Francisco Piñeiro Pérez
Pertencente xunto con Mariano Tito Vázquez á Xeración do 98, Elvira Santiso converteuse nunha das principais retratistas da sociedade compostelá das primeiras décadas do século XX. Neste caso, retrata a Francisco Piñeiro Pérez, decano da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela. Trátase dun retrato de medio corpo, no que se presenta ao personaxe en lixeiro escorzo, contribuíndo así a aumentar a sensación espacial a pesar de que o fondo é neutro. O personaxe vai vestido cun traxe negro e camisa branca; leva as insignias coas que fois condecorado, entre as que se encontra a medalla peitoral -indicativo da súa condición de membro académico-. A solidez do debuxo presente neste retrato é unha clara débeda de Fenollera, de quen foi discípula, así como a gama cromática a base de grises. A autora logra transmitir o carácter psicolóxico do retratado e a caracterización dos rasgos fisionómicos do mesmo, o que queda acentuado mediante a luz. Asinado no a.i.e. : "Elvira Santiso"
Figura como catedrático de Clínica Médica en Santiago en 1894 (A. Franco Grande, 2014, p. 1031-1042; R. Gurriarán, X. A. Otero Costas e J. M. García Iglesias, 2014; J. M. García Iglesias, 2016, p. 216-217), foi decano entre 1921 e 1931 e un recoñecido seguidor de Montero Ríos (R. Gurriarán, 2006, p. 265). É alcalde de Santiago en 1909, que foi Ano Santo Compostelán; pronunciou o discurso da Ofrenda da Translación (C. Presas Barrosa, 2000, p. 427).
No tocante aos estudos de Medicina, na súa condición de alcalde, desempeñou un papel crucial na posta en marcha das obras da Facultade, nunha iniciativa compartida co reitor Cleto Troncoso. No seu tempo de decano rematou a súa edificación (M. Barral Martínez, 2002, p. 37-44).
O retrato é obra de Elvira Santiso e segue as pautas propias deste fondo dos decanos de Medicina. Dátase en 1940 e, ademais da medalla de doutor, porta a Cruz de Comendador da Orde Civil de Afonso XII e a insignia de honor da Cruz Roja Española. Coida esta pintora, seguidora das formas de Tito Vázquez e de Fenollera, o detalle, tanto no rostro, ao que o seguimento dunha fotografía non impide o coñecemento directo do retratado, como en pormenores tales como a cadea do reloxo, sobre o seu peito.
M. Barral Martínez, 2002: “O Templo de Galeno na Universidade de Santiago”, en M. Romani Martínez e M. A. Nóvoa Gómez (ed.): Homenaje a José García Oro, Santiago de Compostela, Universidade de Santiago de Compostela, 2002, pp. 33-47.
A. Franco Grande, 2014: A. Franco Grande, La medicina compostelana (1847-1950), Santiago de Compostela, Andavira Editora, 2014.
J. M. García Iglesias, 2016: J. M. García Iglesias, Minerva, la Diosa de Compostela. Espacios y obras a relacionar con el saber, Santiago de Compostela, Andavira Editora e Consorcio de Santiago, 2016.
R. Gurriarán, 2006: R. Gurriarán, Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940), Santiago de Compostela, Universidade de Santiago de Compostela, 2006.
R. Gurriarán, X. Otero Costas e J. M. García Iglesias, 2014: R. Gurriarán, X. Otero Costas e J. M. García Iglesias, A galería de decanos da Facultade de Medicina, Santiago de Compostela, Universidade de Santiago de Compostela, 2014.
C. Presas Barrosa, 2000: C. Presas Barrosa, “Martín de Herrrera (1889-1922)”, en El Boletín Oficial Eclesiástico del Arzobispado de Santiago, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, (2000).