Ir o contido principal
Museo virtual Universidade
de Santiago
de Compostela
  • gl
  • es
Inicio Inicio

Inicio

Presentación

Coleccións

  • Contemporánea
    Espazos
    Retratos
    Vítores

Itinerarios

  • Gabinete de Curiosidades
    Minerva Compostelá
    Reitores

O meu museo

Localización

Explora

Política de privacidade
  • AlfabéticoCronolóxico
Etiqueta Real Universidade (19)
O Paraninfo. A Filosofía, as Ciencias e as Letras
O Paraninfo: a Filosofía, as Ciencias e as Letras
José María Fenollera
1906

A parte inmediata do teito do Paraninfo universitario compostelán, obra de Fenollera, parece relacionar Filosofía e Dereito, Ciencia e Medicina, e as Letras e a Farmacia, seguindo os doutoramentos daquela época nesta Universidade.

Así, a representación da Filosofía sostén un libro que di na súa portada: “A. BRAÑAS. M.- Filosofía del Derecho- Santiago- 1900”; deste xeito súmanse ambos os estudos. Filosofía e Dereito, ascende cara ao lugar no que pode verse un triángulo luminoso, símbolo que pode relacionarse coa Divindade pero que tamén cabe recoñecer como un Delta luminoso propio da masonería.

1906
O Paraninfo. A Poesía, a Música e a Pintura
O Paraninfo: a Poesía, a Música e a Pintura
José María Fenollera
1906

O teito do Paraninfo presenta tres representacións relacionados con Fenollera. A máis afastada da presidencia titúlase a Poesía, a Música e a Pintura. Na súa parte supostamente máis baixa do ceo desenvólvese unha representación das Artes -a escultura e a pintura-. Tamén, e nunha posición intermedia, móstrasenos, pensativa, unha representación da Poesía. Na parte supostamente máis elevada represéntase a Música a través dunha arpista.

A selección desta temática ben pode contar con fontes propias da masonería. Tanto a representación da Música como a da Poesía e a Pintura aparecen coas súas cabezas cubertas con coroas de loureiro, atributo de Apolo, do poeta, da virtude, da sabenza personificada e tamén das Artes Liberais.

1906
O Paraninfo. Minerva
O Paraninfo: Minerva
José María Fenollera
1906

Esta pintura central, e de maiores dimensións do teito do Paraninfo universitario compostelán, débese a Fenollera. Disponse nun espazo intermedio entre o ocupado polo profesorado e o alumnado. Está presidida pola imaxe sedente de Minerva ante a que se mostra unha muller vestida de verde, que simboliza a propia universidade galega.

Na parte do profesorado, o que se testemuña é o seu recoñecemento. Por iso, cara a aí oriéntase un xenio portando un diploma ou título que ofrece un bonete de doutor. Cara ao alumnado, en cambio, envíanse libros.

1906
portada facultade xeografía e historia
Portada da Real Universidade (actual Facultade de Xeografía e Historia)
Ramón Núñez
1902

A ampliación da Real Universidade, cun andar máis, outorgoulle un novo sentido á súa portada. Así a orixinaria -que segue a opción proposta por José Pérez Machado en 1799, con esculturas de José Ferreiro (1803)- é alterada desde o proxecto datado en 1889 e asinado por Ricardo Velázquez Bosco, levado a cabo entre 1894 e 1906. No relativo a esta portada cabe supoñer un papel relevante do propio Montero Ríos como mentor, en tanto que será Ramón Núñez quen se encarga do programa escultórico, datado en 1902.

Un relevo alusivo a Minerva -ou “a Sabenza coroando a mocidade estudosa”- , entre medallóns que nos mostran a Diego de Muros e Alonso de Fonseca, acompáñase de figuras en pé que representan a Lope Gómez de Marzoa, Álvaro de Cadaval, Conde de Monterrey (Manuel Acevedo y Zuñiga) e Juan de Ulloa. Todo isto coróase co escudo real entre portadores.

1902
Antonio Casares (vítor)
Vítor de Antonio Casares Rodríguez
Manuel Rodríguez
1889

É obra de Manuel Rodríguez, a datar en 1889. Presídeo unha Minerva sedente que está impoñendo unha coroa a un marmóreo busto clásico que nos mostra a Antonio Casares (1812-1888). Ante dito soporte está o escudo da Universidade. Diverso instrumental alude ao seu quefacer como químico e farmacéutico, así como en relación coa medicina. Tamén, ante a masa nebulosa sobre a que se asenta a deusa Minerva, pode verse unha barreta azul -alusiva aos seus estudos de Filosofía-. Todo o que está á dereita de Minerva representa a Universidade de Compostela. Móstrase tamén unha representación da Historia e un epígrafe.

1889
Domingo Fontán
Vítor de Domingo Fontán
Elvira Santiso García
ca 1940

Neste vítor o retrato do personaxe (1788-1866) evoca o que pode verse nun dos nove medallóns do Paraninfo. Neste caso, pártese da obra máis significativa deste catedrático: o primeiro mapa de Galicia que pode considerarse realizado con criterios científicos e que vale como fondo non só ao retrato, senón tamén á cartela que se dispón abaixo, inserida nunha cruz de Santiago. Un globo terráqueo, unha regra, un compás, libros, algún mapa…, todo isto disposto nunha base que ocupa a parte inferior desta obra e que completa a composición proposta por Elvira Santiso, a pintora asinante desta obra.

Eugenio Montero Ríos
Vítor de Eugenio Montero Ríos
Mariano Tito Vázquez
1901

Eugenio Montero Ríos (1832-1914) foi estudante e catedrático de Dereito Canónico en Santiago. Está recoñecido cun vítor nesta Universidade, probablemente cando foi designado Ministro de Graza e Xustiza (1871-1873); reutilizouse dedicándollo a Joaquín Díaz de Rábago. O actual é obra de Tito Vázquez e dátase en 1913. Conta cun retrato seu na parte alta e un largo epígrafe abaixo. Iníciase así un formato que, trala concreción do Paraninfo, van seguir outros vítores.

1901
Felipe González Abarca
Vítor de Felipe González Abarca
Autoría descoñecida
1816

Felipe González Abarca é natural de Avilés (1765-1842). En 1807 recoñécenselle os seus graos pola Universidade compostelá. A concreción do vítor dedicado a este prelado, da orde dos mercedarios, estrutúrase dispoñendo baixo un capelo episcopal un par de escudos -un mercedario e o outro da Universidade compostelá- separados por unha cruz episcopal. Completan a composición dúas figuras infantís núas aos lados, sendo unha delas alada. Unha leva unha mitra e a outra un báculo. Acompáñase todo dunha lenda na que se data a obra en 1816, tras a súa elección como bispo de Ibiza.

1816
Gumersindo Busto
Vítor de Gumersindo Busto
Elvira Santiso García
1947

Gumersindo Busto naceu en San Martiño de Laraño, Santiago (1872-1937). Emigra a Uruguai e, máis tarde, a Arxentina. A el débese a creación da Biblioteca América da universidade compostelá, inaugurada en 1926. O vítor co que se lle distingue parte dun retrato seu, nun marco ovalado que presenta, arriba, unha lenda que di: UNA, GRANDE, LIBRE; encima, na parte central, pode verse a aguia de San Xoán, utilizada no escudo de España da época na que se realiza esta pintura. Disponse unha ampla cartela baixo o citado retrato. É obra de 1947 e débese a Elvira Santiso.

1947
Jacobo Gil Villanueva
Vítor de Jacobo Gil Villanueva
Francisco Asorey
1923

Jacobo Gil Villanueva naceu e morreu en Compostela (1831-1906). En 1857 é catedrático de Dereito Civil da Universidade de Santiago; tamén será reitor (1890-1891, 1904-1906). O seu vítor é unha obra escultórica na que se suman un retrato, un sucinto encadre e unha epígrafe. Preséntase o personaxe en forma de busto, coa muceta negra, propia do reitor, lucindo a medalla. Polo que se refire ao rostro, parece seguirse unha imaxe súa correspondente a 1905. Apoia o seu brazo esquerdo nun libro cuxo lombo di: DE LOS CENSOS, referíndose ao seu libro “De los censos, según la legislación general de España”. Fíxoo Francisco Asorey en 1923 e está localizado na entrada do Paraninfo.

1923
Joaquín Díaz de Rábago
Vítor de Joaquín Díaz de Rábago
Autoría descoñecida
pintura: ca 1871-1873 epígrafe: ca 1913

Neste caso, o vítor móstranos unha representación da Xustiza, sedente, acompañada de dous ignudi; tamén pode verse aquí un escudo da Universidade compostelá. Polo seu estilo cabe encadrar esta obra cara a 1870-1875, algo impropio se do que se trata é de render homenaxe a Joaquín Díaz de Rábago (1837-1860), personaxe ao que se alude no correspondente epígrafe. É moi probable que esteamos ante un vítor reaproveitado alá por 1913 e dedicado, inicialmente, a Eugenio Montero Ríos.

José Rodríguez Carracido
Vítor de José Rodríguez Carracido
Fernando Martín Marqués
ca 1920

José Rodríguez Carracido naceu en Santiago de Compostela (1856-1928), licenciouse en Farmacia pola Universidade de Santiago (1874) e doutorouse na de Madrid (1875). Neste caso, o vítor divide o espazo en tres partes seguindo, en certa maneira, as pautas marcadas por Tito Vázquez no vítor que realiza de Montero Ríos en 1913. Vai introducir, como naquel, a súa imaxe nun medallón. Unha segunda parte está protagonizada polas dúas figuras sedentes, que se mostran coas cores propias dunha grisalla dispostas de costas e partindo dunha mesma base. Como terceira parte, unha epígrafe completa o espazo do vítor. Datada en 1916, é obra do pintor Fernando Martín Marqués.

José Rodríguez González
Vítor de José Rodríguez González
Autoría descoñecida
Ca. 1856

José Rodríguez González naceu en Bermés, Lalín (1770-1824). Foi colexial de San Xerome. Dedicouse, entre outras materias, ás matemáticas e á astronomía. O seu vítor presenta un único escudo, o da Universidade, entre dous ignudi que neste caso non se vinculan tanto coa parte heráldica, á que acompañan a cada lado, senón co papel de presentarnos, un deles uns prismáticos -ademais doutro instrumento de medición, cunha chumbada- e o outro, un globo terráqueo e un mapa. Pódese distinguir tamén neste caso algún instrumento de medición no chan. Nun e noutro lado poden contemplarse, tamén nesa parte baixa, coroas de grilandas. Estamos, por outra parte, ante un modo de narrar que resulta moi próximo ao exposto por José Ferreiro na portada da Universidade. Conta con epígrafe e cabe datalo cara a 1856.

varelademontes
Vítor de José Varela Montes
Elvira Santiso
1940

Este vítor dátase en 1940. É obra da pintora Elvira Santiso. Na súa composición cabe valorar tres partes: un retrato, unha ambientación complementaria e un epígrafe. No relativo ao retrato de Varela de Montes (1796-1868), está disposto na parte alta e media, nun marco ovalado rodeado de loureiro. Copia, nas súas formas, o realizado por Dionisio Fierros. Baixo o retrato pode verse unha disección anatómica que evoca a representada na propia Facultade de Medicina á que se fai, así, referencia, así como aos seus estudos, mostrando libros, apuntamentos e recipientes utilizados para a atención médica. O epígrafe disponse, como é común, na parte inferior.

1940
Luis Iglesias
Vítor de Luis Iglesias
Autoría descoñecida
1830

Luis Iglesias inicia a súa vida (1768-1868) como franciscano aos 15 anos, en 1782. É doutor na Universidade de Santiago en 1808. Os franciscanos elixirano, nemine discrepante, Xeneral o 29 de maio de 1830. O seu vítor é un escudo con armas propias dos franciscanos que se acompaña doutro, propio da Universidade compostelá. Ambos están enlazados e unidos na súa parte alta coas letras características do vítor. Unha figura alegórica da Igrexa, coroada coa tiara pontificia, preséntase sedente ao lado do escudo franciscano, mentres que o outro mostra unha representación de Minerva cunha coroa de loureiro na súa destra, honrando deste modo o personaxe na súa faceta universitaria. Conta, como é común, con inscrición datada en 1830.

1830
Luis Rodríguez de Viguri
Vítor de Luis Rodríguez de Viguri
Fernando Martín Marqués
1923

Rodríguez de Viguri naceu en Santiago (1881-1945). Cursou a licenciatura de Dereito en Santiago e doutorouse en Madrid. O seu vítor presenta tres partes. Na parte superior hai un frontón no que pode verse unha balanza, unha espada, un cetro e un libro aberto, alusivos ao Dereito, todo isto significando a Xustiza. Abaixo, aos lados, hai dúas cariátides. A da dereita leva un cetro relacionado co deus Mercurio, alusivo aos labores do corpo diplomático ao que pertence e entre ambas móstrase un retrato do persoeiro. Un epígrafe alusivo a Viguri cobre a zona inferior. É obra de Fernando Martín Marqués, de 1923.

1923
Manuel Fernández Varela
Vítor de Manuel Fernández Varela
Autoría desconocida
1827

Neste vítor, unha figura de Apolo leva na súa man dereita unha coroa e na outra a lira que o personaliza. Dita coroa vai poñela sobre o escudo que identifica o personaxe e que se mostra, tamén, distinguido coa cruz e banda de Carlos III. Ao outro lado, unha figura de Minerva sedente apoiada sobre outro escudo -o da Universidade- mantén na súa man unha barreta, en actitude de entrega, tamén relacionada co escudo de Fernández Varela (1772-1834). Todo discorre a ceo aberto, nunha mitolóxica paisaxe na que se distinguen, entre outros motivos, un templo de forma redonda -o templo da Sabedoría-; un personaxe voando, tocando unha trompeta símbolo da Fama; e o cabalo de Pegaso, alzando tamén o voo. Na inscrición correspondente figura unha data: 1827 (?).

1827
vítor Toribio Mogrovejo
Vítor de Santo Toribio de Mogrovejo
Autoría descoñecida
ca 1850

Santo Toribio de Mogrovejo (1538-1606) recibiu o grao de licenciado en Canons en Santiago en 1568. A partir de 1767 conta cun retablo propio na igrexa dos xesuítas, hoxe da Universidade. O seu vítor dispúxose sobre a porta que enlaza co templo desde o claustro universitario. Un escudo de armas enaltecido por un dosel e os voos duns anxos, así como a mitra, o palio e o báculo, alusivos á condición de prelado e á escribanía e uns documentos relativos ao seu papel de escritor, completan a composición con longo epígrafe relativo á súa persoa. Garda afinidades con obras do pintor José Garabalo Louzao e outros vítores realizados arredor a 1850.

Saturnino Calderón y Collantes
Vítor de Saturnino Calderón y Collantes
Atribuído a José Garabal Louzao
Ca. 1863

Naceu en Reinosa (1799-1864). Estudou en Santiago entre 1823 e 1829, concretamente Leis. O seu vítor presenta un escudo que se corresponde cos Calderón y Collantes. Sobre el pode verse un helmo tras o que sobresae un brazo armado de espada. Baixo o escudo móstranse tres condecoracións relativas ao personaxe. No centro, a correspondente á Orde de Carlos III. Á súa dereita pode verse a medalla relativa ao Gran Cordón da Lexión de Honor e ao outro lado a Orde Piana, ou de Pío IX. Na base desenvólvese a correspondente epígrafe. É obra vinculada ao pintor José Garabal Louzao e debe datarse pouco antes do ano 1863.