Barcos
Trátase dunha mariña na que o motivo central son dous barcos veleiros que a pintora resolve de xeito esquemático e elemental, en base a figuras xeométricas -rectangulares coas que crea a barca e triangulares cos que resolve as velas-. Son formas intencionadamente inxenuas, o que se relaciona coa pintura naïf. As cores son intensas; azuis e verdosas para os barcos e o mar e o ceo representado cunha cor ocre. Na aparente simplicidade do cadro, Dans logra crear a sensación de profundidade mediante unha composición en base a liñas horizontais, que lle serven para situar o barco no mar e crear a liña do horizonte; as sombras creadas polos barcos trátaas a pintora mediante o escurecemento da paleta cromática que emprega, a cal tamén lle serve para tratar os efectos lumínicos sobre a auga. Asinado no a.i.d. "dans"