O vítor de Alfredo Brañas (1859-1900), obra do pintor Francisco Luis López Carballo, tivo que ser realizado pouco despois de 1956. Neste caso o retrato non está incluído explicitamente nun medallón, pero a súa forma, en certo modo, suxíreo; leva a muceta vermella, propia do Dereito, así como a medalla de doutor. Seguindo o habitual, complétase a composición cunha ambientación. No fondo pode verse, recortado nun ceo azul, un conxunto de arquitecturas e guindastres, así como uns hórreos, aludindo así a dúas caras do traballo de Galicia -unha vinculada ao mundo campesiño e a outra ao industrial, máis propio do mundo urbano-. Complétase cunha epígrafe.