Itinerario: Reitores

A máxima autoridade académica dunha universidade é o reitor. Ao longo dos cinco séculos de historia da Universidade de Santiago de Compostela foron máis de 200 os que ocuparon este cargo e, aínda que non se conservan retratos de todos, neste museo virtual podemos contemplar unha selección deles.

 

 

Juan Viaño Rey

Juan Viaño, nacido en San Verísimo de Sergude (Boqueixón, A Coruña) en 1955, foi reitor entre os anos 2014 e 2018. É o pintor Vicente Prego (A Coruña, 1957) quen constrúe este retrato partindo da conxunción de dous espazos: un, interior, e outro, exterior. En primeiro lugar, o retratado preséntase nunha estancia; móstrase de pé, co traxe académico de gala. Terma nas súas mans dun libro: as actas do XXV International Congress of Mathematicians (ICM). No andel que pode verse ao carón, hai, ademais de libros, tres obxectos alusivos, tamén, á ciencia matemática: unha buguina mariña, directamente conectada coa espiral e a sucesión de Fibonacci que, á súa vez, teñen unha íntima relación co número de ouro e a proporción áurea ou proporción divina que define o compás áureo. Ábrese o espazo, cara a outro, exterior, mediante unha xanela pola que se pode ver o Pico Sacro, tal como se contempla desde ese Sergude natal, tan sentido, e tan vivido, polo reitor Viaño.

Juan Casares Long

Este retrato realízase ao concluír o mandato de Juan José Casares Long como reitor entre os anos 2010 e 2014. Nacido na Coruña en 1950, estudou a Licenciatura de Química en Santiago e doutorouse na Autónoma de Barcelona en Enxeñaría Química. A súa primeira cátedra obtena na Universidade de Sevilla (1988) e, desde alí, trasládase á de Cantabria. Desde o ano 2001 imparte docencia a tempo completo na Universidade compostelá.

É Rafael Romero Masiá, pintor compostelán nado en 1952, quen leva a cabo este retrato. As insignias da Universidade compostelá aparecen a carón da figura do reitor, logrando o artista fixar unha imaxe realista del. Porta o bastón reitoral como atributo identificador das responsabilidades exercidas.

Darío Villanueva

Darío Villanueva naceu en Vilalba (Lugo) en 1950. Foi reitor entre os anos 1994 e 2002. Quessada (1937-2007) é o pintor a quen se lle encomendou este retrato no que o retratado aparece sedente coa indumentaria propia de reitor. No seu colo está pousado un enigmático esquío, o que lle outorga a este cadro un certo cariz misterioso; neste caso debe relacionarse coas súas vivencias como reitor, xa que no claustro de San Xerome, polo seu tempo, naquel antigo colexio, podía verse un exemplar desta especie. Da relación do reitor con este pintor dá conta a seguinte dedicatoria: “a mi buen amigo Darío Villanueva- V- 2002”.

A evocación dalgún dos retratos de Francis Bacon parecen suxerir modos a este pintor, tan bo intérprete das máis excelsas voces da arte contemporánea.

Ramón Villares

Ramón Villares naceu en Cazás (Lugo) en 1951. Foi reitor entre os anos 1990 e 1994. Selecciónase o pintor hiperrealista Rogelio Puente (1936-1996) para facer o seu retrato. Elixe para a ocasión o claustro do que foi edificio central da Universidade e que actualmente é Facultade de Xeografía e Historia, na que este catedrático de Historia Contemporánea foi tamén decano (1986-1990). Está de pé, vestido como reitor, coa súa medalla no peito e portando na súa destra as luvas brancas e a negra barreta, propia do cargo. Na outra man leva un libro, dándolle a súa condición de historiador contido ao xesto. Estamos ante un dos últimos pacientes traballos dun dos máis destacados expoñentes do hiperrealismo na pintura de Galicia.

Carlos Pajares

Carlos Pajares naceu en Madrid en 1945. Foi reitor entre 1984 e 1990. O seu retrato está asinado por Siro, Siro López Lorenzo (1947), humorista gráfico, caricaturista e ensaísta, condicións que, en certo modo, supoñen esta aproximación a Pajares, catedrático de Física Teórica. Sen romper a ortodoxia académica, o personaxe aparece coa indumentaria propia do cargo, posando en pé, coas súas mans xuntas e cunha mirada viva e un tanto riseira, afastándoo da usual severidade coa que se presenta aos reitores. Tras el podemos ver un fondo decorativo que evoca a cadeira presidencial do Paraninfo da Universidade compostelá.

José María Suárez Núñez

A vida de Suárez Núñez transcorre entre 1932 e 1987. Foi reitor entre os anos 1979 e 1984. María Carrera preséntao no seu despacho, ante unha mesa cuberta cunha ornamentada tea amarela, quizais para vinculalo deste modo cos estudos de Medicina dada a súa condición de catedrático de Anatomía. Posa sentado, cun brazo sobre dita mesa, levando na súa man esquerda un libro, en tanto que na outra, mantén o bastón de mando. A súa indumentaria é a propia dun reitor, coa súa medalla ao peito e, no fondo, pode verse un andel con libros e un cortinado verde que completan a composición. El foi o responsable da posta en marcha desta galería reitoral na nova Reitoría e co seu retrato conclúe a achega desta artista a ela.

Pablo Sanz Pedrero

Con Pablo Sanz Pedrero (1921-2004), que foi reitor entre 1975 e 1978, é cando a Reitoría é situada no antigo Colexio de San Xerome, tralas pertinentes obras de acondicionamento. Tal reutilización deste antigo espazo colexial forma parte dun proceso de ampliación da Universidade galega, tanto en Compostela como no resto de Galicia.

A data do seu retrato, 1978, coincide coa conclusión do seu mandato e faise para estar no Colexio de San Xerome, na súa condición de Reitoría. Está asinado por Felipe Criado. Preséntao sedente, distinguido coa medalla de reitor e, no seu caso, atendendo aos estudos propios da súa cátedra. Os puños da súa toga son de cor morada, correspondente a Farmacia.

Manuel Lucas Álvarez

Manuel Lucas naceu en 1917 en Santiago, cidade na que morreu no ano 2014. Foi reitor entre 1974 e 1975. Neste caso, a pintora María Carrera preséntao nun exterior: o centro do patio do Colexio de San Xerome, ao lado da fonte que fora realizada a xeito de adorno dentro do proceso de conversión deste edificio en Reitoría. Móstrase en pé, coa vara de mando na súa esquerda e levando na outra man un documento co que se pretende facer referencia á súa condición de paleógrafo, estudos dos que é catedrático en Compostela desde 1953. Mantén a tradición dos demais retratos que esta autora fai para esta galería reitoral. Outro retrato seu gárdase hoxe na aula magna da Facultade de Xeografía e Historia.

José Ramón Masaguer

José Ramón Masaguer naceu en Vigo en 1924 e faleceu en 1997. Foi reitor entre 1972 e 1974 e, posteriormente, en 1976 trasládase á Autónoma na súa condición de catedrático de Química Inorgánica. A pintora María Carrera preséntao na soidade do laboratorio, nun espazo iluminado por unha ventá. Está en pé, ante unha mesa na que se acumulan materiais e instrumental propio do seu quefacer como químico. A súa indumentaria, en cambio, é a propia dun reitor, coa medalla ao peito. O interese pola luz resulta, neste caso, notorio. Segue, no xeral, as fórmulas propostas por esta artista para concretar a galería reitoral.

Manuel Jesús García Garrido

Retrato de tres cuartos de Manuel Jesús García Garrido; este aparece representado de pé, sobre un fondo neutro. A figura viste a característica toga negra, coas bocamangas brancas bordadas; baixo a toga vese a camisa e paxariña branca. Represéntase coa cruz reitoral que pende sobre un cordón. O reitor aparece lixeiramente xirado e apoia a súa man dereita sobre unha cadeira tapizada en verde que, disposta diagonalmente, contribúe a crear a sensación de espazo. A autora centra a atención no rostro do retratado, iluminándoo cun foco de luz; en relación coa técnica, traballa máis coas cualidades pictóricas restándolle importancia ao debuxo, e difuminando o perfil da figura contra o fondo. Asinado a. i. d.: "M. Carrera"

Ángel Jorge Echeverri

J. Fernández Sánchez, que asina esta pintura realizada para a galería de retratos da Reitoría, preséntao sentado, coa vara de mando da Universidade na súa dereita e unha cartela que di: ET AB/ EIUS /LABORE OECONOMIAE FACULTAS NATA EST (pola súa capacidade de traballo, a economía está destinada a ser…). Os puños da súa toga son amarelos, a cor propia de Medicina. Sobre o seu peito, ademais da medalla de reitor, abundan as condecoracións xa que, neste sentido, ten as seguintes: “…polo Goberno Portugués, coa Orde de Instrución Pública; Orde Militar de Cristo de Portugal; Gran Cruz da Orde Civil de Sanidade, con distintivo branco; Gran Cruz do Mérito Naval con distintivo branco; Gran Cruz de Afonso X o Sabio; Gran Oficial da Orde do Infante D. Enrique de Portugal”.

Luis Legaz Lacambra

Coa reitoría de José María Suárez Núñez, nun momento no que o Colexio de San Xerome serve xa plenamente ás funcións propiamente reitorais, é cando realmente é consolidada a idea de concretar unha galería de reitores. Isto levou a encomendarlle a María Carrera Pascual (1937), profesora de Debuxo na Facultade de Belas Artes da Complutense, unha serie de retratos dos reitores dos últimos tempos, sendo Luis Legaz Lacambra (1906-1980), que o foi entre 1942 e 1960, o primeiro dos considerados ao respecto. Leva a sinatura de M. Carrera e presenta unha vista do Obradoiro como fondo desta pintura.

Alejandro Rodríguez Cadarso

Con este retrato, a Universidade pretende ir completando a súa galería de reitores, facendo honor a quen, ostentando no pasado responsabilidade, non fora retratado. Alejandro Rodríguez Cadarso (1887-1933), nacido na villa de Noia, ocupou o cargo de reitor da Universidade compostelá entre os anos 1930 e 1933, sendo catedrático de Anatomía Descritiva nela desde 1916. É Manuel Quintana Martelo quen asina e data esta obra no ano 2008. Neste caso, parte dunha fotografía, moi posiblemente realizada por Ksado. Preséntanolo, de feito, convertido nun cadro que se nos mostra sobre unha parede traballada cun coidadoso sentido matérico, en cuxa parte inferior pode lerse A RESIDENCIA, en explícita alusión ao papel que este reitor desempeñou na posta en marcha deste espazo universitario compostelán.

Lino Torre

Xa no século XX, o primeiro reitor ao que se retrata é Lino Torre Sánchez Somoza (1866-1921), que dirixe os destinos da Universidade no período 1920-1921. O tema será tratado en pintura por Tito Vázquez e en escultura por Francisco Asorey. Neste caso, non se mantén a formulación seguida nos reitores previamente retratados -Viñas e Casares-. Estamos, ademais, perante un catedrático de Dereito desta Universidade que foi tamén alcalde de Compostela entre 1903 e 1909.

Na pintura, a luz proxéctase de xeito desigual no seu rostro que, deste modo, destaca sobre un fondo escuro. Distíngueo a medalla reitoral.

Luís Blanco Rivero

Conta Luis Blanco Rivero (1871-1942) -catedrático de Anatomía Topográfica a partir de 1904 en Santiago e decano entre 1936-1941- cun retrato asinado por Tito Vázquez, co que medra esta galería de decanos. Leva no peito a medalla de doutor e tamén a banda e a Gran Cruz propia da Real Orde de Isabel a Católica. Dada a autoría desta pintura, trátase dun cadro feito en vida do decano en cuestión e será, posiblemente, o punto de partida para o que faga Elvira Santiso para a Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, hoxe na Facultade de Xeografía e Historia. Foi alcalde de Santiago entre 1914 e 1917 e reitor da universidade compostelá entre 1921 e 1930.

Maximino Teijeiro Fernández

Naceu en 1827 en Monforte de Lemos e morreu en Santiago en 1900. Esta pintura forma parte da galería de retratos dos presidentes da Real Sociedade Económica de Amigos do País da Cidade de Santiago, xa que ocupou ese cargo entre os anos 1869 e 1871; concretamente hai un retrato seu, feito por Sanmartín en 1869 que nos aproxima a como era el por entón. Evidentemente o mostrado nesta pintura responde a unha idade moi superior á que tiña cando desempeñou tal labor.

Vítor de Jacobo Gil Villanueva

Jacobo Gil Villanueva naceu e morreu en Compostela (1831-1906). En 1857 é catedrático de Dereito Civil da Universidade de Santiago; tamén será reitor (1890-1891, 1904-1906). O seu vítor é unha obra escultórica na que se suman un retrato, un sucinto encadre e unha epígrafe. Preséntase o personaxe en forma de busto, coa muceta negra, propia do reitor, lucindo a medalla. Polo que se refire ao rostro, parece seguirse unha imaxe súa correspondente a 1905. Apoia o seu brazo esquerdo nun libro cuxo lombo di: DE LOS CENSOS, referíndose ao seu libro “De los censos, según la legislación general de España”. Fíxoo Francisco Asorey en 1923 e está localizado na entrada do Paraninfo.

Antonio Casares

Este retrato, obra de Juan Mateos, dátase a finais do XIX e faino partindo dos mesmos criterios seguidos para o de Juan José Viñas, o outro reitor co que se inicia esta serie. Non é o único deste personaxe que se conserva na Universidade compostelá xa que hai outro no decanato da Facultade de Medicina. A reitoría tamén contou, no seu día, cun busto seu debido ao escultor Sanmartín de la Serna. A Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago conta tamén cun retrato seu na súa galería de directores, cargo que ostentou entre 1850 e 1858.

Juan José Viñas

Con este retrato, e outro similar de Casares, iníciase a galería de reitores da Universidade de Santiago de Compostela. É obra do pintor Juan Mateos, de finais do século XIX. Pende no seu peito a medalla de reitor, cargo que ostentou en Compostela entre os anos 1843 e 1854. A Universidade de Salamanca conta tamén, na súa galería de retratos dos seus reitores, cun de Viñas, xa que ocupou alí este cargo no curso 1865-1866. O encargado de facelo foi Gerardo Meléndez Cornejo en 1886. Outro retrato de Viñas, na súa condición de director da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago -cargo que ostentou entre 1858 e 1859 e desde 1866 a 1867- consérvase hoxe na Facultade de Xeografía e Historia de Compostela.

Alonso de la Peña Montenegro

Foi reitor da Universidade compostelá ata que en 1653 foi nomeado bispo de Quito por Inocencio X.  Este retrato procede do Colexio de Fonseca. Alonso de la Peña y Montenegro naceu en Padrón (1596-1681). O seu vínculo con este centro levouno a facer nel unha fundación, cunha festa, “la del obispo de Quito” que aínda se celebraba no século XIX. O prelado está en pé. Acompáñao no alto o seu escudo. Unha cartela en lateral fai referencia ao personaxe, valorado desde Compostela. A súa esquerda porta, entrementres, un papel dobrado no que se di “Illmo Sr/ Bouzas fecit”. Tal circunstancia levou a consideralo obra de Juan Antonio García de Bouzas e realizado no segundo cuarto do século XVIII.

Francisco de Aguiar Seijas y Ulloa

Figura en pé. Tres mitras aluden ás sedes episcopais que se lle adxudicaron: a de Guadalaxara, que non chegou a ocupar, despois a de Michoacán (1678-1681) e, xa en 1681, a de México. O lateral da mesa ocúpase neste caso cunha longuísima inscrición. Todo, agás a derradeira liña -“Rector de esta Universidad en 1668”-, responde a un modelo mexicano, país do que procede. Chama a atención o feito de que se confunda a data da súa reitoría en Compostela, que foi en 1657.

Nesta zona alta móstrase parte dun escudo con armas da súa liñaxe e borlas propias da súa condición episcopal. Este retrato pertenceu ao Colexio de Fonseca.

Lope Sánchez de Ulloa

Retrato de D. Lope Sánchez de Ulloa, reitor da Universidade entre 1534 e 1545. O personaxe aparece sentado ante un fondo neutro nunha cadeira de madeira. É un retrato frontal lixeiramente xirado, de medio corpo. O personaxe mira de fronte ao espectador e aparece vestido coa vestimenta de fidalgo do século XVI: casaca negra que deixa ver o alzacolo e puños brancos, luvas -signo de poder- e sostén na dereita a beca de colexial vermella. Lenda: "LUPUS SANCTIUS DE ULLOA/ EX COMIT. DE MONTEREI/ CASTELLAE PRAESES".