Neste vítor de Manuel Pardo (1759-1839) preséntase o escudo de Fonseca, sostido por unha columna estriada e rodeado por unha grilanda. Tamén unha figura portadora leva na súa destra unha coroa, relacionada co honor que lle é debido e co que cabe, ademais, vincular o bonete negro e outros elementos anexos dispostos ao pé de dita columna. Como fondo disponse un templo da Sabedoría, en tanto que diante, a un lado, poden verse tanto libros -cuxos lombos aluden a Sócrates e Cicerón- coma símbolos do exercicio da Xustiza: a balanza e o feixe de lictores. Na outra parte, hai unha figura sedente cunha pluma nunha man mentres sostén un libro aberto; nel pode lerse SUADE/ RE, que cabe entender como alegoría da Historia. Abaixo hai unha epígrafe que data a obra en 1827. Fíxose para o Colexio de Fonseca.