Ir o contido principal
Museo virtual Universidade
de Santiago
de Compostela
  • gl
  • es
Inicio Inicio

Inicio

Presentación

Coleccións

  • Contemporánea
    Espazos
    Retratos
    Vítores

Itinerarios

  • Gabinete de Curiosidades
    Minerva Compostelá
    Reitores

O meu museo

Localización

Explora

Política de privacidade
  • AlfabéticoCronolóxico
Etiqueta Paraninfo (7)
Alonso III de Fonseca
Alonso III de Fonseca
Carlos Blanco
1910

Este retrato, que mostra o prelado sedente, segue a tradición iniciada con respecto a este personaxe por parte de Crispín Evelino no século XVII e mantida por Fernández Erosa, entre outros. Concrétao Carlos Blanco en 1910, sendo situado na Sala Reitoral da Universidade.

Localízase hoxe no Paraninfo, ocultando unha placa conmemorativa dos universitarios composteláns falecidos na Guerra Civil que substituíu a outra relativa ao Batallón Literario.

1910
Diego de Muros
Diego de Muros
Autoría descoñecida
1816

Preséntase de corpo enteiro, en pé. Na mesa que hai a un lado, móstrase un tinteiro con tres plumas que foron interpretadas como unha alusión ás fundacións que este personaxe fixo con respecto ao Estudo Xeral de Compostela, Colexio de Santo Domingo de Oviedo e o Colexio de San Salvador de Oviedo, en Salamanca.

Encóntrase hoxe no Paraninfo e procede dun mosteiro de monxas, en Lerma, aínda cando o seu destino inicial ben puido ser o citado colexio de San Salvador; a datar no último terzo do século XVIII.

1816
O Paraninfo. A Filosofía, as Ciencias e as Letras
O Paraninfo: a Filosofía, as Ciencias e as Letras
José María Fenollera
1906

A parte inmediata do teito do Paraninfo universitario compostelán, obra de Fenollera, parece relacionar Filosofía e Dereito, Ciencia e Medicina, e as Letras e a Farmacia, seguindo os doutoramentos daquela época nesta Universidade.

Así, a representación da Filosofía sostén un libro que di na súa portada: “A. BRAÑAS. M.- Filosofía del Derecho- Santiago- 1900”; deste xeito súmanse ambos os estudos. Filosofía e Dereito, ascende cara ao lugar no que pode verse un triángulo luminoso, símbolo que pode relacionarse coa Divindade pero que tamén cabe recoñecer como un Delta luminoso propio da masonería.

1906
O Paraninfo. A Poesía, a Música e a Pintura
O Paraninfo: a Poesía, a Música e a Pintura
José María Fenollera
1906

O teito do Paraninfo presenta tres representacións relacionados con Fenollera. A máis afastada da presidencia titúlase a Poesía, a Música e a Pintura. Na súa parte supostamente máis baixa do ceo desenvólvese unha representación das Artes -a escultura e a pintura-. Tamén, e nunha posición intermedia, móstrasenos, pensativa, unha representación da Poesía. Na parte supostamente máis elevada represéntase a Música a través dunha arpista.

A selección desta temática ben pode contar con fontes propias da masonería. Tanto a representación da Música como a da Poesía e a Pintura aparecen coas súas cabezas cubertas con coroas de loureiro, atributo de Apolo, do poeta, da virtude, da sabenza personificada e tamén das Artes Liberais.

1906
O Paraninfo. Minerva
O Paraninfo: Minerva
José María Fenollera
1906

Esta pintura central, e de maiores dimensións do teito do Paraninfo universitario compostelán, débese a Fenollera. Disponse nun espazo intermedio entre o ocupado polo profesorado e o alumnado. Está presidida pola imaxe sedente de Minerva ante a que se mostra unha muller vestida de verde, que simboliza a propia universidade galega.

Na parte do profesorado, o que se testemuña é o seu recoñecemento. Por iso, cara a aí oriéntase un xenio portando un diploma ou título que ofrece un bonete de doutor. Cara ao alumnado, en cambio, envíanse libros.

1906
Domingo Fontán
Vítor de Domingo Fontán
Elvira Santiso García
ca 1940

Neste vítor o retrato do personaxe (1788-1866) evoca o que pode verse nun dos nove medallóns do Paraninfo. Neste caso, pártese da obra máis significativa deste catedrático: o primeiro mapa de Galicia que pode considerarse realizado con criterios científicos e que vale como fondo non só ao retrato, senón tamén á cartela que se dispón abaixo, inserida nunha cruz de Santiago. Un globo terráqueo, unha regra, un compás, libros, algún mapa…, todo isto disposto nunha base que ocupa a parte inferior desta obra e que completa a composición proposta por Elvira Santiso, a pintora asinante desta obra.

Jacobo Gil Villanueva
Vítor de Jacobo Gil Villanueva
Francisco Asorey
1923

Jacobo Gil Villanueva naceu e morreu en Compostela (1831-1906). En 1857 é catedrático de Dereito Civil da Universidade de Santiago; tamén será reitor (1890-1891, 1904-1906). O seu vítor é unha obra escultórica na que se suman un retrato, un sucinto encadre e unha epígrafe. Preséntase o personaxe en forma de busto, coa muceta negra, propia do reitor, lucindo a medalla. Polo que se refire ao rostro, parece seguirse unha imaxe súa correspondente a 1905. Apoia o seu brazo esquerdo nun libro cuxo lombo di: DE LOS CENSOS, referíndose ao seu libro “De los censos, según la legislación general de España”. Fíxoo Francisco Asorey en 1923 e está localizado na entrada do Paraninfo.

1923