Carlos Pajares naceu en Madrid en 1945. Foi reitor entre 1984 e 1990. O seu retrato está asinado por Siro, Siro López Lorenzo (1947), humorista gráfico, caricaturista e ensaísta, condicións que, en certo modo, supoñen esta aproximación a Pajares, catedrático de Física Teórica. Sen romper a ortodoxia académica, o personaxe aparece coa indumentaria propia do cargo, posando en pé, coas súas mans xuntas e cunha mirada viva e un tanto riseira, afastándoo da usual severidade coa que se presenta aos reitores. Tras el podemos ver un fondo decorativo que evoca a cadeira presidencial do Paraninfo da Universidade compostelá.