Ir o contido principal
Museo virtual Universidade
de Santiago
de Compostela
  • gl
  • es
Inicio Inicio

Inicio

Presentación

Coleccións

  • Contemporánea
    Espazos
    Retratos
    Vítores

Itinerarios

  • Gabinete de Curiosidades
    Minerva Compostelá
    Reitores

O meu museo

Localización

Explora

Política de privacidade
  • AlfabéticoCronolóxico
Etiqueta Minerva (6)
portada facultade química
Facultade de Química. Portada
José Ferreiro
1803

A Facultade de Ciencias (agora de Química) levántase na chamada “Residencia”. Encoméndaselle a Jenaro de la Fuente (1961). En certo modo, o arquitecto presenta esta portada evocando a do edificio da Universidade, do que proviña o grupo presidido por Minerva, hoxe aquí situado tras ser retirado do seu lugar orixinal e pasar por diferentes espazos. Ten en conta tamén o estilo ao que responde en xeral a urbanización da “Residencia”, tan vinculada á súa persoa. Foi José Ferreiro quen, seguindo o disposto pola Xunta de Obras da Universidade, levou a cabo este grupo escultórico (1803).

1803
O Paraninfo. Minerva
O Paraninfo: Minerva
José María Fenollera
1906

Esta pintura central, e de maiores dimensións do teito do Paraninfo universitario compostelán, débese a Fenollera. Disponse nun espazo intermedio entre o ocupado polo profesorado e o alumnado. Está presidida pola imaxe sedente de Minerva ante a que se mostra unha muller vestida de verde, que simboliza a propia universidade galega.

Na parte do profesorado, o que se testemuña é o seu recoñecemento. Por iso, cara a aí oriéntase un xenio portando un diploma ou título que ofrece un bonete de doutor. Cara ao alumnado, en cambio, envíanse libros.

1906
portada facultade xeografía e historia
Portada da Real Universidade (actual Facultade de Xeografía e Historia)
Ramón Núñez
1902

A ampliación da Real Universidade, cun andar máis, outorgoulle un novo sentido á súa portada. Así a orixinaria -que segue a opción proposta por José Pérez Machado en 1799, con esculturas de José Ferreiro (1803)- é alterada desde o proxecto datado en 1889 e asinado por Ricardo Velázquez Bosco, levado a cabo entre 1894 e 1906. No relativo a esta portada cabe supoñer un papel relevante do propio Montero Ríos como mentor, en tanto que será Ramón Núñez quen se encarga do programa escultórico, datado en 1902.

Un relevo alusivo a Minerva -ou “a Sabenza coroando a mocidade estudosa”- , entre medallóns que nos mostran a Diego de Muros e Alonso de Fonseca, acompáñase de figuras en pé que representan a Lope Gómez de Marzoa, Álvaro de Cadaval, Conde de Monterrey (Manuel Acevedo y Zuñiga) e Juan de Ulloa. Todo isto coróase co escudo real entre portadores.

1902
Antonio Casares (vítor)
Vítor de Antonio Casares Rodríguez
Manuel Rodríguez
1889

É obra de Manuel Rodríguez, a datar en 1889. Presídeo unha Minerva sedente que está impoñendo unha coroa a un marmóreo busto clásico que nos mostra a Antonio Casares (1812-1888). Ante dito soporte está o escudo da Universidade. Diverso instrumental alude ao seu quefacer como químico e farmacéutico, así como en relación coa medicina. Tamén, ante a masa nebulosa sobre a que se asenta a deusa Minerva, pode verse unha barreta azul -alusiva aos seus estudos de Filosofía-. Todo o que está á dereita de Minerva representa a Universidade de Compostela. Móstrase tamén unha representación da Historia e un epígrafe.

1889
Manuel Colmeiro (vítor)
Vítor de Manuel Colmeiro y Penido
Manuel López Garabal
1950

Manuel Colmeiro y Penido naceu en Santiago (1818-1894). En 1847 obtén dúas cátedras: a de Economía Política en Santiago e a de Dereito Administrativo en Madrid. O vítor que lle corresponde prescinde da imaxe do personaxe, a quen se alude a través dunha longa epígrafe, incluída nunha forma que se aproxima á dun gran escudo. Nel apóiase unha Minerva con atributos da Xustiza. Trátase neste caso dunha obra pintada por Manuel López Garabal, datada en 1950.

1950
Manuel Fernández Varela
Vítor de Manuel Fernández Varela
Autoría desconocida
1827

Neste vítor, unha figura de Apolo leva na súa man dereita unha coroa e na outra a lira que o personaliza. Dita coroa vai poñela sobre o escudo que identifica o personaxe e que se mostra, tamén, distinguido coa cruz e banda de Carlos III. Ao outro lado, unha figura de Minerva sedente apoiada sobre outro escudo -o da Universidade- mantén na súa man unha barreta, en actitude de entrega, tamén relacionada co escudo de Fernández Varela (1772-1834). Todo discorre a ceo aberto, nunha mitolóxica paisaxe na que se distinguen, entre outros motivos, un templo de forma redonda -o templo da Sabedoría-; un personaxe voando, tocando unha trompeta símbolo da Fama; e o cabalo de Pegaso, alzando tamén o voo. Na inscrición correspondente figura unha data: 1827 (?).

1827