Con Pablo Sanz Pedrero (1921-2004), que foi reitor entre 1975 e 1978, é cando a Reitoría é situada no antigo Colexio de San Xerome, tralas pertinentes obras de acondicionamento. Tal reutilización deste antigo espazo colexial forma parte dun proceso de ampliación da Universidade galega, tanto en Compostela como no resto de Galicia.
A data do seu retrato, 1978, coincide coa conclusión do seu mandato e faise para estar no Colexio de San Xerome, na súa condición de Reitoría. Está asinado por Felipe Criado. Preséntao sedente, distinguido coa medalla de reitor e, no seu caso, atendendo aos estudos propios da súa cátedra. Os puños da súa toga son de cor morada, correspondente a Farmacia.