Itinerario: Minerva Compostelá
Minerva convértese en arquitectura, escultura e pintura -é dicir, en Arte- nas cinco veces centenaria universidade compostelá. É ela quen preside a entrada do edificio que é actualmente Facultade de Xeografía e Historia e que, no seu día, serviu como espazo principal á Real Universidade de Santiago. Neste mesmo lugar localizábase anteriormente a grandiosa representación da deusa que hoxe se encontra na actual Facultade de Química, antes de Ciencias, realizada polo escultor José Ferreiro cuxo nome se garda entre os que, a modo de friso, se mostran no Paraninfo Universitario. Tamén é Minerva quen acubilla a aqueles que penetran no espazo do seu Paraninfo; alí está, no alto, entre profesores e alumnos. E cando algún deles recibe a honra dun vítor, algún dos artistas que os representan aluden á propia Minerva para relacionalos co culto á sabedoría. Pódese ver isto no de Antonio Casares, nas proximidades do Paraninfo, e tamén no Colexio de Fonseca, no que distingue a Manuel Rodríguez Carracido, lembrándonos que alí estivo a Facultade de Farmacia, materia na que el foi referencia. En tanto na Facultade de Dereito, quen a visita pode atoparse coa nosa deusa nos vítores de Manuel Fernández Varela, Luís Iglesias e Manuel Colmeiro.
O Paraninfo: Minerva
Esta pintura central, e de maiores dimensións do teito do Paraninfo universitario compostelán, débese a Fenollera. Disponse nun espazo intermedio entre o ocupado polo profesorado e o alumnado. Está presidida pola imaxe sedente de Minerva ante a que se mostra unha muller vestida de verde, que simboliza a propia universidade galega.
Na parte do profesorado, o que se testemuña é o seu recoñecemento. Por iso, cara a aí oriéntase un xenio portando un diploma ou título que ofrece un bonete de doutor. Cara ao alumnado, en cambio, envíanse libros.
Vítor de Manuel Fernández Varela
Neste vítor, unha figura de Apolo leva na súa man dereita unha coroa e na outra a lira que o personaliza. Dita coroa vai poñela sobre o escudo que identifica o personaxe e que se mostra, tamén, distinguido coa cruz e banda de Carlos III. Ao outro lado, unha figura de Minerva sedente apoiada sobre outro escudo -o da Universidade- mantén na súa man unha barreta, en actitude de entrega, tamén relacionada co escudo de Fernández Varela (1772-1834). Todo discorre a ceo aberto, nunha mitolóxica paisaxe na que se distinguen, entre outros motivos, un templo de forma redonda -o templo da Sabedoría-; un personaxe voando, tocando unha trompeta símbolo da Fama; e o cabalo de Pegaso, alzando tamén o voo. Na inscrición correspondente figura unha data: 1827 (?).
Vítor de Luis Iglesias
Luis Iglesias inicia a súa vida (1768-1868) como franciscano aos 15 anos, en 1782. É doutor na Universidade de Santiago en 1808. Os franciscanos elixirano, nemine discrepante, Xeneral o 29 de maio de 1830. O seu vítor é un escudo con armas propias dos franciscanos que se acompaña doutro, propio da Universidade compostelá. Ambos están enlazados e unidos na súa parte alta coas letras características do vítor. Unha figura alegórica da Igrexa, coroada coa tiara pontificia, preséntase sedente ao lado do escudo franciscano, mentres que o outro mostra unha representación de Minerva cunha coroa de loureiro na súa destra, honrando deste modo o personaxe na súa faceta universitaria. Conta, como é común, con inscrición datada en 1830.
Vítor de Manuel Colmeiro y Penido
Manuel Colmeiro y Penido naceu en Santiago (1818-1894). En 1847 obtén dúas cátedras: a de Economía Política en Santiago e a de Dereito Administrativo en Madrid. O vítor que lle corresponde prescinde da imaxe do personaxe, a quen se alude a través dunha longa epígrafe, incluída nunha forma que se aproxima á dun gran escudo. Nel apóiase unha Minerva con atributos da Xustiza. Trátase neste caso dunha obra pintada por Manuel López Garabal, datada en 1950.
Facultade de Química. Portada
A Facultade de Ciencias (agora de Química) levántase na chamada “Residencia”. Encoméndaselle a Jenaro de la Fuente (1961). En certo modo, o arquitecto presenta esta portada evocando a do edificio da Universidade, do que proviña o grupo presidido por Minerva, hoxe aquí situado tras ser retirado do seu lugar orixinal e pasar por diferentes espazos. Ten en conta tamén o estilo ao que responde en xeral a urbanización da “Residencia”, tan vinculada á súa persoa. Foi José Ferreiro quen, seguindo o disposto pola Xunta de Obras da Universidade, levou a cabo este grupo escultórico (1803).
Portada da Real Universidade (actual Facultade de Xeografía e Historia)
A ampliación da Real Universidade, cun andar máis, outorgoulle un novo sentido á súa portada. Así a orixinaria -que segue a opción proposta por José Pérez Machado en 1799, con esculturas de José Ferreiro (1803)- é alterada desde o proxecto datado en 1889 e asinado por Ricardo Velázquez Bosco, levado a cabo entre 1894 e 1906. No relativo a esta portada cabe supoñer un papel relevante do propio Montero Ríos como mentor, en tanto que será Ramón Núñez quen se encarga do programa escultórico, datado en 1902.
Un relevo alusivo a Minerva -ou “a Sabenza coroando a mocidade estudosa”- , entre medallóns que nos mostran a Diego de Muros e Alonso de Fonseca, acompáñase de figuras en pé que representan a Lope Gómez de Marzoa, Álvaro de Cadaval, Conde de Monterrey (Manuel Acevedo y Zuñiga) e Juan de Ulloa. Todo isto coróase co escudo real entre portadores.
Vítor de José Rodríguez Carracido
A Facultade de Farmacia, asentada no seu momento no Colexio de Fonseca, dedicoulle un lugar de honra a José Rodríguez Carracido: o centro do espazo da escaleira que enlaza as súas dúas alturas. Alí disporase un vítor en 1924, realizado por Francisco Asorey. Quen é obxecto del móstrase sedente, nunha gran cadeira de brazos da que vemos o seu alto respaldo e tras el, como sinala Otero Túñez, acubíllao “o perfil da deusa Minerva”.
Disponse unha longa epígrafe na súa parte inferior.
Orla de Filosofia e Letras 1950
Orla da facultade de Filosofia e Letras da promoción 1949-1950. Na súa ornementación, inspirada na Grecia clásica, figura unha representación de Minerva.