A serie de retratos que Felipe Criado realiza para a Universidade de Santiago afástase do concepto de retrato académico. Neste caso, trátase do que foi decano da Facultade de Farmacia, Jaime González Carrero (1934-1958). Este aparece en primeiro termo sentado nunha cadeira de brazos, xunto a unha mesa na que se sitúan dous libros, que farían alusión ao carácter académico. No fondo, nunha escena secundaria, Criado representa tres figuras vestidas coa bata branca tradicional farmacéutica que, de costas ao espectador, sitúanse diante dun laboratorio. Estilisticamente, o autor afástase nesta obra do cromatismo contido que caracterizaría a súa produción ata finais da década dos 70. Colorido nos azuis do traxe do retratado pero tamén nos rosas, verdes, malvas ou amarelos da cadeira e do fondo. Xoga coas sombras, pero estas non son escuras, senón de cores vivas de influencia expresionista; pero o debuxo tamén ten un papel fundamental xa que lle serve para delimitar a silueta das figuras, tanto do retratado coma das do último termo, no que vemos o gusto do autor por as liñas sinuosas, envolventes e os perfís redondeados. Asinado no ángulo inferior esquerdo "Felipe Criado 1972".