulación seguida nos reitores previamente retratados -Viñas e Casares-. Estamos, ademais, perante un catedrático de Dereito desta Universidade que foi tamén alcalde de Compostela entre 1903 e 1909.

Na pintura, a luz proxéctase de xeito desigual no seu rostro que, deste modo, destaca sobre un fondo escuro. Distíngueo a medalla reitoral.

1920
Valle Inclán
Ramón del Valle Inclán
Felipe Criado
1968

Débese a Felipe Criado o retrato de Ramón María del Valle Inclán, tamén ultimado como vítor. É o resultado dunha proposta realizada polo decano da Facultade de Filosofía e Letras, Otero Túñez, en 1967 con motivo do centenario do nacemento do escritor, cun enmarcado similar ao do cadro de Asorey. Neste caso ten “…unha placa de metal, gravada por Mayer, Valle Inclán/ Alumno desta Universidade/ 1866-1936”; refírese aos seus estudos en Dereito entre 1885 y 1890. Estamos, tamén aquí, ante un retrato que atende a expoñer, sobre un fondo neutro, a individualidade do personaxe co complemento dunha mesa e duns libros, alusivos á súa actividade literaria.

1968
Ramón María Aller
Ramón María Aller Ulloa
Francisco Asorey
1960

O busto de Ramón María Aller (1878-1966) -catedrático extraordinario de Astronomía da Universidade de Santiago desde 1949- é obra póstuma, tanto no relativo ao personaxe representado como a quen o concibe. Trátase da reutilización dun modelado feito por Francisco Asorey “con motivo da preparación da estatua de Aller que, unha década antes, fora realizado para Lalín”. A fundición desta cabeza é, pois, propiciada polo reitor Echeverri quen encomenda esta obra para a inauguración do curso 1967-1968. Este busto estivo inicialmente “...sobre un pedestal provisional situado na antesala reitoral...” (R. Otero Túñez, 1970, p. 294).

1960
Roberto Nóvoa Santos
Roberto Nóvoa Santos
Francisco Asorey
1961

Nóvoa Santos naceu en 1885 e morreu en 1933. Licenciouse en Medicina na Universidade de Santiago de Compostela en 1907. Foi profesor desta Universidade desde 1911 e accedeu á Cátedra de Patoloxía da Universidade de Madrid en 1928. Conta cunha homenaxe moi especial dentro da Facultade de Medicina, xa que preside na actualidade o seu vestíbulo e escaleira principal.

1961
Jacobo Gil Villanueva
Vítor de Jacobo Gil Villanueva
Francisco Asorey
1923

Jacobo Gil Villanueva naceu e morreu en Compostela (1831-1906). En 1857 é catedrático de Dereito Civil da Universidade de Santiago; tamén será reitor (1890-1891, 1904-1906). O seu vítor é unha obra escultórica na que se suman un retrato, un sucinto encadre e unha epígrafe. Preséntase o personaxe en forma de busto, coa muceta negra, propia do reitor, lucindo a medalla. Polo que se refire ao rostro, parece seguirse unha imaxe súa correspondente a 1905. Apoia o seu brazo esquerdo nun libro cuxo lombo di: DE LOS CENSOS, referíndose ao seu libro “De los censos, según la legislación general de España”. Fíxoo Francisco Asorey en 1923 e está localizado na entrada do Paraninfo.

1923
Vítor de José Rodríguez Carracido
Francisco Asorey
1924

A Facultade de Farmacia, asentada no seu momento no Colexio de Fonseca, dedicoulle un lugar de honra a José Rodríguez Carracido: o centro do espazo da escaleira que enlaza as súas dúas alturas. Alí disporase un vítor en 1924, realizado por Francisco Asorey. Quen é obxecto del móstrase sedente, nunha gran cadeira de brazos da que vemos o seu alto respaldo e tras el, como sinala Otero Túñez, acubíllao “o perfil da deusa Minerva”.

Disponse unha longa epígrafe na súa parte inferior.

1924
Miguel Gil Casares
Vítor de Miguel Gil Casares
Francisco Asorey
1932

Gil Casares nace en Santiago (1871-1931) e licéncianse en Medicina en 1893. En 1897 é catedrático de doenzas da infancia e catro anos despois accede á cátedra de Patoloxía e Clínica Médica. Se a comparamos coa que realizara en honor a Carracido no colexio de Fonseca, hai unha certa similitude no xeito en que compón Asorey este vítor a xeito de lápida, nun principio disposto no Hospital Real e actualmente situado na Facultade de Medicina. Neste caso, porén, móstrase en pé e en actitude de falar. Viste o traxe académico e acompáñase dunha epígrafe na que se fai un “fervoroso homenaxe ás súas virtudes”.

1932