Juan Viaño, nacido en San Verísimo de Sergude (Boqueixón, A Coruña) en 1955, foi reitor entre os anos 2014 e 2018. É o pintor Vicente Prego (A Coruña, 1957) quen constrúe este retrato partindo da conxunción de dous espazos: un, interior, e outro, exterior. En primeiro lugar, o retratado preséntase nunha estancia; móstrase de pé, co traxe académico de gala. Terma nas súas mans dun libro: as actas do XXV International Congress of Mathematicians (ICM). No andel que pode verse ao carón, hai, ademais de libros, tres obxectos alusivos, tamén, á ciencia matemática: unha buguina mariña, directamente conectada coa espiral e a sucesión de Fibonacci que, á súa vez, teñen unha íntima relación co número de ouro e a proporción áurea ou proporción divina que define o compás áureo. Ábrese o espazo, cara a outro, exterior, mediante unha xanela pola que se pode ver o Pico Sacro, tal como se contempla desde ese Sergude natal, tan sentido, e tan vivido, polo reitor Viaño.