Este retrato encádrase na galería de presidentes da Real Sociedade Económica de Amigos do País da Cidade de Santiago, tendo en conta que ocupou tal cargo entre os anos 1906 e 1911. Segue as pautas fixadas noutros precedentes: medio corpo, mirando cara a un lado, fondo neutro e levando no peito a medalla desta institución. Este cadro, asinado por Fenollera, dátase en 1916, ano no que morre o retratado, tamén estreitamente vinculado á Universidade, xa que foi catedrático de Dereito, así como ao Concello de Santiago, do que chegou a ser alcalde.