O Paraninfo: a Filosofía, as Ciencias e as Letras

José María Fenollera
José Manuel García Iglesias

A parte inmediata do teito do Paraninfo universitario compostelán, obra de Fenollera, parece relacionar Filosofía e Dereito, Ciencia e Medicina, e as Letras e a Farmacia, seguindo os doutoramentos daquela época nesta Universidade.

Así, a representación da Filosofía sostén un libro que di na súa portada: “A. BRAÑAS. M.- Filosofía del Derecho- Santiago- 1900”; deste xeito súmanse ambos os estudos. Filosofía e Dereito, ascende cara ao lugar no que pode verse un triángulo luminoso, símbolo que pode relacionarse coa Divindade pero que tamén cabe recoñecer como un Delta luminoso propio da masonería.

O paraninfo presenta no seu teito, na parte máis próxima á súa presidencia, o tema coñecido como “A Filosofía, as Ciencias e as Letras”. É posible que á hora de presentar esta temática se teñan en conta, tamén, os tres doutoramentos que naquel momento podía outorgar a Universidade compostelá. Desde tal presuposto pártese neste caso dunha certa relación entre a Filosofía e o Dereito, a Ciencia e a Medicina, e as Letras e a Farmacia.

O punto de partida é a representación da esfera celeste, na que se marca cunha ancha banda branca o que cabe entender como espazo propio do ecuador celeste. Sobre esta forma esférica, contemplada nunha parte, aparece a figura que Fenollera recoñece como representación das Letras. Xa en pé, ingrávida nos ceos, e nun plano que se entende como máis próximo, podemos contemplar a quen é recoñecida polo pintor como alusión á Ciencia, en tanto que a suposta como Filosofía é a aparentemente máis afastada.

Neste sentido, a relación máis clara, no concernente á interpretación conxunta dunhas determinadas temáticas con outras, é a que nos ofrece a figura da Ciencia coa Medicina. Ademais da cor amarela con que se viste esta muller -o propio deses estudos- leva esta nas súas mans un microscopio acromático de tubo recto, de obxectivos intercambiables, aparello construído pola casa Reichert en 1886, seguindo instrucións do profesor Ramón Varela de la Iglesia que impartiu cursos de Histoloxía e Patoloxía en Compostela desde un laboratorio privado antes da creación da cátedra en 1889 (R. Sixto Edreira, 1995, pp. 432-433; A. Bugallo Rodríguez, A. Sisto Edreira, 1996, p. 66).

A figura interpretada como a propia das Letras, neste caso para vincular a Farmacia, relaciónase con esta fundamentalmente a través da muller sentada, vestida coa cor morada característico desta carreira. Non resulta estraña á actividade farmacéutica o escribir, gardando de tal modo memoria das posibles fórmulas a elaborar.

É indubidable que a muller que simboliza a Filosofía é aquela que se mostra talmente como unha representación da Asunción, elevándose cara ao ceo, orientando ao alto a súa man esquerda, cara a un triángulo luminoso alí existente. Hai nesta disposición algo máis ou menos querido, que parece sintonizar co pensamento neoplatónico dalgúns homes significativos do Renacemento -Marsilio Ficino, Pico della Mirandolla-, en relación coa idea de ascender á “nube onde Deus reside” ( E. Wind, 1972, p. 70). A portada do libro que sustenta alude, en cambio, ao dereito xa que di o seguinte: “A. BRAÑAS. M.- Filosofía del Derecho- Santiago- 1900”. Deste xeito súmanse neste caso ambos os estudos, Filosofía e Dereito; e, ao tempo, relaciónase coa Universidade compostelá, a través dun dos seus insignes catedráticos. A data explicitada é, por outra parte, a propia da morte de Alfredo Brañas Menéndez.

A imaxe ascende cara ao lugar no que pode verse un triángulo luminoso, símbolo que pode relacionarse coa Divindade pero que tamén pode recoñecerse como Delta luminoso (J. C. Clemente, 1996, p. 103). Séguese, de tal forma, a instrución do Mestre: “aspiro a elevarme e a penetrar as altas rexións do coñecemento espiritual” (L. M. Martínez Otero, 2009, p. 125). Dos tres lados que delimitan o delta sacro, un correspóndese coa morte pero os outros dous teñen que ver co nacemento e a vida (L. M. Martínez Otero, 2009, p. 81).

Estamos, en todo caso, ante un símbolo que tanto ten un valor para o masón como para quen non o é porque se asocia, primeiramente, coa Trindade. E Brañas non era masón, pero si un convencido católico. É certo que para o masón, coa morte entréganse as ferramentas terrestres para pasar ao Oriente Eterno (L. M. Martínez Otero, 2009, p. 155). Tamén, nesa forma ascendente, existe por outra banda unha certa glorificación do católico Brañas, inimigo político, como rexionalista, dos monteristas que estaban tan presentes, directa ou indirectamente, neste Paraninfo e que se situaban nas antípodas ideolóxicas dos masóns.

Non é cuestión menor a representación da esfera celeste na parte baixa, como unha especie de punto de partida coa súa parte ecuatorial -proxección do ecuador terrestre- en branco, ben marcada. É habitual vincular a esa parte media da esfera terrestre a representación dos signos zodiacais. Todo o que aquí se nos mostra está máis aló do seu posible influxo. Con iso cabe aludir, co significado que supón para a masonería, ao paso dos equinoccios e os solsticios, que foron entendidas desde unha perspectiva metafórica como a Porta dos Ceos e das Estacións (http://eruizf.com/masonico/doc/solstico_sisalo_wancjer.pdf Libro de Enoc: Libro sobre o movemento das Luminarias Celestiais. Libro de Enoc. Capítulo 72-82. Vid. J. M. García Iglesias, 2016, pp. 397-399).

A. Bugallo Rodríguez, A. Sisto Edreira, 1996: A. Bugallo Rodríguez, A. Sisto Edreira, “El Patrimonio Científico”, en VILA JATO, M. D. (coord.), El Patrimonio Histórico de la Universidad de Santiago de Compostela. Catálogo, Santiago de Compostela (Universidad de Santiago de Compostela- Parlamento de Galicia), 1996, p. 66.

J. C. Clemente, 1996: J. C. Clemente, Los masones. La apuesta de los Hijos de la Luz, Madrid (Editorial Fundamentos), 1996.

J. M. García Iglesias, 2016: J. M. García Iglesias, Minerva, la Diosa de Compostela. Espacios y obras a relacionar con el saber, Santiago de Compostela (Andavira Editora- Consorcio de Santiago), 2016.

L.M. Martínez Otero, 2009: La masonería. Historia… símbolos… y misterios, Barcelona (Ediciones Obelisco), 2009.

R. Sixto Edreira, 1995: “Microscópio Acromático de tubo recto”, en (Catálogo de Exposición) Gallaecia Fulget. V Centenario da Universidade de Santiago de Compostela (1495-1995), Santiago de Compostela (Universidade de Santiago de Compostela), 1995, pp. 432-433.

E. Wind, 1972: E. Wind, Los misterios paganos del Renacimiento, Barcelona (Barral Editores), 1972.

Ficha técnica

Número de referencia: IBC0000148-2
Autoría: José María Fenollera
Título: O Paraninfo: a Filosofía, as Ciencias e as Letras
Temas: 
Conmemorativo
Mitolóxico
Data: 1906
Técnicas: 
Óleo
Materiais: 
Estuco