Representa unha orquestra de cámara, composta por tres músicos, en pleno concerto. As figuras dos tres músicos enchen todo o primeiro termo, case encaixados no espazo que os rodea, caracterizado polas dislocadas perspectivas -o piano, a mesa- e a compactidade ambiental. Nesa somera descrición do interior, o artista destaca, no mesmo plano que a figuración, un vaso con flores -calas- enriba dunha mesa, sendo este un dos motivos máis recorridos na produción de Barreiro, precisamente xunto ao tema dos músicos. É unha boa mostra da expresiva e exultante linguaxe plástica do autor, cun colorido vibrante, aplicado en trazos grosos e mesmo a manchas, cunha pincelada solta e xestual que se combina co vigoroso debuxo que en trazo negro perfila as formas. Asinado no a.i.e. : "Barreiro 89" No reverso aparece escrito polo autor: "Orquesta de cámara/Barreiro/Vigo/30-Mayo--89" No reverso unha ficha da "I Mostra Unión Fenosa" cos seguintes datos: Autor: José Barreiro Gómez, os datos persoais , o título, técnica e a valoración do seguro (950.000 pesetas)