Itinerario: Gabinete de Curiosidades

O Gabinete de Curiosidades da Universidade de Santiago de Compostela foi creado en 1841 como unha sección complementaria da Cátedra de Historia Natural, constituída un ano antes. Ao longo do tempo, o Gabinte foi incorporando diferentes obxectos e pezas, froito na súa maior parte de doazóns de particulares. O Gabinete como tal desapareceu nos anos '30 do século XX; as pezas que aínda se conservan están acubilladas no Salón de Graos e na Sala Reitoral de Recepcións do Colexio de San Xerome.

Vaso de corno de rinoceronte 1

Vaso chinés realizado en corno de rinoceronte esculpido con motivos de polbos. Forma parella con outro vaso similar, acubillados os dous nunha vitrina no cadeirado do salón de graos de San Xerome. Forma parte da colección coñecida como Gabinete de Curiosidades creado en 1841. 

Vaso de corno de rinoceronte 2

Vaso chinés realizado en corno de rinoceronte esculpido con motivos de polbos. Forma parella con outro vaso similar, acubillados os dous nunha vitrina no cadeirado do salón de graos de San Xerome. Forma parte da colección coñecida como Gabinete de Curiosidades creado en 1841.

Raiz de árbore tallada

Raíz de árbore (mandrágora?) tallada. Realizada en dúas pezas unidas por espigos. Nun dos extremos vemos a cara dun home con barba. Peza situada no cadeirado dereito do salón de graos de San Xerome. Forma parte do coñecido como Gabinete de Curiosidades creado en 1841 como elemento complementario da cátedra de Historia Natural.

Figura feminina en ámbar

Pequena escultura que representa unha figura feminina con cabelo longo, vestindo unha túnica. O corpo da figura e o cabelo parecen de ámbar e a cara de óso, marfil ou material cerámico pintado. Está realizada en dúas pezas unidas na cintura. Peza situada no cadeirado dereito do salón de graos de San Xerome. Posiblemente formaba parte do Gabinete de Curiosidades, aínda que este extremo non está documentado.

Reloxo de peto esmaltado

Reloxo de peto de metal e porcelana esmaltada. Decorado no exterior cos retratos de Filipe IV e o príncipe Baltasar Carlos de Austria e no interior cunha infanta. Está documentado como da época de Filipe IV (1621-1640). Gardado na vitrina dereita do cadeirado do salón de graos de San Xerome. Forma parte do Gabinete de Curiosidades creado en 1841.

Vaso de marfil con tapa

Vaso con tapa decorado en relevo con cupidos. Copia dos xerróns de Villa Medici. Gardado na vitrina dereita do cadeirado do salón de graos de San Xerome. Forma parte do Gabinete de Curiosidades creado en 1841 como elemento complementario da cátedra de Historia Natural.

Tabaqueira de marfil

Caixa de rapé de prata e marfil decorada en relevo nun lado con motivos florais e no outro cunha batalla. Asinada no pé: "MFF Fecit". Gardada na vitrina dereita do cadeirado do salón de graos de San Xerome. 

Tabaqueira de marfil lobulada

Caixa de rapé de prata e marfil decorada minuciosamente en relevo nun dos lados coa escena bíblica de Esther e Amán e no outro con motivos florais e xeométricos. Gardada na vitrina dereita do cadeirado do salón de graos de San Xerome. 

Bóla de Cantón 1

Bóla de Cantón en marfil tallado de estilo Netsuke. Son esferas caladas concéntricas, unha dentro da outra a partir dunha bóla compacta. Neste exemplar, a capa exterior decórase cun campo de círculos que crean formas floreadas coas súas interseccións, e as capas interiores, cun patrón de cruces gregas. Gardada na vitrina dereita do cadeirado do salón de graos de San Xerome. 

Bóla de Cantón 2

Bóla de Cantón en marfil tallado de estilo Netsuke. Son esferas caladas concéntricas, unha dentro da outra a partir dunha bóla compacta. Este exemplar está adornado con estilizacións vexetais de carácter naturalista. Gardada na vitrina dereita do cadeirado do salón de graos de San Xerome. 

Xerra de cobre

Xerra en cobre fundido, con decoración en relevo que representa o episodio histórico lendario do rapto das Sabinas. A asa ten forma de figura feminina e ten un cabuxón no que parece faltar unha pedra incrustada. Está situada na vitrina dereita do cadeirado do salón de graos de San Xerome. Forma parte do Gabinete de Curiosidades creado en 1841 como elemento complementario da cátedra de Historia Natural.

 

Recipiente de mate

Mate con bombilla. Doazón de dona Elvira Ares y Parga (Ferrol) cara finais do século XIX (1880-1890) para o Gabinete de Curiosidades da Universidade, creado en 1841. Neste caso, o recipiente é tradicional, feito de cabaza no que se talla a decoración externa, aínda que é particular na súa forma con asa de cabaza. A bombilla, a boca e o pé do recipiente están feitas en prata.

Cunca polilobulada de cristal de rocha

Cunca de cristal de forma lobulada sen decoración. Forma conxunto cunha xerra e unha bandexa, tamén de cristal, e está datada na época de Filipe IV (1606-1665). Está situada na vitrina esquerda do cadeirado do salón de graos de San Xerome e forma parte do Gabinete de Curiosidades creado en 1841.

Xerra de cristal de rocha

Xerra de cristal e bronce de base campaniforme, profusamente decorada con motivos vexetais. Forma conxunto cunha cunca e unha bandexa, tamén de cristal, e está datada en tempos de Filipe IV (1604-1665). Está situada na vitrina esquerda do cadeirado do salón de graos de San Xerome e forma parte do Gabinete de Curiosidades creado en 1841. 

Bandexa octogonal de cristal de rocha

Peza da época de Filipe IV pertencente ao Gabinete de Curiosidades, creado en 1841, e que forma conxunto cunha cunca e unha xerra, tamén de cristal. Consta dunha estrutura de metal (bronce), totalmente decorada con motivos xeométricos, que consiste no perímetro da base octogonal da peza, os pés (que se encontran nos ángulos) e as respectivas prolongacións. A base e as caras da peza son de cristal de rocha, tendo estas últimas un remate dentado e unha banda ornamental, de motivos ovais separados por flores de lis, na súa parte superior. A decoración complétase coa presenza de paxaros e formas vexetais na base. Está situada na vitrina esquerda do cadeirado do salón de graos de San Xerome.

Anfítrite

Escultura de bronce dourado que representa a Anfítrite sostendo unha buguina ou cuncha de tritón e apoiada nun golfiño. Segundo a mitoloxía grega, Poseidón namórase de Anfítrite, unha nereida, e envía a Golfiño como mensaxeiro para convencela do seu amor. Sensual e mórbida, a figura descrebe un leve "S" co seu corpo, enmarcándose dentro dos parámetros estilísticos do manierismo. Posiblemente da época de Carlos V (1500-1558). Está situada na vitrina esquerda do cadeirado do salón de graos de San Xerome e forma parte do Gabinete de Curiosidades creado en 1841 como elemento complementario da cátedra de Historia Natural.

Bandexa de nácar

Bandexa redonda, a alma feita de madeira sobre a cal está incrustada unha decoración de nácar e outras pedras ámbar e azuis. Posiblemente de orixe filipina. Pertencía ao Gabinete de Curiosidades creado en 1841. Está datada na época de Filipe IV (1606-1665).

Bandexa de ágatas

Bandexa de bronce dourado, decorado en relevo con motivos vexetais e florais e nove ágatas engarzadas. Posiblemente da época de Filipe IV (1606-1665). Formaba parte do Gabinete de Curiosidades, que foi creado en 1841. No reverso figura unha pegatina que di: "Rectorado/fuente de bronce 154"

Fuxida a Exipto

Bandexa policromada de xaspe, metal e madeira de forma octogonal. No centro conta cunha representación da fuxida a Exipto da sagrada familia. Está decorada en cinco dos lados con elementos dourados cada un deles cunha cara no centro. Hai unha peza moi similar no Mosteiro da Encarnación de Madrid; neste caso é un cadro relicario italiano de 1624. Forma parte do Gabinete de Curiosidades creado en 1841.

Dánae

Pequeno relevo feito en marfil, copia da famosa Dánae recibindo a choiva de ouro de Tiziano que se conserva no Museo do Prado, obra na que se relata o episodio mitolóxico no que Zeus metamorféase en chuvia de ouro para seducir a Dánae, encerrada polo seu pai precisamente para que non se lle achegara pretendente ningún. Unha miniatura de delicadeza na factura, enmarcada en madeira tallada e dourada. A peza forma parte da colección de antigüidades e obxectos artísticos do Gabinete de Curiosidades, creado en 1841.