Ramón Villares naceu en Cazás (Lugo) en 1951. Foi reitor entre os anos 1990 e 1994. Selecciónase o pintor hiperrealista Rogelio Puente (1936-1996) para facer o seu retrato. Elixe para a ocasión o claustro do que foi edificio central da Universidade e que actualmente é Facultade de Xeografía e Historia, na que este catedrático de Historia Contemporánea foi tamén decano (1986-1990). Está de pé, vestido como reitor, coa súa medalla no peito e portando na súa destra as luvas brancas e a negra barreta, propia do cargo. Na outra man leva un libro, dándolle a súa condición de historiador contido ao xesto. Estamos ante un dos últimos pacientes traballos dun dos máis destacados expoñentes do hiperrealismo na pintura de Galicia.