Magnífico retratista, tanto de persoas recoñecidas como anónimas, Conde Corbal aborda nesta obra un retrato colectivo co que recrea a historia de Galicia, seguindo a obra homónima de Castelao; entre eles os poetas Pondal, Curros Enriquez, Manuel Antonio, Rosalía de Castro, Nicomedes Pastor Díaz, o Padre Sarmiento e o Padre Feixóo; o gaiteiro de Soutelo, Camba, Emilia Pardo Bazán, Fernández Flórez, Lamas Carvajal, Ramón Cabanillas, Concepción Arenal, Iglesias Alvariño, Valle Inclán, Castelao, Risco, Otero Pedrayo, Losada Diéguez, Vilar Ponte, Basilio Álvarez, Alexandre Bóveda, Carro Santalices, López Cuevillas, Ferro Couselo, Taboada Chivite, Blanco Amor e Celso Emilio Ferreiro. Tecnicamente, Conde Corbal emprega a pintura acrílica -a súa preferida- que lle confire unha brillantez ás cores, destacando o agresivo dos vermellos e azuis, que sempre emprega nas súas máis altas gamas de forza cromática. Herdeiro da estética do granito galego, que se desenvolveu no primeiro terzo do século XX, o autor adopta a forza xestual do neoexpresionismo e o debuxo de trazo groso que reforza ese carácter granítico. Sérvese tamén desta técnica para crear a distorsión das figuras. Está presente o seu gusto por encher o cadro, polo horror vacui de tradición barroca. Obra cedida polo seu autor para a súa exposición na Facultade de Económicas e Empresariais da USC.