Ir o contido principal
Museo virtual Universidade
de Santiago
de Compostela
  • gl
  • es
Inicio Inicio

Inicio

Presentación

Coleccións

  • Contemporánea
    Espazos
    Retratos
    Vítores

Itinerarios

  • Gabinete de Curiosidades
    Minerva Compostelá
    Reitores

O meu museo

Localización

Explora

Política de privacidade
  • AlfabéticoCronolóxico
Etiqueta Facultade de Medicina (14)
Antonio Casares
Antonio Casares
Juan Mateos
1888

Este retrato, obra de Juan Mateos, dátase a finais do XIX e faino partindo dos mesmos criterios seguidos para o de Juan José Viñas, o outro reitor co que se inicia esta serie. Non é o único deste personaxe que se conserva na Universidade compostelá xa que hai outro no decanato da Facultade de Medicina. A reitoría tamén contou, no seu día, cun busto seu debido ao escultor Sanmartín de la Serna. A Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago conta tamén cun retrato seu na súa galería de directores, cargo que ostentou entre 1850 e 1858.

1888
Antonio Novo Campelo
Antonio Novo Campelo
Elvira Santiso
1940

Antonio Novo Campelo (1878-1948), nomeado en 1910 catedrático de Terapéutica da Universidade de Santiago, foi decano entre 1931-1936 e 1941-1948 (Vid. Gurriarán, Otero Costas, García Iglesias, 2014). O seu retrato leva a sinatura de Elvira Santiso. Ademais da medalla propia de doutor, óptase por mostrar outras distincións. Aparece distinguido como Comendador (Saada) da Orde da Medhauia e, á esquerda desta, a de Comendador de Instrución Pública de Portugal e, ao pescozo, o colar de Comendador da Orde de Afonso X o Sabio. Neste caso, utilízase a muceta e o bonete co amarelo propio de Medicina para presentar o persoeiro. Ábrese deste modo unha forma de presentar os decanos que será máis ou menos seguida en bastantes casos posteriores.

1940
Jesús Otero Costas
Vicente Prego
2012

Débense a Vicente Prego (1957) os retratos de Jesús Otero Costas (1942) -catedrático de Fisioloxía da Facultade de Medicina de Santiago en 1983 e decano desde 1984 a 1989-, Andrés Beiras Iglesias (1947) e Juan Jesús Gestal Otero (1947). Seguen unhas pautas similares: uso do traxe académico e medio corpo. Hai, con todo, matices diferenciais; así, o que nos mostra a Otero Costas preséntase cun libro baixo o brazo e unha serie de instrumentos para o rexistro neurofisiolóxico, relacionados co quefacer deste profesor. Son, en todo caso, retratos feitos sobre personaxes que o pintor coñece persoalmente, con independencia de que tamén utilice a fotografía á hora de acometer o traballo.

2012
Joaquín Potel Lesquereux
Manuel Quintana Martelo
1993

O retrato de Joaquín Potel Lesquereux (1937) -catedrático de Cirurxía desde 1977 e decano entre 1982 e 1984-, así como o de Francisco Javier Jorge Barreiro (1946) -catedrático de Anatomía Humana desde 1983 e decano entre 1989 e 1995- levan a mesma identificación -Q M 93- No caso de Potel, Quintana Martelo segue a opción do retrato sedente.

Visten co traxe académico sen barrete, pero levando en cambio a medalla de doutor. Os fondos son tratados con notorio interese plástico polo artista, insinuando espazos. Este retrato supón unha especie de síntese entre dous modos de representar os decanos, coa indumentaria académica por unha parte e sedente nun espazo suposto por outra.

1993
José María Morales Carballo
José María Morales Carballo
Mariano Tito Vázquez
1900

É en 1900 cando M. Vázquez asina o retrato do decano da Facultade de Medicina José María Morales Carballo, quen ocupa o cargo desde 1868 ata o seu pasamento (A. Franco Grande, 2014, p. 1283; R. Gurriarán, X. A. Otero Costas e J. M. García Iglesias, 2014). Con el parece que se pretende iniciar unha galería de decanos da Facultade de Medicina. Represéntase con traxe escuro, en disposición frontal e coa medalla de doutor. Sempre estivo vinculado este retrato á Facultade, primeiro no Colexio de Fonseca e, actualmente, no Salón de Graos do devandito centro (J. M. García Iglesias, 2016, p. 212-214). Cómpre relacionar a citada sinatura coa que, neste momento, utiliza Mariano Tito Vázquez, quen, posteriormente, será especialmente coñecido como Tito Vázquez (J. M. López Vázquez, 1997). Este pintor chega a Compostela en 1889 polo cal esta obra ten que considerarse entre as primeiras aquí realizadas.

1900
José Varela de Montes
José Varela de Montes
Dionisio Fierros
1874

Por un acordo da Xunta de Decanos, ao día seguinte da morte de Varela de Montes en 1868, proponse que “… se solicite del Gobierno de la Nación la autorización para colocar el retrato de este sabio maestro en la Biblioteca de la Universidad entre los de los hombres ilustres que la honran y ennoblecen”. E alí chegará este retrato, seis anos despois de facelo, como un agasallo de Dionisio Fierros que agradece ao reitor Casares. Conta cun texto que di así: “A D. José Varela de Montes/ recuerdo de amistad/ del autor/ Dº Fierros/ 1874”. Correspóndese, pois, coa época da segunda estadía do pintor en Galicia -entre 1873 e 1876- .

1874
varelamontes
José Varela Montes
Elvira Santiso García
1950

Seguindo o modelo do retrato que Dionisio Fierros fixera de José Varela Montes en 1874 (1796-1868), Elvira Santiso realiza outro do que fora decano da facultade de Medicina; o retrato, de medio corpo, representa o personaxe case frontal, aínda que lixeiramente xirado, o que contribúe a crear a sensación de espazo, xa que o sitúa ante un fondo neutro. Centra a atención no rostro ao iluminalo directamente, tentando transmitir o carácter do personaxe, dando a apariencia de serenidade. Represéntase Varela Montes cun traxe negro e camisa branca adornado coas condecoracións que recibiu; a banda e a Cruz da Orde de Isabel a Católica, a cruz da Orde de Carlos III e a Medalla ao Mérito en Medicina.

1950
Luis Blanco Rivero
Luís Blanco Rivero
Mariano Tito Vázquez
1903

Conta Luis Blanco Rivero (1871-1942) -catedrático de Anatomía Topográfica a partir de 1904 en Santiago e decano entre 1936-1941- cun retrato asinado por Tito Vázquez, co que medra esta galería de decanos. Leva no peito a medalla de doutor e tamén a banda e a Gran Cruz propia da Real Orde de Isabel a Católica. Dada a autoría desta pintura, trátase dun cadro feito en vida do decano en cuestión e será, posiblemente, o punto de partida para o que faga Elvira Santiso para a Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, hoxe na Facultade de Xeografía e Historia. Foi alcalde de Santiago entre 1914 e 1917 e reitor da universidade compostelá entre 1921 e 1930.

1903
Pedro Pena
Pedro Pena Pérez
Manuel López Garabal
1970

É Manuel López Garabal quen en 1970 retrata a Pedro Pena Pérez (1889-1975), catedrático de Patoloxía Xeral en Santiago a partir de 1928 e decano entre os anos 1948-1952. Cambia agora o concepto do retrato decanal xa que é presentado sentado, mostrando as súas mans en tres cuartos e orientando o rostro cara ao espectador. A imaxe gaña en naturalidade pola pose e pola indumentaria: un simple traxe. Óptase por un fondo neutro.

1970
portada facultade medicina
Portada da Facultade de Medicina
Ramón Núñez
1910

O favor outorgado por Montero Ríos á Universidade compostelá propiciou a construción da Facultade de Medicina que se erixe entre 1905 e 1922 atendendo a trazas de Fernando Arbós y Tremanti, nunha localización inmediata ao Hospital Real. A súa portada, de carácter ecléctico, está presidida por un relevo concibido en mármore e que inclúe un tímpano no que se nos mostra unha operación cirúrxica practicada sobre o corpo dunha muller. É obra de Ramón Núñez, escultor vinculado a este centro e autor que realizara previamente o programa iconográfico da portada da Real Universidade.

1910
Roberto Nóvoa Santos
Roberto Nóvoa Santos
Francisco Asorey
1961

Nóvoa Santos naceu en 1885 e morreu en 1933. Licenciouse en Medicina na Universidade de Santiago de Compostela en 1907. Foi profesor desta Universidade desde 1911 e accedeu á Cátedra de Patoloxía da Universidade de Madrid en 1928. Conta cunha homenaxe moi especial dentro da Facultade de Medicina, xa que preside na actualidade o seu vestíbulo e escaleira principal.

1961
varelademontes
Vítor de José Varela Montes
Elvira Santiso
1940

Este vítor dátase en 1940. É obra da pintora Elvira Santiso. Na súa composición cabe valorar tres partes: un retrato, unha ambientación complementaria e un epígrafe. No relativo ao retrato de Varela de Montes (1796-1868), está disposto na parte alta e media, nun marco ovalado rodeado de loureiro. Copia, nas súas formas, o realizado por Dionisio Fierros. Baixo o retrato pode verse unha disección anatómica que evoca a representada na propia Facultade de Medicina á que se fai, así, referencia, así como aos seus estudos, mostrando libros, apuntamentos e recipientes utilizados para a atención médica. O epígrafe disponse, como é común, na parte inferior.

1940
Miguel Gil Casares
Vítor de Miguel Gil Casares
Francisco Asorey
1932

Gil Casares nace en Santiago (1871-1931) e licéncianse en Medicina en 1893. En 1897 é catedrático de doenzas da infancia e catro anos despois accede á cátedra de Patoloxía e Clínica Médica. Se a comparamos coa que realizara en honor a Carracido no colexio de Fonseca, hai unha certa similitude no xeito en que compón Asorey este vítor a xeito de lápida, nun principio disposto no Hospital Real e actualmente situado na Facultade de Medicina. Neste caso, porén, móstrase en pé e en actitude de falar. Viste o traxe académico e acompáñase dunha epígrafe na que se fai un “fervoroso homenaxe ás súas virtudes”.

1932
Xan Barcia Caballero
Vítor de Xan Barcia Caballero
Gabriel Xosé Eiroa Barral
1901

Xan Barcia naceu e morreu en Santiago (1852-1926) e foi catedrático de Anatomía desta Universidade desde 1894. Unha placa honrando a súa figura dispúxose orixinariamente no Hospital Real sendo posteriormente trasladada á Facultade de Medicina; débese a Eiroa. Presenta un retrato en bronce que se inspira nunha fotografía dos seus últimos anos, incorporándose a un marco de pedra no que se redacta unhaepígrafe en galego deixando, así, constancia do galeguismo que di así: XAN BARCIA CABALLERO/ MEDICO E POETA/ NACEU N´ESTA CASA O … /25 D OCTUBRO DO 1852--- FINOU NO/ 10 D OCTUBRO DO 1926. Complétase con outra epígrafe, en letras menores que di o seguinte: TRASLADADA DO HOSPITAL Á FACULTADE DE MEDICINA.

1901