Débense a Vicente Prego (1957) os retratos de Jesús Otero Costas (1942) -catedrático de Fisioloxía da Facultade de Medicina de Santiago en 1983 e decano desde 1984 a 1989-, Andrés Beiras Iglesias (1947) e Juan Jesús Gestal Otero (1947). Seguen unhas pautas similares: uso do traxe académico e medio corpo. Hai, con todo, matices diferenciais; así, o que nos mostra a Otero Costas preséntase cun libro baixo o brazo e unha serie de instrumentos para o rexistro neurofisiolóxico, relacionados co quefacer deste profesor. Son, en todo caso, retratos feitos sobre personaxes que o pintor coñece persoalmente, con independencia de que tamén utilice a fotografía á hora de acometer o traballo.