Darío Villanueva
Darío Villanueva naceu en Vilalba (Lugo) en 1950. Foi reitor entre os anos 1994 e 2002. Quessada (1937-2007) é o pintor a quen se lle encomendou este retrato no que o retratado aparece sedente coa indumentaria propia de reitor. No seu colo está pousado un enigmático esquío, o que lle outorga a este cadro un certo cariz misterioso; neste caso debe relacionarse coas súas vivencias como reitor, xa que no claustro de San Xerome, polo seu tempo, naquel antigo colexio, podía verse un exemplar desta especie. Da relación do reitor con este pintor dá conta a seguinte dedicatoria: “a mi buen amigo Darío Villanueva- V- 2002”.
A evocación dalgún dos retratos de Francis Bacon parecen suxerir modos a este pintor, tan bo intérprete das máis excelsas voces da arte contemporánea.
Catedrático desde 1987 de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Universidade de Santiago de Compostela, de cuxa Facultade de Filoloxía foi decano entre 1987 e 1990. Publicáronse os seus discursos como reitor (Vid. D. Villanueva, 2003). É académico da Real Academia Española de la Lengua desde xullo de 2007 (Vid. http://proxectole.es/quen-somos/dario-villanueva-prieto/) e o seu director desde 2015 ata 2019 (Vid. http://www.rae.es/academicos/dario-villanueva-prieto). Polo que se refire ao autor do retrato, Quessada, conta na súa traxectoria profesional cun bo número de obra ao respecto (Vid. J. M. García Iglesias, 1987; O. Sotelo Blanco, 1991; J. M. García Iglesias, 2016, p. 211).
J. M. García Iglesias, 1987: J. M. García Iglesias, Quessada, Ourense (Deputación Provincial de Ourense), 1987.
J. M. García Iglesias, 2016: J. M. García Iglesias, Minerva, la Diosa de Compostela. Espacios y obras a relacionar con el saber, Santiago de Compostela (Andavira Editora- Consorcio de Santiago), 2016.
O. Sotelo Blanco, 1991: O. Sotelo Blanco, Conversas con Xaime Quessada, Barcelona (Sotelo Blanco), 1991.
D. Villanueva, 2003: D. Villanueva, Discurso do Rectorado (1994-2002), Santiago de Compostela , Santiago de Compostela, (Consello Social- Universidade de Santiago de Compostela), 2003.